5 Outubro 2021

Informe de entregas e prezos do leite en Galicia e España en agosto de 2021

As entregas de leite aumentan de forma considerable respecto ao mesmo mes do ano pasado, en Galicia un 6,17% e no resto de comunidades un 3,34%, incrementándose a produción total nacional nun 4,48% (+26.614 t). No tocante ao prezo, este tamén aumentou respecto a agosto de 2020, en Galicia un 3,48% (+1,1 c/L), mentres que en España fíxoo nun 4,00% (+1,3 c/L).

  • Galicia lidera as entregas de leite en España no mes de agosto con 254.784 t, representando un 41,05% das entregas nacionais (620.689 t). As entregas, tanto en Galicia como no conxunto do resto de comunidades, aumentan de forma considerable respecto ao mesmo mes do ano pasado, sendo este incremento maior en Galicia (6,17%, 14.803 t) que no resto de comunidades (3,34%, 11.812 t).
  • Analizando o período xaneiro-agosto 2021 fronte a xaneiro-agosto 2020, no conxunto de España as entregas aumentan en 57.032 t (+1,15%). Este incremento está sostido na subida das entregas das explotacións lácteas galegas (62.541 t, +3,21%), mentres que o resto de comunidades cun peso relevante na produción española mantéñense estables ou descenden lixeiramente (Castela e León -0,10%; Cataluña -1,16%; Andalucía -0,26%; Asturias 0,07%; Cantabria -0,68%).
  • As calidades do leite en España aumentan respecto a agosto de 2020, situándose nun 3,66% a graxa e no 3,25% a proteína. As calidades do leite de Galicia seguen sendo superiores ás do resto de comunidades (3,74% a graxa e 3,28% a proteína vs 3,60% e 3,23%).
  • O prezo medio pagado polo leite en Galicia en agosto de 2021 situouse en 32,7 c/L, un incremento de 0,2 c/L (0,62%) en relación ao mes anterior, mentres que en España situouse en 33,8 c/L, un incremento de 0,4 c/L (+1,20%). Respecto ao mesmo mes do ano pasado, o prezo medio pagado aos produtores aumentou en Galicia nun 3,48% (+1,1 c/L), mentres que en España fíxoo nun 4,00% (+1,3 c/L). A diferenza entre o prezo medio pagado no Estado e en Galicia é de 1,1 c/L, cifra que ascendería a 1,8 c/L comparando o pagado en Galicia co prezo medio ponderado do resto de comunidades autónomas (34,5 c/L).
  • A estandarización do leite en España (4,0% de graxa e 3,3% de proteína) continúa amosando un diferencial de prezos máis grande entre Galicia e o resto de comunidades autónomas que o que se observa unicamente co prezo real. A media estatal estandarizada é de 35,4 c/L, que aumenta ata 36,4 c/L se non se ten en conta a produción de Galicia, onde se sitúa o prezo en 33,8 c/L.
  • Os prezos de agosto expresados en c/kg (32,82 en España e 31,75 en Galicia) son un 8,77% e un 11,74% inferiores, respectivamente, ao prezo medio ponderado da UE-27 (todos sen estandarizar), que se situou en 35,97 c/kg (0,59% respecto a xullo e +9,30% respecto a agosto de 2020).
  • As entregas de leite ecolóxico en España ascenderon no mes de agosto a 4.178 t (0,67% do total de entregas), cun prezo medio de 47,1 c/L.  Destas, 2.076 t foron de produtores galegos (49,7% sobre o total nacional), representando o 0,81% das entregas de Galicia. O prezo medio pagado en Galicia situouse en 47,2 c/L.

Newsletter

A través da nosa newsletter manterémolo informado das novas publicacións e eventos.