7 Maio 2020

Informe de entregas e prezos do leite en Galicia e España en marzo 2020

As entregas, tanto en Galicia como no conxunto do resto de comunidades, aumentan con respecto ao mesmo mes do ano pasado por riba do 3,5%, (+8.676 t en Galicia e +13.945 t no resto de comunidades). O prezo medio pagado aos produtores aumentou en Galicia nun 3,19% (+1,0 c/L) con respecto ao mesmo mes do ano pasado, mentres que en España fíxoo nun +2,15% (+0,7 c/L)

  • Galicia lidera as entregas de leite en España no mes de marzo con 251.521 t, representando un 38,50% das entregas en España (653.324 t). As entregas, tanto en Galicia como no conxunto do resto de comunidades, aumentan con respecto ao mesmo mes do ano pasado por riba do 3,5%, (+8.676 t en Galicia e +13.945 t no resto de comunidades).
  • Se analizamos o período xaneiro-marzo 2020 fronte a xaneiro-marzo 2019, no conxunto de España as entregas aumentan en 67.116 t (+3,76%). Neste incremento destacan Galicia, cun incremento de 26.072 t, Cataluña, con 10.435 t e Castela e León, con 8.851.
  • As calidades do leite en España teñen comportamentos diferentes neste mes, no caso da graxa diminuíu o seu valor medio con respecto ao mes previo un -0,6%, mentres que a proteína aumentou un +0,26%. En Galicia a evolución foi similar, polo que segue diferenciándose do resto e comunidades polo elevado valor da graxa (3,84% vs. 3,63%).
  • O prezo medio pagado polo leite en Galicia en marzo de 2020 situouse en 32,3 c/L, un descenso de -0,1 c/L (-0,31%) en relación ao mes anterior, mentres que en España situouse en 33,3 c/L, cunha caída de -0,3 c/L (-0,89%). Con todo, o prezo medio pagado aos produtores aumentou en Galicia nun 3,19% (+1,0 c/L) con respecto ao mesmo mes do ano pasado, mentres que en España fíxoo nun +2,15% (+0,7 c/L).
  • A estandarización do leite en España (4,0% de graxa e 3,3% de proteína) continúa amosando un diferencial de prezos máis grande entre Galicia e o resto de comunidades autónomas que o que se observa unicamente co prezo real. A media estatal é de 34,5 c/L, que aumenta ata 35,4 c/L se non se ten en conta a produción de Galicia, onde se sitúa o prezo en 32,9 c/L. Este aumento da diferenza dos prezos está influenciado pola maior cantidade de graxa do leite galego.
  • Os prezos de marzo expresados en c/kg (32,33 en España e 31,36 en Galicia) son un 6,03% e un 8,85% inferiores, respectivamente, do prezo medio ponderado da UE-27 (todos sen estandarizar), que se situou en 34,41 c/quilo (-2,07% respecto a febreiro e +0,16% respecto a marzo de 2019).

Newsletter

A través da nosa newsletter manterémolo informado das novas publicacións e eventos.