6 Decembro 2020

Informe de entregas e prezos do leite en Galicia e España en outubro de 2020

Galicia lidera as entregas de leite en España no mes de outubro con 236.936 t, representando xa o 40,0% das entregas españolas. No que se refire ao prezo medio pagado polo leite en Galicia en outubro de 2020, este situouse en 32,7 c/L, cun incremento de 0,7 c/L (2,19%) en relación ao mes anterior, mentres que en España aumentou en 0,8 c/L (2,43%), situándose en 33,7 c/L.

  • Galicia lidera as entregas de leite en España no mes de outubro con 236.936 t, representando un 40,0% das entregas españolas (592.443 t). En Galicia aumentan con respecto ao mesmo mes do ano pasado un 2,56% (5.912 t), mentres que no resto de comunidades diminúen (-0,75%, -2.700 t), aumentando o total nacional un 0,55% (3.212 t).
  • Analizando o período xaneiro-outubro 2020 fronte a xaneiro-outubro 2019, no conxunto de España as entregas aumentan en 132.864 t (+2,21%). Este incremento provén en gran parte de Galicia, onde medra a produción no que vai de ano respecto do mesmo período do ano 2019 en 85.353 t, un 3,66% máis (2.414.440 t nos dez primeiros meses de 2020).
  • As calidades do leite en España seguen incrementándose como é habitual nestes meses. Con respecto a setembro, a graxa e proteína aumentan cerca dun 3% (2,96% graxa e 2,73% proteína), mentres que comparando con outubro de 2019, a graxa aumenta un 2,13% e a proteína un 1,80%. En Galicia as calidades tamén son maiores que en setembro (2,37% a graxa e 2,74% a proteína) e que en outubro de 2019 (0,52% a graxa e 1,81% a proteína).
  • O prezo medio pagado polo leite en Galicia en outubro de 2020 situouse en 32,7 c/L, un incremento de 0,7 c/L (2,19%) en relación ao mes anterior, mentres que en España aumentou en 0,8 c/L (2,43%), situándose en 33,7 c/L. Respecto ao mesmo mes do ano pasado, o prezo medio pagado aos produtores aumentou en Galicia nun 1,87% (+0,6 c/L), mentres que en España fíxoo nun 1,81% (+0,6 c/L).
  • A estandarización do leite en España (4,0% de graxa e 3,3% de proteína) continúa amosando un diferencial de prezos máis grande entre Galicia e o resto de comunidades autónomas que o que se observa unicamente co prezo real. A media estatal é de 34,2 c/L, que aumenta ata 34,9 c/L se non se ten en conta a produción de Galicia, onde se sitúa o prezo en 32,9 c/L. Con todo, esta diferenza é menor aos meses previos debido ao maior incremento das calidades no resto de comunidades autónomas.
  • Os prezos de outubro expresados en c/kg (32,72 en España e 31,75 en Galicia) son un 6,57% e un 9,35% inferiores, respectivamente, ao prezo medio ponderado da UE-27 (todos sen estandarizar), que se situou en 35,02 c/quilo (+3,17% respecto a setembro e -0,44% respecto a outubro de 2019).

Newsletter

A través da nosa newsletter manterémolo informado das novas publicacións e eventos.