3 Agosto 2020

Informe de entregas e prezos do leite en Galicia e España en xuño de 2020

Os gandeiros galegos aumentan as entregas de xaneiro a xuño de 2020 con respecto ao mesmo período do ano anterior en 56.348 t (+4,02%). En canto ao prezo, este situouse en xuño de 2020 en 31,9 c/L, descendendo 0,2 c/L (-0,62%) en relación ao mes anterior, pero un 2,57% por riba do mesmo mes do ano anterior (+0,8 c/L).

  • Galicia lidera as entregas de leite en España no mes de xuño con 243.872 t, representando un 39,30% das entregas españolas (620.549 t). As entregas, tanto en Galicia como no conxunto do resto de comunidades, aumentan con respecto ao mesmo mes do ano pasado, sendo este incremento maior en Galicia (4,82%, 11.224 t) que no resto de comunidades (1,96%, 7.228 t).
  • Se analizamos o período xaneiro-xuño 2020 fronte a xaneiro-xuño 2019, no conxunto de España as entregas aumentan en 112.558 t (+3,09%). Destas, os produtores galegos aportan a metade, cun incremento acumulado no ano 2020 de 56.348 t (+4,02% respecto da produción galega no mesmo período do ano 2019).
  • As calidades do leite en España continúan descendendo lixeiramente, situándose no mes de xuño nun 3,63% a graxa e no 3,24% a proteína. En comparación ao mesmo mes do ano pasado, a graxa aumenta (3,56% en 2019) e a proteína mantense constante. As calidades do leite de Galicia seguen sendo superiores ás do resto de comunidades (3,74% a graxa e 3,25% a proteína vs 3,56% e 3,23%), pero descenden de xeito máis pronunciado, o que fai que a graxa sexa similar ao ano pasado e a proteína descenda unha centésima.
  • O prezo medio pagado polo leite en Galicia en xuño de 2020 situouse en 31,9 c/L, un descenso de 0,2 c/L (-0,62%) en relación ao mes anterior, mentres que en España situouse en 32,7 c/L, unha caída de 0,2 c/L (-0,61%). Respecto ao mesmo mes do ano pasado, o prezo medio pagado aos produtores aumentou en Galicia nun 2,57% (+0,8 c/L), mentres que en España fíxoo nun 1,55% (+0,5 c/L).
  • A estandarización do leite en España (4,0% de graxa e 3,3% de proteína) continúa amosando un diferencial de prezos máis grande entre Galicia e o resto de comunidades autónomas que o que se observa unicamente co prezo real. A media estatal é de 34,4 c/L, que aumenta ata 35,3 c/L se non se ten en conta a produción de Galicia, onde se sitúa o prezo en 33,1 c/L. Este aumento da diferenza dos prezos está influenciado pola maior cantidade de graxa do leite galego.
  • Os prezos de maio expresados en c/kg (31,75 en España e 30,97 en Galicia) son un 2,75% e un 5,13% inferiores, respectivamente, ao prezo medio ponderado da UE-27 (todos sen estandarizar), que se situou en 32,65 c/quilo (-0,88% respecto a maio e -3,17% respecto a xuño de 2019).

Newsletter

A través da nosa newsletter manterémolo informado das novas publicacións e eventos.