4 Novembro 2022

Informe de entregas e prezos do leite en Galicia e España en setembro de 2022

Continúan as baixadas na produción de leite. Nos 9 primeiros meses do ano, no conxunto de España as entregas diminúen en 103.705 t (-1,85%) respecto ao mesmo período de 2021. En Galicia a baixada é menor, de 3.274 t (-0,15%), sendo o primeiro mes do ano no que o acumulado é negativo.

  • Galicia lidera as entregas de leite en España no mes de setembro con 235.490 t, representando un 41,48% das entregas españolas (567.766 t). Rexístranse descensos similares aos meses anteriores, cunha redución da produción en Galicia do 2,12% (-5.097 t), mentres que no resto de comunidades é superior, chegando ao 4,81% (-16.780 t), o que fai que que a caída do total da produción española ascenda ao 3,71% (-21.876 t).
  • Se analizamos o período xaneiro-setembro 2022 fronte a xaneiro-setembro 2021, no conxunto de España as entregas diminúen en 103.705 t (-1,85%). Tamén en Galicia cae a produción acumulada, aínda que dun xeito máis moderado, 3.274 t (-0,15%), sendo a comunidade cun peso importante na produción de leite española que menos reduciu a súa produción. Con todo, as comunidades de Castela A Mancha e Aragón aumentaron a súa produción nun 2,10% (4.403 t) e 1,72% (2.262 t), respectivamente, sendo as únicas de España que medraron no que vai de ano.
  • As calidades do leite en España suben de xeito destacable, seguindo a tendencia de todos os anos, situándose en valores superiores aos de setembro de 2021 (3,75% de graxa e 3,33% de proteína). O diferencial de Galicia co resto de comunidades no valor da graxa continúa a ser amplo (3,85% vs. 3,68%), con valores idénticos no dato da proteína (3,33%).
  • O prezo medio pagado polo leite en Galicia, en setembro de 2022, situouse en 48,3 c/L, un incremento de 2,1 c/L (4,55%) en relación ao mes anterior, mentres que en España chegou aos 49,5 c/L, grazas a unha subida de 1,9 c/L (3,99%). Respecto ao mesmo mes do ano pasado, o prezo medio pagado aos produtores subiu en Galicia un 45,05% (+15,0 c/L), mentres que en España fíxoo un 44,74% (+15,3 c/L). A diferenza entre o prezo medio pagado no Estado e en Galicia é de 1,2 c/L, cifra que ascendería a 1,9 c/L comparando o pagado en Galicia co prezo medio ponderado do resto de comunidades autónomas (50,2 c/L).
  • A estandarización do leite en España (4,0% de graxa e 3,3% de proteína) continúa amosando un diferencial de prezos máis grande entre Galicia e o resto de comunidades autónomas que o que se observa unicamente co prezo real. A media estatal estandarizada é de 51,0 c/L, que aumenta ata 52,2 c/L se non se ten en conta a produción de Galicia, onde se sitúa o prezo en 49,1 c/L.
  • Os prezos de setembro expresados en c/kg (48,06 en España e 46,89 en Galicia) son un 11,83% e un 13,97% inferiores, respectivamente, ao prezo medio ponderado da UE-27 (todos sen estandarizar), que se situou en 54,51 c/kg (+4,09% respecto a agosto e +46,18% respecto a setembro de 2021).
  • As entregas de leite ecolóxico en España ascenderon no mes de setembro a 3.648 t (0,64% das entregas totais), cun prezo medio de 57,3 c/L. Destas, 1.737 t foron de produtores galegos (47,6% sobre o total nacional), representando o 0,74% das entregas totais de Galicia. O prezo medio pagado en Galicia situouse en 55,3 c/L.

Newsletter

A través da nosa newsletter manterémolo informado das novas publicacións e eventos.