8 Setembro 2019

Informe de entregas e prezos do leite en Galicia e España en xullo 2019

Galicia lidera en xullo as entregas de leite, con 236.355 ton, representando un 39,06% das entregas en España. En canto ao prezo medio do leite, este situouse en xullo de 2019 en Galicia en 30,9 c/litro, unha caída de 0,2 c/litro (-0,64%) en relación ao mes anterior. Os prezos de xullo expresados en c/quilo (31,1 c/l en España e 30,0 c/l en Galicia), sen estandarizar, son un 7,31% e un 10,50% inferiores, respectivamente, ao prezo medio ponderado da UE-28.

  • Galicia lidera as entregas de leite en xullo, con 236.355 ton, representando un 39,06% das entregas en España (605.155 ton). Por primeira vez no ano 2019, as entregas en Galicia descenden con respecto ao mesmo mes do ano pasado (-589 ton, -0,24%), mentres que no resto de España aumentan en +4.196 ton (+1,15%).
  • Se analizamos as entregas no período xaneiro-xullo 2019 fronte a xaneiro-xullo 2018, no conxunto de España aumentan en 15.921 ton (+0,38%). As principais comunidades nas que se sustenta este crecemento son Galicia (17.061 ton, +1,05%) e Castela León (7.741 ton, +1,44%), mentres que en Cataluña (-9.476 ton, -2,08%) e Asturias (-5.111 ton, -1,73%) rexístranse os maiores descensos.
  • As calidades do leite en España, tanto graxa como proteína, continúan cunha tendencia descendente, situándose nun 3,56% e 3,21%, respectivamente. Analizando os datos por comunidades encóntranse diferencias importantes, principalmente na cantidade de graxa, destacando Galicia fronte ao resto de comunidades (3,70% vs. 3,47%).
  • O prezo medio do leite en xullo de 2019 en Galicia situouse en 30,9 c/litro, unha caída de 0,2 c/litro (-0,64%) en relación ao mes anterior, o que supón o cuarto mes consecutivo con descensos nos prezos. Como notas positivas, destacar que os últimos anos a tendencia foi moi parecida, sendo xullo o mes cos prezos medios máis baixos, aumentando nos meses seguintes, e que os prezos seguen a ser 0,6 c/litro (1,98%) superiores aos de xullo de 2018.
  • O prezo en xullo en España baixou con respecto ao mes de xuño un 0,62%, situándose en 32,0 c/litro, pero segue a ser superior ao de xuño de 2018 nun 2,56%. Se calculamos o prezo medio do leite en España sen ter en conta a Galicia, o prezo é de 32,5 c/litro, sendo un +5,12% (1,6 c/litro) superior ao prezo medio pagado en Galicia.
  • A estandarización do leite en España (4,0% de graxa e 3,3% de proteína) reflicte aínda un prezo máis baixo en Galicia en comparación co resto de comunidades autónomas. A media estatal é de 34,2 c/litro, que aumenta ata 35,0 c/litro sen non se ten en conta a produción de Galicia, onde se sitúa o prezo en 32,3 c/litro. Este aumento ata os 2,7 c/litro é debido ás maiores calidades do leite galego citadas anteriormente.
  • Os prezos de xullo expresados en c/quilo (31,1 en España e 30,0 en Galicia) son un 7,31% e un 10,50% inferiores, respectivamente, ao prezo medio ponderado da UE-28 (sen estandarizar), que no mes de xullo de 2019 sitúase en 33,52 c/quilo (+0,30%).

Newsletter

A través da nosa newsletter manterémolo informado das novas publicacións e eventos.