17 Xullo 2023

Informe de entregas e prezos do leite en Galicia e España en abril de 2023

Nos primeiros catro meses de 2023 as entregas de leite reducíronse en 20.824 toneladas (-0,84%), en comparación ao mesmo período de 2022. En canto ao prezo medio pagado polo leite en Galicia, este situouse en 53,30 c/L, un descenso de 5,20 c/L (-8,89%) en relación a marzo e un incremento de 12,40 c/L (+30,32%) respecto de abril de 2022.

  • Galicia lidera as entregas de leite en España no mes de abril con 256.568 t, representando un 40,61% das entregas españolas (631.732 t). En Galicia as entregas aumentan con respecto ao mesmo mes do ano pasado en 3.949 toneladas (1,56%), mentres que no resto de comunidades  aumentan en 471 toneladas (0,11%), aumentando tamén a produción nacional, en 4.366 toneladas neste caso (0,70%) respecto do mesmo mes do ano anterior.
  • Analizando o período xaneiro – abril 2023 fronte a xaneiro – abril 2022, no conxunto de España as entregas redúcense en 20.824 toneladas (-0,84%). Esta redución é maior que a que se produce nas entregas das explotacións galegas (-368 t, -0,04%), da mesma forma que o resto das comunidades principais produtoras rexistran baixadas (Asturias -2,63%; Andalucía -1,64%; Cantabria -2,93%; Castela e León -0,95%; Cataluña -0,45%).
  • As calidades do leite en España vénse reducidas respecto ao mes pasado, tanto en graxa (3,76% vs. 3,85%) como en canto a proteína (3,36% vs.3,39%). Pero a proteína aumenta con respecto ao mes de abril de 2022 (3,36% vs. 3,32%) mentres que a graxa diminúe (3,76% vs. 3,80%). En Galicia as calidades tamén baixan respecto ao mes pasado, e respecto ao mesmo mes do ano anterior a proteína aumenta e a graxa redúcese. En canto ao diferencial de Galicia co resto de comunidades no valor da graxa é amplo (3,85% vs. 3,70%), pero no caso da proteína, a pesar de ter maior valor en Galicia, o valor diferencial non é tan amplo (3,38% vs. 3,35%).
  • O prezo media pagado polo leite en Galicia, en abril de 2023, situouse en 53,30 c/L, un descenso de 5,20 c/L (-8,89%) en relación ao mes anterior, mentres que en España se reduce en 3,50 c/L (-5,88%), ata 56 c/L. Respecto ao mesmo mes do ano pasado, o prezo medio pagado aos produtores subiu en Galicia un 30,32% (+12,40 c/L), mentres que en España fíxoo un 33,33% (+14 c/L).  A diferenza entre o prezo medio pagado no Estado e en Galicia é de 2,7 c/L. Se se compara o prezo de Galicia (53,3 c/L) co medio ponderado do resto de comunidades autónomas (57,8 c/L), a diferencia é de 4,5 c/L.
  • A estandarización do leite en España (4,0% de graxa e 3,3% de proteína) continúa amosando un diferencial de prezos máis grande entre Galicia e o resto de comunidades autónomas que o que se observa unicamente co prezo real. A media estatal estandarizada é de 57,43 c/L, que aumenta ata 57,8 c/L se non se ten en conta a produción de Galicia , onde se sitúa o prezo en 53,96 c/L.
  • Os prezos de abril expresados en c/kg (51,75 en Galicia e 54,37 en España) son un 8,83% e un 14,3% superiores, respectivamente, ao prezo medio ponderado da UE-27 (todos sen estandarizar), que se situou en 47,55 c/kg (-5,41% respecto a marzo e +2,86% respecto a abril de 2022).
  • As entregas de leite ecolóxico en España ascenderon no mes de abril a 3.830 toneladas (0,61% das entregas totais) , cun prezo medio de 64,6 c/L. Destas, 2.012 foron de produtores galegos (52,53% sobre o total das entregas de leite ecolóxico a nivel nacional), representando o 0,78% das entregas totais de Galicia. O prezo medio pagado en Galicia situouse en 62,1c/L.

Newsletter

A través da nosa newsletter manterémolo informado das novas publicacións e eventos.