5 Novembro 2021

Informe de entregas e prezos do leite en Galicia e España en setembro de 2021

Nos primeiros nove meses de 2021, as entregas de leite en Galicia medraron en 72.609 t (+3,33%) respecto ao mesmo período de 2020, mentres que en España ascenderon en 69.902 t (+1,26%). No que atinxe ao prezo medio, en Galicia situouse en 33,3 c/L, mentres que en España alcanzou os 34,2 c/L.

  • Galicia lidera as entregas de leite en España no mes de setembro con 240.587 t, representando un 40,80% das entregas nacionais (589.643 t). Estas aumentan en Galicia con respecto ao mesmo mes do ano pasado un 4,37% (10.068 t), mentres que no resto de comunidades o incremento é menor (0,81%, 2.802 t), rexistrando a nivel nacional unha subida do 2,23% (12.871 t).
  • Analizando o período xaneiro-setembro 2021 fronte a xaneiro-setembro 2020, no conxunto de España as entregas aumentan en 69.902 t (+1,26%). Este continúa a ser inferior á subida das entregas das explotacións lácteas galegas (72.609 t, +3,33%), mentres que o resto de comunidades cun peso relevante na produción española mantéñense en cifras similares ao ano anterior (Castela e León +0,23%; Cataluña -0,96%; Andalucía -0,16%; Asturias -0,02%; Cantabria -0,50%).
  • As calidades do leite en España son similares a setembro de 2020, situándose nun 3,72% a graxa e no 3,29% a proteína. A porcentaxe de graxa presenta importantes variacións entre comunidades, chegando ao 3,80% en Galicia fronte ao 3,66% no resto de comunidades.
  • O prezo medio pagado polo leite en Galicia en setembro de 2021 situouse en 33,3 c/L, un incremento de 0,6 c/L (1,83%) en relación ao mes anterior, mentres que en España aumentou 0,4 c/L (1,18%), ata os 34,2 c/L. Respecto ao mesmo mes do ano pasado, o prezo medio pagado aos produtores aumentou en Galicia nun 4,06% (+1,3 c/L), mentres que en España fíxoo nun 3,95% (+1,3 c/L). A diferenza entre o prezo medio pagado no Estado e en Galicia é de 0,9 c/L, cifra que ascendería a 1,5 c/L comparando o pagado en Galicia co prezo medio ponderado do resto de comunidades autónomas (34,8 c/L).
  • A estandarización do leite en España (4,0% de graxa e 3,3% de proteína) continúa amosando un diferencial de prezos máis grande entre Galicia e o resto de comunidades autónomas que o que se observa unicamente co prezo real. A media estatal estandarizada é de 35,4 c/L, que aumenta ata 36,4 c/L se non se ten en conta a produción de Galicia, onde se sitúa o prezo en 34,2 c/L.
  • Os prezos de setembro expresados en c/kg (33,20 en España e 32,33 en Galicia) son un 11,23% e un 13,56% inferiores, respectivamente, ao prezo medio ponderado da UE-27 (todos sen estandarizar), que se situou en 37,40 c/kg (+2,72% respecto a agosto e +10,18% respecto a setembro de 2020).
  • As entregas de leite ecolóxico en España ascenderon no mes de setembro a 3.748 t (0,64% do total de entregas), cun prezo medio de 48,8 c/L.  Destas, 1.824 t foron de produtores galegos (48,7% sobre o total nacional), representando o 0,76% das entregas de Galicia. O prezo medio pagado en Galicia situouse en 47,1 c/L.

Newsletter

A través da nosa newsletter manterémolo informado das novas publicacións e eventos.