Documento nº 1

Galicia, potencia petrolífera: “Temos ouro branco”

Galicia é o país dos mil ríos, como a definiu don Álvaro Cunqueiro. É tamén o bonsái atlántico, a dicir de Manuel Rivas. Pero ademais destas e outras moitas cousas, Galicia é unha potencia económica de futuro se sabe aproveitar e rendibilizar algúns dos seus sectores primarios, como o leiteiro. Porque Galicia ten unha riqueza láctea, que a pode converter nunha das potencias mundiais, de xeito especial no novo escenario que se abre en Europa a partir do próximo ano coa liberalización do mercado.

É tal o potencial leiteiro galego, que algúns estudosos e especialistas non dubidaron en comparar esta produción coa petrolífera, e cualificar esa colleita de “petróleo branco”, como as reservas petrolíferas se cualifican de “ouro negro”. Así pois entenden que este país dispón dunha riqueza, como o petróleo, que hai que saber atopar, producir e comercializar, nun mercado global que precisa deste produto.

Por aportar un dato recente, Galicia foi, na campaña láctea 2013-2014 a comunidade española con unha maior produción de leite, con case dous millóns e medio de toneladas de produto entregado, o que supón un 38,6 por cento do total do Estado. Pero tamén foi a comunidade na que peor se lle pagou ós gandeiros,  con case dous céntimos menos por litro respecto a outras como Andalucía, Estremadura ou Castilla La Mancha. Un dato tremendamente chamativo: producir hoxe leite en Galicia resulta menos rendíbel que hai unha década.

Historicamente o sector lácteo galego só se asoma ós medios de comunicación polas malas ou negativas noticias. Baixa do prezo do leite ós gandeiros, sancións polo incumprimento da cota, manifestacións de protesta,  baixo importe das axudas da PAC, complot das industrias lácteas, impagos, denuncias de intercambio de información sensible; en fin. Pero é que esta é a realidade existencial do sector desde sempre, realidade que se acelerou  de xeito especial co ingreso de España na Unión Europea onde os produtores leiteiros foron dos principais afectados,  xunto cos da pesca e da construción naval.

Foi ese ingreso en 1986 o que obrigou ós 112.000 produtores galegos de entón a ter que axustarse ó réxime das cotas lácteas, que se implantaron pese a oposición de todo o sector porque iniciaba o seu desenvolvemento e atopouse coa limitación da cota para o seu crecemento. A produción ese ano andaba por o millón  cen mil toneladas.  Pero as distintas decisión europeas, con incremento de cotas, en varias ocasións non  foron suficientes para cubrir a capacidade de crecemento do sector galego .  As cotas,  xunto con outras medidas de intervención, foi o réxime para manter prezos máis altos do leite e mellorar a competitividade das explotacións de menor tamaño, pero  foi o sistema de aplicación desas cotas en Galicia o que levou ós responsables das explotacións a realizaren  elevados investimentos na compra de cota, que en moitos casos acabou por  acelerar a súa desaparición. Das 112.000 explotacións hoxe sobreviven  poucas máis de 10.000 pero que producen mais do dobre.

Só o esforzo en traballo e inversións dos gandeiros que lograron sobrevivir fixo que a produción se duplicase no último cuarto de século, o que supón que a día de hoxe alcance case ese 40% da do Estado español. Pero pese a esa importante cota o sector vive momentos especialmente delicados cun modelo produtivo mellorable, desaproveitando o potencial forraxeiro, ante unha  competencia salvaxe, moita debilidade das industrias lácteas e unha carencia absoluta de relación interprofesionais entre produtores, industrias e distribuidores.

O sector lácteo europeo,  o competidor máis próximo ao galego no mercado libre a partir do próximo ano, é moi diverso. Hai explotacións con vacas en praderías de grande calidade,  con vacas estabuladas en grandes  instalación case  industriais  e  tamén outras en alta montaña. Do mesmo xeito a produción de leite anual por explotación é moi diferente. Dende a República Checa que tivo no 2012 unha produción de 1.309 toneladas/ano,  ás 74 de Polonia,  coas  636  de Holanda e as 330 de España.  Ou desde as  79 vacas por explotación de Holanda,  ás 49 de Francia e ás 43 de España.

E Galicia? Pois coa necesidade de seguir avanzando na produción e incrementando o tamaño das explotacións para facelas máis eficientes, pese a que iso supoña a desaparición das máis pequenas e menos competitivas. O número medio de vacas nas nosas explotacións sitúase en torno ás 27 con unha produción por explotación de 233 toneladas/ano, e ninguén dubida que esas cifras deben e van a modificarse á alza.

Pese a que a situación actual non é a ideal e si moi mellorable, o sector leiteiro,  a dicir dos especialistas, é un dos que mellor está aguantando a crise económica e social. A morosidade  dos produtores de leite nas entidades financeiras é menos da metade do global destas entidades e iso contando co esforzo inversor das explotacións.

Así pois, Galicia móstrase como  a potencia láctea de España e unha das máis importantes de Europa. Non esquezamos que nun recente estudio da Unión Europea a nosa comunidade aparecía como unha das cinco primeiras coas características máis favorables para ser potencia leiteira. Pero é que ademais convén recordar que nos últimos anos produciuse un déficit de produtos lácteos nos mercados asiático, ruso e africano e que diante desa necesidade, Galicia pode e debe desenvolver un papel decisivo complementando a produción de leite cunha transformación   en produtos diversificados que permitan abastecer mercados internacionais onde se incrementa a demanda.

Esa potencialidade pódese manifestar, dun xeito especial no novo escenario que se presenta de cara ao próximo ano,  coa desaparición das cotas.  Os estudosos e especialistas do sector coinciden en sinalar que estudos elaborados pola propia Comisión Europea confirman este extremo así como o incremento da produción galega fronte o descenso doutros lugares do Estado.

E iso vaise poñer de manifesto a partir do 1 de abril de 2015,  cando desaparezan as tal discutidas e criticadas cotas lácteas que veu impoñendo a Unión Europea. Vai ser entón cando Galicia teña que afrontar o seu futuro sen rede de seguridade, porque o sector lácteo europeo, tamén o galego, verase obrigado a competir nun mercado liberalizado no que van a desaparecer os actuais mecanismos de control,  agás en caso de graves crises  e as axudas públicas van diminuír considerablemente,  sen renunciar a que se atopen medidas alternativas no marco da aplicación do paquete lácteo europeo.

Vai ser, por tanto  o sector lácteo galego, o que teña que saír adiante  buscando mercado para os seus produtos non unicamente en Europa senón a nivel mundial . E aí produtores, industrias e distribución deberán poñerse de acordo se non queren sufrir unha debacle.

Que compre facer, por tanto nestes momentos? Pois tomar conciencia e dinamizar a todos os axentes que poden influír sobre o sector.  Dinamizar para poñer en valor un produto que pode ser clave para o  desenvolvemento sustentable do rural galego. Para  concienciar da importancia dun produto, o leite, que pode converter o rural galego nun  entorno económica e socialmente diferente. Para contribuír a dignificación da profesión dos produtores. Para apoiar a comercialización dos produtos lácteos galegos en Galicia, en España, en Europa e no resto do mundo. E, en definitiva, para promover e espallar a revitalización do sector lácteo diante dos tempos que se aproximan que poden resultar clave para cambiar a dinámica económica e social do campo galego, pero tamén, no caso de que non se actúe axeitadamente, para perder definitivamente o tren do porvir.

Por iso nace a Asociación Galega Terra e Leite. Coa vocación de apoiar a todos os defensores de Galicia e do seu sector lácteo. A cidadáns, gandeiros, empresarios, asociacións, administracións, industrias, sindicatos, partidos políticos, etc. A quen sinta a necesidade de apoiar e de mirar cara ó futuro. A Asociación bota a andar para aportar. Para dialogar. Para axudar.

A Asociación arrinca coa participación de estudosos do sector, especialistas, persoas vinculadas á produción e a  transformación, historiadores, e tamén persoas absolutamente alleas ó agro. Pero todas elas unidas en torno a un proxecto que saben que é posible e necesario. Profesionais de diversas procedencias ideolóxicas e laborais dan  un paso, convencidos de que poden facer un labor importante diante dese reto que se presenta co novo escenario da desaparición das cotas de produción láctea.

Non pretendemos poñerlle deberes a ninguén, estamos seguros de que todos os actores están a facelo o mellor que poden e saben, queremos poñer os nosos coñecementos e as nosas modestas opinións a disposición de quen as queira aproveitar.

O reto non pode ser más atractivo. Facer  do sector lácteo de Galicia unha potencia. A potencia petrolífera europea. Nada menos. Facer de Galicia a terra do petróleo branco.


Traballo realizado por:

Newsletter

A través da nosa newsletter manterémolo informado das novas publicacións e eventos.