3 Febreiro 2023

Informe de entregas e prezos do leite en Galicia e España en decembro de 2022

As entregas de leite no ano 2022 caeron no conxunto de España en 162.632 t, o que supón un -1,97% respecto ao ano 2021. Galicia liderou unha vez máis as entregas (40,8%), cunha caída moi inferior, -0,57% (-16.941 t). No canto do prezo, en Galicia situouse en 58,6 c/L en decembro de 2022, un 64,61% superior ao do mesmo mes de 2021.

  • Galicia lidera as entregas de leite en España no mes de decembro con 247.437 t, representando un 41,12% das entregas españolas (601.702 t). Continúan rexistrándose producións inferiores ao mesmo mes do ano anterior, en Galicia un -0,91% (-2.264 t), mentres que no resto de comunidades e do -2,70% (-9.823 t), polo que a caída a nivel nacional é do -1,97% (-12.087 t). Porén, esta situación está reverténdose, xa que en Galicia as caídas mensuais nos meses xullo-outubro eran próximas ao 2,5%, polo que semella que nos primeiros meses de 2023 podería volver a incrementarse a produción, tendencia similar ao que esta sucedendo na UE.
  • As entregas no ano 2022 no conxunto de España, 7.274.241 t, baixaron en 162.632 t, o que supón un descenso do 1,97% respecto ao ano 2021. A produción galega tamén se reduciu en comparación ao 2021, pero dunha forma máis moderada, con 16.941 t menos (-0,57%), quedando nas 2.971.400 t, o 40,85% da produción nacional. No resto de comunidades a caída si foi máis pronunciada, de 145.692 t (-3,28%), con grandes variacións nas outras cinco comunidades españolas cunha maior produción, cun descenso suave en Castela e León (-0,80%, -7.410 t), máis pronunciado en Cataluña (-2,58%, -19.429 t) e Andalucía (-3,82%, -21.968 t) e superior a media española en Asturias (-5,75%, -32.566 t) e Cantabria (-6,58%, -28.725 t).
  • As calidades do leite en decembro, en España, seguen mellorando, chegando ao 3,92% de graxa e 3,44% de proteína, ao igual que en Galicia, onde alcanzan o 3,99% e 3,44%. A media de 2022 en España foi do 3,78% de graxa e 3,33% de proteína, mentres que en Galicia foi do 3,86% e 3,34%.
  • O prezo medio pagado polo leite en Galicia, en decembro de 2022, situouse en 58,6 c/L, un incremento de 1,0 c/L (1,74%) en relación ao mes anterior, mentres que en España chegou aos 59,7 c/L, grazas a unha subida similar de 1,0 c/L (1,70%). Respecto ao mesmo mes do ano pasado, o prezo medio pagado aos produtores subiu en Galicia un 64,61% (+23,0 c/L), mentres que en España fíxoo un 64,01% (+23,3 c/L). A diferenza entre o prezo medio pagado no Estado e en Galicia é de 1,1 c/L, cifra que ascendería a 1,9 c/L comparando o pagado en Galicia co prezo medio ponderado do resto de comunidades autónomas (60,5 c/L). O prezo medio ponderado coa produción no 2022 foi de 45,28 c/L en Galicia e 46,40 c/L en España.
  • A estandarización do leite en España (4,0% de graxa e 3,3% de proteína) continúa amosando un diferencial de prezos máis grande entre Galicia e o resto de comunidades autónomas que o que se observa unicamente co prezo real. A media estatal estandarizada é de 59,6 c/L, que aumenta ata 60,8 c/L se non se ten en conta a produción de Galicia, onde se sitúa o prezo en 58,6 c/L.
  • Os prezos de decembro expresados en c/kg (57,96 en España e 56,89 en Galicia) son un 0,96% superior e un 0,90% inferior, respectivamente, ao prezo medio ponderado da UE-27 (todos sen estandarizar), que se situou en 57,41 c/kg (-0,62% respecto a novembro e +39,41% respecto a decembro de 2021). Por primeira vez desde setembro de 2016 o prezo de España supera á media europea. Porén, semella que os prezos europeos alcanzaron o seu máximo, coa primeira caída desde comezos de 2021, polo que os prezos en España e Galicia tamén seguirán esta tendencia.
  • As entregas de leite ecolóxico en España ascenderon no mes de decembro a 3.624 t (0,60% das entregas totais), destas, 1.821 t foron de produtores galegos (0,74% das entregas de Galicia).

Newsletter

A través da nosa newsletter manterémolo informado das novas publicacións e eventos.