2 Agosto 2022

Informe de entregas e prezos do leite en Galicia e España en xuño de 2022

Os gandeiros galegos aumentaron as entregas no primeiro semestre de 2022 respecto ao de 2021 en 15.949 t (+1,07%). En canto ao prezo, este situouse en xuño de 2022 en 43,1 c/L, aumentando 1,1 c/L (+2,62%) en relación a maio e 10,6 c/L por riba de xuño de 2021 (+32,62%).

  • Galicia lidera as entregas de leite en España no mes de xuño con 250.008 t, representando un 41,00% das entregas españolas (609.771 t). A pesar de que en Galicia caeu a produción respecto a xuño de 2021 (-1.918 t, -0,76%), segue aumentando o seu peso na produción nacional debido ás maiores caídas rexistradas no resto de comunidades (-13.500 t, -3,62%), o que provocou que o total nacional baixase un 2,47% (-15.422 t).
  • Se analizamos o período xaneiro-xuño 2022 fronte a xaneiro-xuño 2021, no conxunto de España as entregas diminúen en 31.051 t (-0,82%), tendencia similar á que se está dando nos principais produtores lácteos europeos. Porén, en Galicia a produción acumulada na primeira metade de 2022 é superior á da primeira do 2021, con +15.949 t (1,07%). Entre o resto de comunidades é destacable a importante caída de Asturias (-12.939 t, -4,48%) e Cantabria (-12.559 t, -5,64%), únicas cun descenso superior ás 10 mil t respecto ao primeiro semestre de 2021.
  • As calidades do leite en España continúan coa baixada estacional que teñen no verán, situándose en valores iguais aos de 2021 (3,64% de graxa e 3,25% de proteína). O diferencial de Galicia co resto de comunidades no valor da graxa continúa a ser amplo (3,75% vs. 3,56%), con valores máis semellantes no dato da proteína (3,27% vs. 3,24%).
  • O prezo medio pagado polo leite en Galicia, en xuño de 2022, situouse en 43,1 c/L, un incremento de 1,1 c/L (2,62%) en relación ao mes anterior, mentres que en España chegou aos 43,8 c/L, grazas a unha subida de 0,7 c/L (1,62%). Respecto ao mesmo mes do ano pasado, o prezo medio pagado aos produtores subiu en Galicia un 32,62% (+10,6 c/L), mentres que en España fíxoo un 31,96% (+10,6 c/L). A diferenza entre o prezo medio pagado no Estado e en Galicia é de 0,7 c/L, cifra que ascendería a 1,1 c/L comparando o pagado en Galicia co prezo medio ponderado do resto de comunidades autónomas (44,2 c/L).
  • A estandarización do leite en España (4,0% de graxa e 3,3% de proteína) continúa amosando un diferencial de prezos máis grande entre Galicia e o resto de comunidades autónomas que o que se observa unicamente co prezo real. A media estatal estandarizada é de 46,0 c/L, que aumenta ata 47,0 c/L se non se ten en conta a produción de Galicia, onde se sitúa o prezo en 44,6 c/L.
  • Os prezos de xuño expresados en c/kg (42,52 en España e 41,84 en Galicia) son un 12,91% e un 14,31% inferiores, respectivamente, ao prezo medio ponderado da UE-27 (todos sen estandarizar), que se situou en 48,83 c/kg (+2,58% respecto a maio e +36,51% respecto a xuño de 2021).
  • As entregas de leite ecolóxico en España ascenderon no mes de xuño a 4.160 t (0,68% das entregas totais), cun prezo medio de 52,0 c/L. Destas, 2.076 t foron de produtores galegos (49,9% sobre o total nacional), representando o 0,83% das entregas totais de Galicia. O prezo medio pagado en Galicia situouse en 50,5 c/L.

Newsletter

A través da nosa newsletter manterémolo informado das novas publicacións e eventos.