Documento nº 2

Efecto Norte

Apertura

No mundo operan dinámicas intensas de integración internacional, iniciadas despois da segunda guerra mundial, que provocan o que se chama globalización. Os procesos máis salientábeis son: o fin da etapa colonial (rematada coa caída da URSS no 89), a redución das barreiras ao comercio e o forte desenvolvemento da loxística e as comunicacións.

No caso da Galiza incidiu especialmente a entrada na Unión Europea (1986). Ese foi o chanzo decisivo na nosa particular globalización: a incorporación a un mercado moito máis grande e competitivo. Sectores básicos da economía (leite, pesca, construción naval) sufriron as consecuencias dunha negociación feita de costas aos nosos intereses. Porén houbo aspectos positivos como as axudas económicas, especialmente para o sector primario, e a dotación de infraestruturas de trasporte, fundamentais para aproveitar as oportunidades da apertura comercial.

O que está a pasar aquí é similar ao que acontece en outras partes de Europa e do mundo, no que se  rexistra, desde o comezo do novo século, un maior crecemento relativo dos pobos menos desenvolvidos. Éramos unha sociedade bastante illada e a incorporación ao mercado común europeo trouxo para nos unha  vantaxe específica: a desaparición da fronteira sur no eido económico. Xa non estamos afastados de Portugal en termos comerciais. É un cambio estratéxico que nos permite volver ser, despois de moitos séculos, un norte efectivo.

Cambio

A dinámica económica xerada polo novo posicionamento opera desde comezos da década dos noventa, unha vez que se empeza a superar a custosa adaptación ao marco comunitario, marcada pola mala negociación de entrada.

Durante a crise do 92 ábrese unha fase de expansión do comercio presidida por unha decidida apertura ao sur, era inevitábel despois de séculos de estarmos afastados dun espazo co que tíñamos que ter unha gran relación natural. O crecemento do comercio con Portugal rexistrou un balanzo moi favorábel para Galiza e contou coa participación dun número alto de axentes económicos. Moitas empresas galegas deron os seus primeiros pasos no comercio internacional vendendo en Portugal, un mercado moi próximo na xeografía e na cultura.

A longa queda económica do país veciño desde o 2001 e as habilidades adquiridas tras quince anos na UE deron pé a unha nova fase de diversificación de mercados e crecemento das exportacións. Tendencia que se veu reforzada, nos últimos tempos, pola necesidade das empresas de manter as vendas nun contexto de forte contrición da demanda interna.

A economía galega, que representaba pouco máis do 4% das exportacións de mercadorías españolas a comezos dos 90, tivo unha participación do 7,86% nesa magnitude no 2013, a pesares de que todas as comunidades do Estado aumentaron moito a súa actividade de venda ao exterior como consecuencia da crise. No ano pasado, a demanda externa representou un 33% do noso PIB contra o 23,3% da media española. A capacidade de vender fora permitiu que Galiza obtivera unha cobertura das importacións do 128 %. Un balanzo comercial exterior con claro superávit, dato que contrasta co 95% do conxunto da economía española, que aínda ten déficit, a pesares de que tamén está a mellorar.

Como reflexo do cambio rexistrado, Galiza, que a primeiros dos 90 tiña un coeficiente de apertura exterior –exportacións máis importacións sobre total do PIB-  da orde do 20%, rexistra agora unha apertura de case o 60%. Ningún indicador como este amosa o alto grado de internacionalizazón da actividade produtiva do país. Xa non somos un pais periférico, como aínda pensan os que nos miran desde Madrid, incluídos moitos que viven aquí.

A internacionalizazón ten consecuencias en moitos eidos porque a economía sempre puxa da sociedade. Galiza rexistra agora procesos que son comúns a case todas  as sociedades actuais, como é o crecemento das áreas metropolitanas mais grandes e o progresivo despoboamento do medio rural. Tendencia acelerada, no noso caso, porque o mundo rural galego partía dunha situación excesivamente pechada con intercambios comerciais que, hai poucas décadas, operaban sobre todo a escala comarcal. Baste lembrar que cando Xosé Manuel Beiras alumeou (1972) o seu coñecido libro O atraso económico de Galicia a poboación ocupada no sector primario era o 57 % do total. Agora está en torno ao 8 %, que inclúe tamén a pesca, unha actividade na que o emprego caeu moito menos.

Oportunidades

O desenvolvemento económico, ese “efecto norte” que nos vai medrando dentro, opera case automaticamente e fai que a nosa renda per cápita estea xa por diante de todas as comunidades autónomas do sur peninsular, incluída Valencia e agás Madrid (a capital ten moita capacidade de zugar recursos), e se achegue devagariño á media española. Pero a sociedade necesita tomar medidas para aproveitar mellor os cambios e compensar os problemas novos que van xurdindo.

Existe unha tendencia global ao envellecemento da poboación, conforme aumenta a esperanza de vida e cae a taxa de natalidade. No noso caso, ese proceso -directamente conectado coa mellora da produtividade media pola perda de poboación rural ocupada en actividades de produtividade baixa- é particularmente intenso e amosa, mellor que ningún outro síntoma, a gravidade dos problemas que persisten. Cando alguén me comenta que Galiza ten falla de poboación nova, contesto que o que ten e falla de oportunidades, pois estamos a exportar mozos ben preparados.

Se realmente queremos ser un norte desenvolvido fica moito camiño por percorrer e non podemos fiar o futuro só a mecanismos de apertura máis ou menos espontáneos, que, as veces, teñen excesivos custes sociais.

As oportunidades dun país residen, sobre todo, na capacidade e na iniciativa da súa xente, pero hai que procurar que o contorno no que traballan as persoas fomente a súa actividade e lles abra portas, cantas máis mellor. Hai cousas que axudan moito, a primeira é non estragar recursos. Para iso o máis importante é que o sector público funcione ben, porque emprega o 40 % do gasto total da sociedade. Outra é tirar o máximo proveito dos activos comúns que temos, para provocar un aumento das oportunidades. Se somos quen de concienciarnos das eivas que nos limitan, seremos capaces, desde a sociedade civil, de facer presión para que as cousas melloren.

Vou poñer o exemplo de dous activos fundamentais para un desenvolvemento sostido, que a sociedade galega non está aproveitando, ao meu ver, axeitadamente. O primeiro é cultural: temos unha lingua que compre internacionalizar. Vivimos nunha sociedade globalizada, que valora a capacidade de comunicarse en idiomas con peso internacional, non só en inglés. O galego facilita o acceso a un mercado de 250 millóns de persoas, algúns empresarios xa o saben  e empezan a aproveitalo, eles non andan con divagacións ortográficas.  A Estaca de Bares debería ser o punto mais ao norte do planeta onde sexan oficiais o español e o galego-portugués, as dúas linguas latinas máis espalladas no mundo, que ademais son oficiais na UE. Iso si sería potencia competitiva da man da cultura. Debería ensinarse portugués no ensino medio, acelerando a aprendizaxe do galego na primaria e, partindo del, rematar o programa de galego, no bacharelato e na FP, con dous cursos finais en portugués.

Os que queren converter Galiza nun país monolingüe en castelán, incluída a súa combativa quinta columna galega, están a practicar un vello imperialismo cultural, pero en realidade o que procuran é privarnos do noso principal activo colectivo para debilitarnos, aproveitarse eles e beneficiaren aos nosos competidores. Non é só un problema cultural, é un desafío económico porque procura o noso empobrecemento.

O outro é o territorio, a capacidade de producir cousas en condicións que se dan en poucos lugares do mundo. Temos demasiado terreo improdutivo ou pouco produtivo, necesitamos mentalizarnos de que hai que cambiar hábitos e normas e xerar dinámicas para facilitar que estes recursos sexan fonte de riqueza.

Ter activos importantes pouco utilizados é fundamentalmente culpa nosa, na sociedade actual as cousas cambian cando un pobo está decidido a iso.


Traballo realizado por:

Enrique Sáez Ponte

Newsletter

A través da nosa newsletter manterémolo informado das novas publicacións e eventos.