Informe de entregas e prezos do leite en Galicia e España en novembro de 2024
Continúa o repunte no prezo medio do leite en España e en Galicia, seguindo a tendecia iniciada no mes de xuño a nivel europeo. Galicia continúa sostendo o aumento da produción en España, representando o 71,65% vo volume aumentado.
Galicia lidera as entregas de leite en España no mes de novembro con 244.475 t, representando un 42,36% das entregas españolas (577.122 t). En Galicia aumentan con respecto ao mesmo mes do ano pasado un 2,85% (6.786 t), mentres que no resto de comunidades diminúen (-0,84%; -2.832 t), aumentando a produción nacional un 0,69% sustentada, en gran parte, polo aumento da produción galega.
Analizando o período xaneiro-novembro 2024 fronte a xaneiro-novembro 2023, no conxunto de España as entregas aumentan en 79.085 t (+1,18%). Este incremento provén maioritariamente das granxas galegas, onde medra a produción en 56.665 t (+2,06%), que representan o 71,65% do aumento da produción en España.
As calidades do leite en España continúan a súa mellora, respecto a outubro, a graxa e proteína aumentan un 1,03% e 0,29% respectivamente, mentres que comparando con novembro de 2023, a graxa aumenta un 0,51% e a proteína cae un -0,58%. En Galicia as calidades tamén son superiores ás de outubro (1,28% a graxa e 0,29% a proteína), baixando a graxa un -0,25% e a proteína un -0,29 % comparadas con novembro de 2023.
O prezo medio pagado polo leite en Galicia en novembro de 2024 situouse en 46,6 c/L, un incremento de 0,3 c/L (0,65%) en relación ao mes anterior, mentres que en España aumentou en 0,6 c/L (1,23%), chegando aos 49,20 c/L. Respecto ao mesmo mes do ano pasado, o prezo medio pagado aos produtores diminuíron en Galicia nun -5,28% (-2,60 c/L), mentres que en España fíxoo nun -5,75% (-3 c/L).
Galicia, pese a ser a principal produtora de leite do estado rexistra o prezo máis baixo. Os 46,6 c/L pagados as produtores en Galicia son 2,6 c/L menos que o pagado na media do estado, ascendendo notablemente este diferencial se o comparamos con outras principais rexións produtoras como Castela e León (+3,9 c/L), Cataluña (+6c/L) ou Andalucía (+4,6 c/L).
A estandarización do leite en España (4,0% de graxa e 3,3% de proteína) continúa amosando un diferencial de prezos máis grande entre Galicia e o resto de comunidades autónomas que o que se observa unicamente co prezo real. A media estatal estandarizada é de 49,25 c/L, que aumenta ata 51,2 c/L se non se ten en conta a produción de Galicia, onde se sitúa o prezo en 46,45c/L.
Os prezos de novembro expresados en c/kg (47,77 en España e 45,24 en Galicia) son un 8,82% e un 13,54% inferiores, respectivamente, ao prezo medio ponderado da UE-27 (todos sen estandarizar), que se situou en 52,33 c/quilo (+1,20% respecto a outubro e +15,16% respecto a novembro de 2019). Estes datos reflexan que a alza de prezos experimentada nos últimos meses é moito maior no contexto europeo ca no contexto nacional ou galego. Por outra banda, o repunte de prezos do leite vense rexistrando en España e Galicia dende o mes de agosto, mentres que a nivel europeo comeza no mes de xuño.
As entregas de leite ecolóxico en España ascenderon no mes de novembro a 3.340 t, destas, 1.753 t foron de produtores galegos (52%). O Leite ecolóxico so representa un 0,58% da produción nacional e un 0,72% da produción galega.
O prezo medio do leite ecolóxico no mes de novembro sitiouse en España nos 61,2 c/L, mentres que en Galicia foi de 60,9 c/L.