2 Agosto 2023

Informe de entregas e prezos do leite en Galicia e España en maio de 2023

O prezo medio pagado polo leite en Galicia situouse en 52,20 c/L, un descenso de 1,1 c/L (-2,06%) en relación a abril e un incremento de 10,20 c/L (+24,29%) respecto a maio de 2022. Este aumento é similar ao de España con respecto a maio de 2022 (+11,20 c/L; +25,99%).

  • Como nos meses anteriores, Galicia lidera as entregas de leite no mes de maior de 2023con 263.815 t, representando un 40,52% das entregas españolas (651.140 t). En Galicia as entregas aumentan con respecto ao mesmo mes do ano pasado en 1.367 toneladas (0,52%), mentres que no resto de comunidades redúcense respecto ao mes de maio de 2022 en 233 toneladas (-0,06%); aumentando tamén a produción nacional, en 1.134 toneladas (0,17%) respecto do mesmo mes do ano anterior.
  • Ao analizar o período xaneiro – maio 2023 fronte a xaneiro – maio 2022, no conxunto de España as entregas redúcense en 19.724 toneladas (-0,63%). Mentres se produce nas explotacións galegas un aumento nas entregas (999 toneladas, 0,08 %), ao tempo que as principais comunidades produtoras reducen as súas entregas (Asturias -2,63%; Andalucía -1,14%; Cantabria -2,34%; Castela e León -0,78%) con excepción de Cataluña (1.229 t, 0,38%).
  • As calidades do leite en España vénse reducidas respecto ao mes pasado, tanto en graxa (3,69% vs. 3,76%) como en proteína (3,34% vs. 3,36%). Respecto ao mesmo mes do ano anterior, a graxa diminúe (3,69% vs. 3,71%) mentres que a proteína aumenta (3,34% vs. 3,27%). En Galicia, a graxa redúcese e a proteína aumenta respecto de abril de 2023. En canto ao diferencial de Galicia co resto de comunidades no valor da graxa é amplo (3,79% vs. 3,62%) e o da proteína, a pesar de contar Galicia con un valor maior, este diferencial non é tan amplo (3,36% vs. 3,33%).
  •  O prezo medio pagado polo leite en Galicia, en maio de 2023, situouse en 52,20 c/L, un descenso de 1,10 c/L (-2,06%)  en relación ao mes anterior, mentres que en España a redución de prezo respecto de abril de 2023 é de 1,70 c/L (-3,04%), ata 54,30 c/L. Respecto ao mes de maio do ano pasado o prezo medio pagado aos produtores subiu en Galicia un 24,29% (+10,20 c/L), mentes que en España o fixo nun 25,99% (+11,20 c/L). A diferenza entre o prezo medio pagado no Estado é de 2,10 c/L. Se se compara o prezo de Galicia (52,20 c/L) co medio ponderado do resto de comunidades autónomas (55,7 c/L) a diferencia é de 3,5 c/L.
  • A estandarización do leite en España ( 4,0% de graxa e 3,3 % de proteína) continúa amosando un diferencial de prezos  máis grande entre Galicia e o resto de comunidades autónomas que o que se observa unicamente co prezo real.  A media estatal estandarizada é de 56,27 c/L, que aumenta ata 58,2 c/L se non se ten en conta a produción de Galicia, onde se sitúa o prezo en 53,33 c/L.
  • Os prezos de maio expresados en c/kg (50,68 c/kg en Galicia e 52,72 c/kg en España) son un 9,74% e un 14,16% superiores, respectivamente ao prezo media ponderado da UE-27 (todos sen estandarizar), que se situou en 46,18 c/kg (-2,88% respecto a abril e -3,77% respecto a maio de 2022).
  • As entregas de leite ecolóxico en España ascenderon no mes de maio a 4.052 toneladas (0,62% das entregas totais), cun prezo medio de 64,9 c/L. Destas, 2.133 toneladas foron de produtores galegos (52,64% sobre o total das entregas de leite ecolóxico a nivel nacional), representando o 0,81% das entregas totais de Galicia. O prezo medio pagado en Galicia situouse en 62,8 c/L.

Newsletter

A través da nosa newsletter manterémolo informado das novas publicacións e eventos.