8 Marzo 2021

Informe de entregas e prezos do leite en Galicia e España en xaneiro de 2021

O prezo medio pagado polo leite en Galicia, en xaneiro de 2021, situouse en 33,0 c/L fronte aos 34,0 c/L no conxunto de España. No que atinxe ás entregas, Galicia lidéraas a nivel nacional, con 243.951 t, un 39,8% das entregas en España no mes de xaneiro (613.586 t).

  • Galicia lidera as entregas de leite en España no mes de xaneiro con 243.951 t, representando un 39,8% das entregas españolas (613.586 t). En Galicia aumentan en comparación ao mesmo mes do ano pasado un 1,34% (3.220 t), mentres que no resto de comunidades descenden un -2,79% (-10.616 t), provocando unha baixada da produción total de España do -1,19% (-7.396 t).
  • As calidades do leite en España mantéñense estables con respecto ao mes pasado, cun lixeiro aumento na graxa (3,87 vs. 3,85%) e unha pequena caída na cantidade de proteína (3,37 vs. 3,38%). A variación con respecto a xaneiro de 2020 presenta subidas máis destacadas, aumentando un 1,57% a graxa (3,87 vs. 3,81%) e un 0,90% a proteína (3,37 vs. 3,34%). O diferencial de Galicia co resto de comunidades no valor da graxa continúa a ser amplo (3,94% vs. 3,82%), con valores semellantes no dato da proteína (3,37%).
  • O prezo medio pagado polo leite en Galicia, en xaneiro de 2021, situouse en 33,0 c/L, un aumento de 0,1 c/L (0,30%) en relación ao mes anterior, mentres que en España situouse en 34,0 c/L, cun aumento similar ao galego (0,1 c/L, 0,29%). Do mesmo xeito, o prezo medio pagado aos produtores aumentou con respecto a xaneiro de 2020, en Galicia nun 1,23% (0,4 c/L) e en España nun 1,19% (0,4 c/L).
  • A estandarización do leite en España (4,0% de graxa e 3,3% de proteína) continúa amosando un diferencial de prezos máis grande entre Galicia e o resto de comunidades autónomas que o que se observa unicamente co prezo real. A media estatal é de 34,4 c/L, que aumenta ata 35,2 c/L se non se ten en conta a produción de Galicia, onde se sitúa o prezo en 33,1 c/L.
  • Os prezos de xaneiro expresados en c/kg (33,01 en España e 32,04 en Galicia) son un 5,80% e un 8,57% inferiores, respectivamente, ao prezo medio ponderado da UE-27 (todos sen estandarizar), que se situou en 35,04 c/quilo (-0,77% respecto a decembro e -0,31% respecto a xaneiro de 2020).

Newsletter

A través da nosa newsletter manterémolo informado das novas publicacións e eventos.