5 Xaneiro 2023

Informe de entregas e prezos do leite en Galicia e España en novembro de 2022

O prezo medio pagado polo leite en Galicia, situouse en 57,6 c/L, unha subida do 64,57% (+22,6 c/L) respecto a novembro de 2021, mentres que en España fíxoo un 62,15% (+22,5 c/L). No que atinxe ás entregas, aínda que seguen a ser menores que en 2021, semella que están recuperándose, caendo este mes en Galicia o 1,73% e no resto de comunidades o 4,09%.

  • Galicia lidera as entregas de leite en España no mes de novembro con 235.197 t, representando un 41,27% das entregas españolas (569.891 t). Aínda que continúan rexistrándose producións mensuais inferiores ao ano pasado, semella que está reverténdose a situación, ou canto menos, que as baixadas non se van a incrementar. Coa mesma tendencia vista nos últimos meses, Galicia (-1,73%, -4.141 t) ten unha diminución da produción inferior ao resto de comunidades autónomas (-4,09%, -14.290 t), polo que tamén é menor que a caída do total nacional (-3,13%, -18.432 t).
  • Se analizamos o período xaneiro-novembro 2022 fronte a xaneiro-novembro 2021, no conxunto de España as entregas diminúen un 2,21% (-150.631 t). En Galicia tamén se rexistra un descenso da produción no que vai de ano, pero inferior ao dato nacional, 0,54% (-14.677 t). En canto ás outras comunidades con maior peso na produción láctea en España, Castela e León ten datos semellantes a Galicia (-0,75%), Cataluña (-2,68%) e Andalucía (-3,97%) teñen unha caída superior á media española, mentres que Asturias (-5,88%) e Cantabria (-6,82%) teñen caídas maiores.
  • As calidades do leite en España seguen a tendencia estacional, subindo respecto ao mes de outubro, situándose en valores inferiores na graxa e superiores na proteína (3,89% de graxa e 3,43% de proteína) respecto a novembro de 2021 (3,92% de graxa e 3,41% de proteína). O diferencial de Galicia co resto de comunidades no valor da graxa continúa a ser amplo (3,98% vs. 3,83%), con valores idénticos no dato da proteína (3,43%).
  • O prezo medio pagado polo leite en Galicia, en novembro de 2022, situouse en 57,6 c/L, un incremento de 4,6 c/L (8,68%) en relación ao mes anterior, mentres que en España chegou aos 58,7 c/L, grazas a unha subida de 3,1 c/L (5,58%). Respecto ao mesmo mes do ano pasado, o prezo medio pagado aos produtores subiu en Galicia un 64,57% (+22,6 c/L), mentres que en España fíxoo un 62,15% (+22,5 c/L). A diferenza entre o prezo medio pagado no Estado e en Galicia é de 1,1 c/L, cifra que ascendería a 1,9 c/L comparando o pagado en Galicia co prezo medio ponderado do resto de comunidades autónomas (59,5 c/L). Porén, esta diferenza é das máis baixas dos últimos anos, xa que supón que se paga en Galicia un 3,2% menos que no resto de comunidades.
  • A estandarización do leite en España (4,0% de graxa e 3,3% de proteína) continúa amosando un diferencial de prezos máis grande entre Galicia e o resto de comunidades autónomas que o que se observa unicamente co prezo real. A media estatal estandarizada é de 58,9 c/L, que aumenta ata 60,1 c/L se non se ten en conta a produción de Galicia, onde se sitúa o prezo en 57,2 c/L.
  • Os prezos de novembro expresados en c/kg (56,99 en España e 55,92 en Galicia) son un 0,54% e un 2,40% inferiores, respectivamente, ao prezo medio ponderado da UE-27 (todos sen estandarizar), que se situou en 57,30 c/kg (+1,18% respecto a outubro e +43,14% respecto a novembro de 2021). Desde finais de 2016 os prezos españois non estaban tan parellos aos europeos.
  • As entregas de leite ecolóxico en España ascenderon no mes de novembro a 3.618 t (0,63% das entregas totais), cun prezo medio de 64,3 c/L. Destas, 1.773 t foron de produtores galegos (49,0% sobre o total nacional), representando o 0,75% das entregas totais de Galicia. O prezo medio pagado en Galicia situouse en 61,5 c/L.

Newsletter

A través da nosa newsletter manterémolo informado das novas publicacións e eventos.