13 Marzo 2020

Informe de entregas e prezos do leite en Galicia e España en xaneiro 2020

O prezo medio pagado polo leite en Galicia, en xaneiro de 2020, situouse en 32,6 c/L fronte aos 33,6 c/L no conxunto de España. No que atinxe ás entregas, Galicia lidera as entregas de leite no mes de xaneiro, con 240.731 ton, representando un 38,77% das entregas en España (620.982 ton)

  • Galicia lidera as entregas de leite en España no mes de xaneiro, con 240.731 ton, representando un 38,77% das entregas en España (620.982 ton). As entregas en Galicia aumentan con respecto ao mesmo mes do ano pasado en +8.120 ton (+3,49%), mentres que no resto de comunidades autónomas aumentan en +14.097 ton (+3,85%).

  • As calidades do leite en España, tanto graxa como proteína, comezan a caída habitual destes valores ata os meses do verán, diminuíndo o seu valor medio con respecto ao mes previo, no caso da graxa nun -0,78% e no caso da proteína nun -0,60%. Porén, a variación con respecto ao ano pasado é positiva, tanto na graxa como na proteína, cun incremento do +0,26% de graxa, situándose no 3,81% e do +0,91% de proteína, situándose no 3,34%. O diferencial de Galicia co resto de comunidades no valor da graxa continúa a ser moi amplo (3,92% vs. 3,74%), con valores semellantes no dato da proteína (3,33% vs. 3,35%).

  • O prezo medio pagado polo leite en Galicia, en xaneiro de 2020, situouse en 32,6 c/L, un descenso de -0,1 c/L (-0,31%) en relación ao mes anterior, mentres que en España situouse en 33,6 c/L, unha caída de -0,2 c/L (-0,59%) co mes anterior. Con todo, o prezo medio pagado aos produtores aumentou con respecto ao mesmo mes do ano pasado, en Galicia nun 2,84% (+0,9 c/L), mentres que en España nun +1,82% (+0,6 c/L).

  • A estandarización do leite en España (4,0% de graxa e 3,3% de proteína) continúa amosando un diferencial de prezos máis grande entre Galicia e o resto de comunidades autónomas que o que se observa unicamente co prezo real. A media estatal é de 34,3 c/L, que aumenta ata 35,2 c/L se non se ten en conta a produción de Galicia, onde se sitúa o prezo en 32,8 c/L. Este aumento da diferenza dos prezos está influenciado pola maior cantidade de graxa do leite galego.

  • Os prezos de decembro expresados en c/kg (32,62 en España e 31,65 en Galicia) son un 7,69% e un 10,44% inferiores, respectivamente, do prezo medio ponderado da UE-27 (sen estandarizar), que no mes de xaneiro de 2020 se situou en 35,34 c/quilo (-0,75% respecto a decembro de 2019 e +0,91% respecto a xaneiro de 2019).

Newsletter

A través da nosa newsletter manterémolo informado das novas publicacións e eventos.