Documento nº 12

A SITUACIÓN DO SECTOR LÁCTEO. APUNTES PARA A REFLEXIÓN E O DEBATE.

(Foto cedida por Campo Galego)

A SITUACIÓN DO SECTOR LÁCTEO. APUNTES PARA A REFLEXIÓN E O DEBATE.

A Asociación Galega Terra e Leite, con motivo da desaparición das cotas lácteas, organizou no pasado mes de marzo unha xornada na que se analizaron os principais retos aos que se enfrontaba o sector lácteo galego nun contexto de liberalización do mercado. Entre as principais conclusións tiradas deste encontro, destacaban a potencialidade contrastada do sector produtor e a necesidade do mesmo de continuar procurando unha maior base territorial. No que se refería á industria incidiuse na escasa capacidade da mesma para xerar valor engadido no proceso de transformación do leite e de non responder ás expectativas que cabería supoñerlle pola súa situación nun territorio coas capacidades que presenta no eido da produción. Ao respecto dos problemas que se presentan na cadea de valor, reclamábase un papel máis activo das administracións, que se tiñan que implicar máis en facer cumprir as normas desde arriba (distribución), cara a baixo (industria – produtor). E como corolario, subliñábase que o futuro do sector ía depender da capacidade e da vontade de todos os actores da cadea láctea -incluídas as administracións- de procurar unha solución a estes problemas con amplitude de miras e visión estratéxica de país, xa que non debemos esquecer que Galicia produce o 40% do leite de España e somos a novena rexión produtora de Europa.

Nas últimas semanas os problemas do sector lácteo están acotío nos medios de comunicación, que dan conta das concentracións de tractores nas rúas, das declaracións dos sindicatos, dalgún da industria, dos políticos de todas as cores, e ata dos presidentes do goberno central e autonómico que amosan a súa preocupación pola situación do sector. En definitiva, a nova situación do mercado despois da supresión das cotas e os gandeiros cos seus tractores están poñendo o sector leiteiro no mapa do debate político e social.

Para os problemas que presenta o sector non hai solucións milagreiras. No actual contexto ten que prevalecer a “altura de miras” que se reclamaba nas conclusións da xornada que se mencionou máis arriba, pero para iso é necesario facer compatibles os intereses persoais dos diferentes actores cunha estratexia compartida de defensa en conxunto do sector con visión de futuro, xa que ningún actor de maneira individual vai dar solución ao problema lácteo. Loxicamente a solución non é doada, pero cada un debe asumir as súas responsabilidades, facer autocrítica e sobre todo, non esquecer que xa se pasou por situacións máis complicadas que se superaron con éxito.

Hoxe, o problema do sector lácteo, aínda que o pareza, non é o prezo do leite. O prezo é un síntoma dos seus problemas e para iso basta con analizar por que en Galicia temos uns gandeiros que cobran polo seu leite na actualidade un prezo en liña cos máis altos de Europa, e pola contra, outros –os menos-, cobran o prezo máis baixo de Europa.

Dentro dos obxectivos desta asociación está o de facer propostas construtivas para o debate por se puideran resultar de interese. Con este obxectivo, é co que elaboramos este sucinto documento que sintetiza a nosa opinión sobre o que acontece.

Os gandeiros.-

Como xa se ten dito, son os únicos que fixeron relativamente ben os seus deberes, se ben deben continuar facendo un esforzo por aumentaren a súa base territorial para dependeren menos das materias primas de importación para alimentación do gando. Esta cuestión é de vital importancia para a mellora da eficiencia das explotacións aínda que con frecuencia é esquecida polos gandeiros en canto se produce unha mellora dos marxes das explotacións.

Con todo, o sector produtor debería ter asumido -e terá que asumilo no futuro- un maior protagonismo tanto nas organizacións representativas como no establecemento de alianzas coas industrias. Quizais esta crise -na que están sendo as vítimas da falta de planificación europea e da desvertebración da cadea láctea en España e en Galicia-, sirva como revulsivo para mudar esa actitude na que se tiñan instalado.

Os sindicatos.-

Os sindicatos, como é natural, nesta crise están tratando de recuperar a representatividade perdida dentro do sector, querendo erixirse en defensores dos intereses dos gandeiros, e de paso, coma calquera organización de persoas, dos seus propios. Todo indica que van ter unha difícil tarefa por diante, xa que os cambios sociais tamén chegan ao sector primario, onde cada vez hai profesionais máis novos e máis formados que non son alleos aos problemas sociais e á crise de representatividade que sofren as organizacións políticas tradicionais e tamén as sindicais, e que son capaces de organizarse directamente para a defensa dos seus propios intereses, se a situación o require, tal e como se está vendo.

As cooperativas.-

Convén diferenciar dous grupos, as que compran leite aos socios e actúan de simples intermediarios para vendelo á industria, e as cooperativas industriais. As primeiras teñen un interese moi limitado, mentres que as segundas, se alcanzan unha gran dimensión e lideran o sector nas zonas nas que se implantan, son fundamentais para a sostibilidade do sector produtor. No entanto, cando son de escasa dimensión e teñen que competir con empresas industriais, están claramente en desvantaxe pola súa menor capacidade competitiva.

Compradores sen industria.-

Estes operadores, ao igual cas cooperativas que actúan como simples intermediarias entre os gandeiros e as industrias, teñen pouco interese, aínda que a súa proliferación ten orixe, entre outras cousas, na rixidez introducida polo “paquete lácteo” no marco da regulación das relacións entre os produtores e as industrias.

Estes compradores contribúen na actualidade a que moitas explotacións estean cobrando os prezos máis baixos de España polo leite, debido á súa falta de capacidade de almacenamento, que lle obriga a liquidar os seus stocks a calquera prezo, e que en consecuencia teñen que trasladar aos gandeiros.

O Grupo lácteo galego.-

Un soño malogrado en varios intentos, que xa non vai poder ser, pero que non debe ser obstáculo para que poidan xurdir novos proxectos de certo calado con capital galego, nacional ou internacional. A administración galega podería e debería xogar un papel importante como catalizador deste tipo de investimentos, que xa se produciron nas principais rexións produtoras de Europa, pero non así en Galicia, a pesar de que é a novena rexión produtora. Estes proxectos serían compatibles con iniciativas de menor valor estratéxico, pero necesarias tamén para a vertebración e a diversificación do sector.

As administracións.-

A maioría das competencias relacionadas co mercado lácteo dependen da Unión Europea, que optou pola retirada das cotas deixando a regulación do sector nas mans do libre mercado sen apenas intervención pública. Este proceso de liberalización está tendo no curto prazo unhas consecuencias moi negativas para o sector no conxunto da UE, motivado en gran medida por unha sobreestimación das previsións de incremento da demanda mundial de produtos lácteos que serviu de estímulo para incrementar unha produción que excede da demanda real, tirando dos prezos á baixa. Neste contexto parece razoable recuperar a capacidade de intervención pública para darlle estabilidade ao mercado lácteo na UE, sen esquecer a posibilidade de poñer en marcha outras medidas complementarias de apoio á renda dos produtores.

Pero as competencias de regulación dos mercados en xeral non son exclusivas de Europa, polo menos no que respecta á aplicación no mercado interior. As administracións central e autonómica teñen ditado normas nese senso, como a lei da cadea alimentaria, o Real Decreto polo que se regula o chamado “paquete lácteo”, a lei de defensa da competencia, ou téñense dotado de organismos como a Comisión Nacional dos Mercados e da Competencia e os correspondentes órganos das Comunidades Autónomas. Polo tanto, estas administracións, se queren, poden e deben xogar un papel decisivo no funcionamento dos mercados, simplemente aplicando e velando polo cumprimento das normas, pero ata o de agora isto non se ten feito, sendo especialmente clamoroso no que atinxe ao sector primario, onde parecen colocarse acotío ao lado do elo máis forte da cadea.

A experiencia demostra que non basta con ditar leis, e moito menos con ditar leis que actúan en contra da lóxica dos mercados, como o “paquete lácteo” que ten colocado á industria láctea nunha situación insostible, e que en gran medida, é o responsable da situación dos prezos do leite en Galicia polas características da torta da recollida á que tamén forzou esta norma na Comunidade.

Ata o de agora pódese afirmar que as Administracións Central e Autonómica no tema lácteo non tiñan, nin teñen aínda, un plan de futuro para o sector, limitándose a saír do paso ofrecendo esmola aos máis castigados cando as cousas se poñen difíciles e saen os tractores ás rúas en véspera dun período electoral. O lácteo, sobre todo en Galicia, precisa dun plan estratéxico para a supervivencia do principal motor económico do noso medio rural.

As industrias.-

O sector industrial galego e español hai tempo que amosa unha pasividade e unha falta de estratexia a longo prazo que o colocan nunha situación de suma debilidade en relación ao doutros países da nosa contorna. A continuación faremos unha breve análise, agrupando aquelas industrias que ao noso entender, presentan unha certa homoxeneidade no seu comportamento:

  • Nestlé, Danone e Kraft.- Na actualidade este grupo de empresas quizás sexan as máis importantes do sector industrial, non tanto polo leite que transforman en España, senón por seren líderes mundiais que definen as súas estratexias a nivel global. Apostaron por produtos de alto valor engadido e para os gandeiros que manteñen contratos con elas, son unha garantía en canto a prezo e recollida.
  • Pascual.- Tivo un papel importante na modernización do sector pero nos últimos tempos non foi capaz de adaptarse aos cambios nos comportamentos do consumidor. Na actualidade parece continuar sen posicionamento estratéxico claro, pero albiscase que o leite non vai ser a súa principal liña de actividade debido á continua perda de volume de recollida.
  • Leite Río – Lence.-  Nos últimos anos acadou un gran volume de recollida en Galicia froito da estratexia de retirada das grandes marcas a raíz da crise de prezos altos do 2007/08 (Pascual, Puleva e Central Lechera Asturiana), chegando a ser a máis importante de Galicia. Está especializada no segmento de baixo prezo e nas marcas brancas e prometía ser a alternativa industrial que garantise a recollida aos gandeiros ao procesar grandes volumes. A situación mudou como consecuencia da implantación do “paquete lácteo” e a imposición obrigatoria dos contratos. Na actualidade estímase que perdeu dous terzos da recollida e a súa estratexia está centrándose na elaboración de leite de maior valor engadido, o que deixa nunha situación de incerteza a necesaria reconversión das catro fábricas que ten en Galicia. Por outra banda a empresa presenta problemas de sucesión que poden dificultar a súa continuidade.
  • Covap e Iparlat.- Dúas empresas de base cooperativa, a primeira asentada en Andalucía e a segunda no País Vasco. Apostaron por fabricar para a gran distribución e na actualidade non parecen presentar excesivos problemas pero tampouco supoñen unha oportunidade para o sector. A súa presenza en Galicia limítase a comprar volumes importantes de leite a intermediarios sen industria, o que pode resultar unha ameaza se optan por desenvolver a produción nas zonas nas que están implantadas.
  • Clas e Lactogal.- Estas dúas cooperativas (a segunda é portuguesa, dona de Leite Celta), compran máis do 25% do leite da península. Contan cunhas boas infraestruturas e sería positivo para Galicia que apostasen por unha integración ordenada e por unha expansión da recollida para poderen actuar como contrapeso peninsular fronte a competidores estranxeiros. Neste proceso de integración tamén podería tomar parte Feiraco, empresa tamén de base cooperativa. Esta estratexia serviría como alternativa para os gandeiros ante a diminución de volumes de recollida de Leite Río e outros operadores. Con respecto a este grupo asistimos recentemente a unha nova que consideramos positiva, como é a creación dunha sociedade mixta para xestionar e comercializar en conxunto as marcas da distribución.
  • Reny Picot.- Empresa con forte presenza internacional, especializada en derivados lácteos como o leite en po e a manteiga. Na actualidade aumentou considerablemente a recollida en Galicia -con prezos moi baixos- aproveitando o oco deixado por Leite Río, cooperativas primeiras compradoras e compradores sen industria. A nivel estratéxico é unha empresa con un bo posicionamento competitivo, profesionalizada e cunha visión clara do que acontece no sector lácteo a nivel global.
  • Lactalis.- É un dos grandes líderes mundiais e na actualidade tamén o é en Galicia e en España. Con toda probabilidade esta empresa vai xogar no futuro un papel destacado dentro do sector lácteo, nun proceso no que moitas outras industrias acabarán desaparecendo. Conta con un saber facer derivado da estratexia seguida en Francia na que produtores, industria e administración traballan en conxunto para que a cadea láctea estea equilibrada co fin de manter un sector primario rendible a pesar das rixideces impostas por Bruxelas. En España e en Galicia, esta empresa pode ser unha gran oportunidade ou tamén unha ameaza, dependendo de cómo actúe no futuro.

A distribución.-

A estratexia das grandes cadeas de distribución centrada en gañar cotas de mercado a calquera prezo, estaas levando moitas veces a un comportamento pouco ético cunhas consecuencias nefastas sobre os sectores produtivos, neste caso sobre o sector lácteo. O emprego do leite como produto reclamo supón na práctica unha transferencia de valor desde o sector lácteo cara a outros sectores, vulnerando na maioría dos casos o marco legal aplicable e sen que as administracións actúen con decisión para impedir este tipo de prácticas.

Aspectos positivos desta crise.-

Como de todas as crises, desta tamén se pode sacar algún aspecto positivo. En primeiro lugar o sector alcanzou unha gran relevancia nos medios que fixo que a sociedade no seu conxunto sexa máis consciente da súa importancia. En segundo lugar os gandeiros están dando probas de sensatez que indican unha mellor comprensión da orixe dos problemas, e por tanto, da necesidade de ter unha cadea láctea ben integrada que garanta a recollida a prezos que permitan a viabilidade das explotacións. En terceiro lugar, as administracións xa non poden seguir ignorando a importancia estratéxica do sector lácteo e vense obrigadas a intervir no conflito propoñendo solucións. E por último, no que atinxe á industria, é probable que as máis importantes (Central Lechera Asturiana, Lactalis, Lactogal, Reny Picot…) saian reforzadas ante a desaparición doutros operadores de menor importancia estratéxica.

Propostas prioritarias de traballo.-

Á vista da situación do sector non cabe dúbida que este é o momento de que todos os actores da cadea, incluídas as administracións, adopten decisións de calado e a longo prazo para darlle estabilidade ao sector. A continuación apuntamos algunha proposta para o debate:

  • Estabilizar os contratos entre gandeiros e industrias, simplificando a súa posta en marcha e facilitando que as dúas partes se sintan cómodas evitando as actuais rixideces.
  • Adaptar as OPLs ás necesidades das partes contratantes para evitar que na práctica teñan un papel artificial e pouco operativo. Bastaría con adoptar o modelo que está tendo éxito en países como Alemaña.
  • Eliminar aos compradores sen industrias, sexan particulares ou cooperativas, que contribúen en gran medida aos baixos prezos.
  • Facer un seguimento real do sistema de fixación de prezos a longo de toda a cadea, incluíndo o prezo de venda das industrias á distribución e destas ao consumidor.
  • Asegurar un servizo de inspección que garanta a veracidade do anterior e que aplique, de ser o caso, as sancións previstas na normativa vixente.
  • Estabilizar as relacións na interprofesional láctea onde industrias e produtores deben esforzarse por establecer estratexias conxuntas.
  • Forzar á distribución a participar na interprofesional láctea para tratar de lograr os obxectivos do “paquete lácteo”.
  • As administracións, tanto agora no curto prazo, como no futuro, teñen que asumir o protagonismo na defensa do sector e non escudarse en que a normativa europea ou a Comisión Nacional dos Mercados e da Competencia non permiten a intervención pública. Temos os exemplos de Francia, Alemaña e Italia, que tamén están en Europa pero actúan de inmediato en defensa do sector para garantir a súa supervivencia.

A Coruña, a 9 de setembro de 2015

 

Asociación Galega Terra e Leite

www.terraeleite.org

 


Traballo realizado por:

Newsletter

A través da nosa newsletter manterémolo informado das novas publicacións e eventos.