3 Setembro 2020

Informe de entregas e prezos do leite en Galicia e España en xullo de 2020

As entregas en Galicia aumentan con respecto ao mesmo mes do ano pasado un 4,62% (10.927 t), mentres que no resto de comunidades o incremento é do 0,43% (1.581 t). O prezo medio pagado aos produtores aumentou en Galicia con respecto ao mesmo mes do ano pasado, nun 2,91% (+0,9 c/L), mentres que en España fíxoo nun 1,56% (+0,5 c/L).

  • Galicia lidera as entregas de leite en España no mes de xullo con 247.281 t, representando un 40,04% das entregas españolas (617.662 t). As entregas en Galicia aumentan con respecto ao mesmo mes do ano pasado un 4,62% (10.927 t), mentres que no resto de comunidades o incremento é do 0,43% (1.581 t).
  • Se analizamos o período xaneiro-xullo 2020 fronte a xaneiro-xullo 2019, no conxunto de España as entregas aumentan en 125.066 t (+2,94%). Destas, os produtores galegos aportan o 53,8%, cun incremento acumulado no ano 2020 de 67.274 t (+4,10% respecto da produción galega no mesmo período do ano 2019).
  • As calidades do leite en España continúan descendendo lixeiramente, situándose no mes de xullo nun 3,62% a graxa e no 3,22% a proteína. Con todo, as calidades melloran con respecto ao mesmo mes de 2019 (3,56% graxa e 3,21% proteína). Este incremento baséase principalmente na mellora das calidades no resto de comunidades, mentres que en Galicia son similares ao ano pasado (só a graxa varía, do 3,70 ao 3,72%), aínda que seguen a ser moi superiores ás do resto de comunidades.
  • O prezo medio pagado polo leite en Galicia en xullo de 2020 situouse en 31,8 c/L, un descenso de 0,1 c/L (-0,31%) en relación ao mes anterior, mentres que en España situouse en 32,5 c/L, unha caída de 0,2 c/L (-0,61%). Respecto ao mesmo mes do ano pasado, o prezo medio pagado aos produtores aumentou en Galicia nun 2,91% (+0,9 c/L), mentres que en España fíxoo nun 1,56% (+0,5 c/L).
  • A estandarización do leite en España (4,0% de graxa e 3,3% de proteína) continúa amosando un diferencial de prezos máis grande entre Galicia e o resto de comunidades autónomas que o que se observa unicamente co prezo real. A media estatal é de 34,3 c/L, que aumenta ata 35,0 c/L se non se ten en conta a produción de Galicia, onde se sitúa o prezo en 33,1 c/L. Este aumento da diferenza dos prezos está influenciado pola maior cantidade de graxa do leite galego.
  • Os prezos de xullo expresados en c/kg (31,55 en España e 30,87 en Galicia) son un 2,92% e un 5,00% inferiores, respectivamente, ao prezo medio ponderado da UE-27 (todos sen estandarizar), que se situou en 32,50 c/quilo (-0,24% respecto a xuño e -3,88% respecto a xullo de 2019).

Newsletter

A través da nosa newsletter manterémolo informado das novas publicacións e eventos.