4 Xaneiro 2021

Informe de entregas e prezos do leite en Galicia e España en novembro de 2020

Galicia lidera as entregas de leite en España no mes de novembro con 231.196 t (40,7% do total nacional). O aumento de entregas en España no período xaneiro-novembro 2020 fronte a xaneiro-novembro 2019, foi de 132.264 t (+2,01%), representando Galicia o 70,5% dese incremento (93.225 t). No que se refire ao prezo, en novembro de 2020 en Galicia situouse en 32,9 c/L (+0,61% en relación ao mes anterior).

  • Galicia lidera as entregas de leite en España no mes de novembro con 231.196 t, representando un 40,7% das entregas españolas (567.971 t). En Galicia aumentan con respecto ao mesmo mes do ano pasado un 3,53% (7.872 t), mentres que no resto de comunidades diminúen (-2,45%, -8.472 t), caendo a produción nacional un 0,11% (-600 t).
  • Analizando o período xaneiro-novembro 2020 fronte a xaneiro-novembro 2019, no conxunto de España as entregas aumentan en 132.264 t (+2,01%). Este incremento provén maioritariamente das granxas galegas, onde medra a produción no que vai de ano respecto do mesmo período do ano 2019 en 93.225 t (+3,65%), que representan o 70,5% do aumento da produción en España.
  • As calidades do leite en España moderan a súa mellora, respecto a outubro, a graxa e proteína aumentan menos do 0,3%, mentres que comparando con novembro de 2019, a graxa non varía e a proteína aumenta un 0,59%. En Galicia as calidades tamén son lixeiramente superiores ás de outubro (0,51% a graxa e 0,30% a proteína), baixando a graxa comparada con novembro de 2019 un 0,76%, mentres que aumenta a proteína un 0,89%.
  • O prezo medio pagado polo leite en Galicia en novembro de 2020 situouse en 32,9 c/L, un incremento de 0,2 c/L (0,61%) en relación ao mes anterior, mentres que en España aumentou en 0,4 c/L (1,19%), chegando aos 34,1 c/L. Respecto ao mesmo mes do ano pasado, o prezo medio pagado aos produtores aumentou en Galicia nun 0,92% (+0,3 c/L), mentres que en España fíxoo nun 0,29% (+0,1 c/L).
  • A estandarización do leite en España (4,0% de graxa e 3,3% de proteína) continúa amosando un diferencial de prezos máis grande entre Galicia e o resto de comunidades autónomas que o que se observa unicamente co prezo real. A media estatal é de 34,5 c/L, que aumenta ata 35,4 c/L se non se ten en conta a produción de Galicia, onde se sitúa o prezo en 33,0 c/L.
  • Os prezos de novembro expresados en c/kg (33,11 en España e 31,94 en Galicia) son un 5,31% e un 8,64% inferiores, respectivamente, ao prezo medio ponderado da UE-27 (todos sen estandarizar), que se situou en 34,96 c/quilo (-0,16% respecto a outubro e -1,75% respecto a novembro de 2019).

Newsletter

A través da nosa newsletter manterémolo informado das novas publicacións e eventos.