5 Decembro 2022

Informe de entregas e prezos do leite en Galicia e España en outubro de 2022

A produción segue sendo inferior á do ano 2021, e como nos meses anteriores, Galicia (-2,48%) segue rexistrando caídas inferiores ao resto de comunidades (-4,77%). Porén, o prezo medio pagado polo leite segue subindo, en Galicia situouse en 53,0 c/L, mentres que en España chegou aos 55,6 c/L.

  • Galicia lidera as entregas de leite en España no mes de outubro con 242.063 t, representando un 41,47% das entregas españolas (583.738 t). A situación é similar aos 3 meses previos, en Galicia a produción cae por riba do 2% (-2,48%, -6.149 t), cunha perda de produción superior ao 4% no resto de comunidades (-4,77%, -17.099 t), o que fai que o total nacional descenda o -3,83% (-24.418 t).
  • Se analizamos o período xaneiro-outubro 2022 fronte a xaneiro-outubro 2021, no conxunto de España as entregas diminúen en 132.199 t (-2,12%). Esta caída na produción é menor en Galicia, rexistrándose un descenso do 0,42% (-10.536 t). Porén, as comunidades da Cornixa Cantábrica (Asturias, Cantabria e País Vasco) produciron neste período 61.631 t (-6,24%) menos que no 2022.
  • As calidades do leite en España seguen a tendencia estacional, subindo de xeito destacable, situándose en valores superiores aos de outubro de 2021 (3,84% de graxa e 3,39% de proteína). O diferencial de Galicia co resto de comunidades no valor da graxa continúa a ser amplo (3,93% vs. 3,78%), con valores similares no dato da proteína (3,40% vs. 3,38%).
  • O prezo medio pagado polo leite en Galicia, en outubro de 2022, situouse en 53,0 c/L, un incremento de 4,7 c/L (9,73%) en relación ao mes anterior, mentres que en España chegou aos 55,6 c/L, grazas a unha subida de 6,1 c/L (12,32%). Respecto ao mesmo mes do ano pasado, o prezo medio pagado aos produtores subiu en Galicia un 54,97% (+18,8 c/L), mentres que en España fíxoo un 57,51% (+20,3 c/L). A diferenza entre o prezo medio pagado no Estado e en Galicia é de 2,6 c/L, cifra que ascendería a 4,4 c/L comparando o pagado en Galicia co prezo medio ponderado do resto de comunidades autónomas (57,4 c/L).
  • A estandarización do leite en España (4,0% de graxa e 3,3% de proteína) continúa amosando un diferencial de prezos máis grande entre Galicia e o resto de comunidades autónomas que o que se observa unicamente co prezo real. A media estatal estandarizada é de 56,3 c/L, que aumenta ata 58,6 c/L se non se ten en conta a produción de Galicia, onde se sitúa o prezo en 53,0 c/L.
  • Os prezos de outubro expresados en c/kg (53,98 en España e 51,46 en Galicia) son un 4,68% e un 9,14% inferiores, respectivamente, ao prezo medio ponderado da UE-27 (todos sen estandarizar), que se situou en 56,63 c/kg (+3,89% respecto a setembro e +46,41% respecto a outubro de 2021).
  • As entregas de leite ecolóxico en España ascenderon no mes de outubro a 3.778 t (0,65% das entregas totais), cun prezo medio de 59,9 c/L. Destas, 1.887 t foron de produtores galegos (50,0% sobre o total nacional), representando o 0,78% das entregas totais de Galicia. O prezo medio pagado en Galicia situouse en 55,9 c/L.

Newsletter

A través da nosa newsletter manterémolo informado das novas publicacións e eventos.