7 Novembro 2020

Informe de entregas e prezos do leite en Galicia e España en setembro de 2020

As entregas de leite en Galicia aumentan con respecto ao mesmo mes do ano pasado un 2,88% (6.457 t). O aumento de entregas en España no período xaneiro-setembro 2020 fronte a xaneiro-setembro 2019, foi de 129.653 t (+2,39%), representado Galicia o 61,3% dese incremento (79.441 t). No canto do prezo, en Galicia en setembro de 2020 situouse en 32,0 c/L (+1,27%) en relación ao mes anterior.

  • Galicia lidera as entregas de leite en España no mes de setembro con 230.519 t, representando un 40,0% das entregas españolas (576.773 t). En Galicia aumentan con respecto ao mesmo mes do ano pasado un 2,88% (6.457 t), mentres que no resto de comunidades son similares (0,02%, 71 t), aumentando a nivel nacional un 1,14% (6.528 t).
  • Analizando o período xaneiro-setembro 2020 fronte a xaneiro-setembro 2019, no conxunto de España as entregas aumentan en 129.653 t (+2,39%), e continua medrando o peso dos produtores galegos neste incremento, ao que xa aportan o 61,3% (79.441 t). As seguintes comunidades cun maior aumento da produción son Cataluña (14.710 t), Andalucía (12.555 t) e Asturias (11.099 t), mentres que entre as comunidades nas que diminúe a produción destaca Castilla y León (-872 t), que nos últimos anos lideraba os aumentos de produción detrás de Galicia.
  • As calidades do leite en España seguen incrementándose como é habitual nestes meses. Con respecto a agosto de 2020, a graxa e proteína aumentan máis dun 2%, mentres que comparando con setembro de 2019 a graxa aumenta un 0,81% e a proteína un 0,30%. En Galicia as calidades tamén son maiores que en agosto (+1,88% a graxa e 1,23% a proteína) e son moi similares ás de setembro de 2019 (-0,26% a graxa e 0,30% a proteína).
  • O prezo medio pagado polo leite en Galicia en setembro de 2020 situouse en 32,0 c/L, un incremento de 0,4 c/L (1,27%) en relación ao mes anterior, mentres que en España aumentou de forma similar, situándose en 32,9 c/L. Respecto ao mesmo mes do ano pasado, o prezo medio pagado aos produtores aumentou en Galicia nun 1,59% (+0,5 c/L), mentres que en España fíxoo nun 0,92% (+0,3 c/L).
  • A estandarización do leite en España (4,0% de graxa e 3,3% de proteína) continúa amosando un diferencial de prezos máis grande entre Galicia e o resto de comunidades autónomas que o que se observa unicamente co prezo real. A media estatal é de 34,1 c/L, que aumenta ata 34,8 c/L se non se ten en conta a produción de Galicia, onde se sitúa o prezo en 32,8 c/L. Este aumento da diferenza dos prezos está influenciado pola maior cantidade de graxa do leite galego.
  • Os prezos de setembro expresados en c/kg (31,94 en España e 31,07 en Galicia) son un 5,90% e un 8,48% inferiores, respectivamente, ao prezo medio ponderado da UE-27 (todos sen estandarizar), que se situou en 33,95 c/quilo (+3,15% respecto a agosto e -1,92% respecto a setembro de 2019).

Newsletter

A través da nosa newsletter manterémolo informado das novas publicacións e eventos.