6 Maio 2022

Informe de entregas e prezos do leite en Galicia e España en marzo de 2022

A pesar da folga do transporte de marzo, as entregas de leite en Galicia son similares a marzo de 2021 (+0,08%). O prezo medio pagado polo leite en Galicia situouse en 37,9 c/L, a 0,4 c/L da media de España, sendo o diferencial máis baixo desde a eliminación das cotas lácteas. O prezo en Galicia sobe un 15,20% respecto a marzo de 2021, mentres que en España aumenta un 13,65%.

  • Galicia lidera as entregas de leite en España no mes de marzo con 258.297 t, representando un 39,95% das entregas españolas (646.517 t). As cifras de entregas deste mes poden estar afectadas pola folga de transporte que se produciu en marzo, tanto por algún problema de recollida como por pequenas modificacións na alimentación dos animais ante a posible falta de alimentos comprados, principalmente pensos. Con todo, en Galicia mantéñense as entregas con respecto ao mesmo mes do ano pasado, aumentando en 199 t (0,08%), mentres que no resto de comunidades diminúen en 9.165 t (-2,31%), caendo a produción nacional 8.966 t (-1,37%).
  • Analizando o período xaneiro-marzo 2022 fronte a xaneiro-marzo 2021, no conxunto de España as entregas aumentan en 6.669 t (0,36%). Este incremento continúa a ser inferior á subida das entregas das explotacións galegas (17.918 t, +2,45%), mentres que o resto de comunidades grandes produtoras rexistra baixadas (Cataluña -1,71%; Andalucía -1,95%; Asturias -3,07%; Cantabria -4,05%), excepto Castela e León (+1,31%).
  • As calidades do leite en España baixan con respecto ao mes pasado, tanto a graxa (3,81 vs. 3,84%) como a proteína (3,33 vs. 3,34%), pero o valor da graxa é superior ao rexistrado en marzo de 2021 (3,81% vs. 3,74%). O diferencial de Galicia co resto de comunidades no valor da graxa continúa a ser amplo (3,90% vs. 3,75%), con valores semellantes no dato da proteína (3,34% vs. 3,32%).
  • O prezo medio pagado polo leite en Galicia, en marzo de 2022, situouse en 37,9 c/L, un incremento de 1,3 c/L (3,55%) en relación ao mes anterior, mentres que en España aumentou en 0,5 c/L (1,32%), ata os 38,3 c/L. Respecto ao mesmo mes do ano pasado, o prezo medio pagado aos produtores subiu en Galicia un 15,20% (+5,0 c/L), mentres que en España fíxoo un 13,65% (+4,6 c/L). A diferenza entre o prezo medio pagado no Estado e en Galicia é de 0,4 c/L, cifra que ascendería a 0,6 c/L comparando o pagado en Galicia co prezo medio ponderado do resto de comunidades autónomas (38,5 c/L). Porén, esta cifra é o diferencial máis baixo desde a eliminación das cotas lácteas.
  • A estandarización do leite en España (4,0% de graxa e 3,3% de proteína) continúa amosando un diferencial de prezos máis grande entre Galicia e o resto de comunidades autónomas que o que se observa unicamente co prezo real. A media estatal estandarizada é de 39,1 c/L, que aumenta ata 39,7 c/L se non se ten en conta a produción de Galicia, onde se sitúa o prezo en 38,3 c/L.
  • Os prezos de marzo expresados en c/kg (37,18 en España e 36,80 en Galicia) son un 14,49% e un 15,37% inferiores, respectivamente, ao prezo medio ponderado da UE-27 (todos sen estandarizar), que se situou en 43,48 c/kg (+2,09% respecto a febreiro e +23,63% respecto a marzo de 2021).
  • As entregas de leite ecolóxico en España ascenderon no mes de marzo a 4.224 t (0,65% das entregas totais), cun prezo medio de 48,2 c/L. Destas, 2.097 t foron de produtores galegos (49,6% sobre o total nacional), representando o 0,81% das entregas totais de Galicia. O prezo medio pagado en Galicia situouse en 46,2 c/L.

Newsletter

A través da nosa newsletter manterémolo informado das novas publicacións e eventos.