4 Marzo 2022

Informe de entregas e prezos do leite en Galicia e España en xaneiro de 2022

O prezo medio pagado polo leite en Galicia, en xaneiro de 2022, situouse en 35,9 c/L fronte aos 37,1 c/L no conxunto de España. No que atinxe ás entregas, Galicia lidéraas a nivel nacional, con 255.658 t, un 40,8% das entregas en España no mes de xaneiro (626.800 t).

  • Galicia lidera as entregas de leite en España no mes de xaneiro con 255.658 t, representando un 40,8% das entregas españolas (626.800 t). En Galicia aumentan en comparación ao mesmo mes do ano pasado un 4,80% (+11.707 t), mentres que en España medran un 2,15% (+13.215 t), debido ao menor crecemento no resto de comunidades autónomas, 0,41% (+1.507 t).
  • As calidades do leite en España baixan con respecto ao mes pasado, tanto a graxa (3,86 vs. 3,91%) como a proteína (3,35 vs. 3,38%). O diferencial de Galicia co resto de comunidades no valor da graxa continúa a ser amplo (3,92% vs. 3,82%), con valores semellantes no dato da proteína (3,35%).
  • O prezo medio pagado polo leite en Galicia, en xaneiro de 2022, situouse en 35,9 c/L, un incremento de 0,3 c/L (0,84%) en relación ao mes anterior, mentres que en España aumentou 0,7 c/L (1,92%), ata os 37,1 c/L. Respecto ao mesmo mes do ano pasado, o prezo medio pagado aos produtores subiu en Galicia un 8,79% (+2,9 c/L), mentres que en España fíxoo un 9,12% (+3,1 c/L). A diferenza entre o prezo medio pagado no Estado e en Galicia é de 1,2 c/L, cifra que ascendería a 2,0 c/L comparando o pagado en Galicia co prezo medio ponderado do resto de comunidades autónomas (37,9 c/L).
  • A estandarización do leite en España (4,0% de graxa e 3,3% de proteína) continúa amosando un diferencial de prezos máis grande entre Galicia e o resto de comunidades autónomas que o que se observa unicamente co prezo real. A media estatal estandarizada é de 37,6 c/L, que aumenta ata 38,5 c/L se non se ten en conta a produción de Galicia, onde se sitúa o prezo en 36,1 c/L.
  • Os prezos de xaneiro expresados en c/kg (36,02 en España e 34,85 en Galicia) son un 14,24% e un 17,01% inferiores, respectivamente, ao prezo medio ponderado da UE-27 (todos sen estandarizar), que se situou en 42,00 c/kg (+1,82% respecto a decembro e +20,45% respecto a xaneiro de 2020).
  • As entregas de leite ecolóxico en España ascenderon no mes de xaneiro a 3.967 t (0,63% do total de entregas totais), cun prezo medio de 48,3 c/L. Destas, 1.882 t foron de produtores galegos (47,4% sobre o total nacional), representando o 0,74% das entregas totais de Galicia. O prezo medio pagado en Galicia situouse en 46,9 c/L.

Newsletter

A través da nosa newsletter manterémolo informado das novas publicacións e eventos.