8 Xullo 2022

Informe de entregas e prezos do leite en Galicia e España en maio de 2022

O prezo medio pagado polo leite en Galicia situouse en 42,0 c/L, un incremento de 1,1 c/L (2,69%) en relación a abril e de 9,3 c/L (28,44%) respecto a maio de 2021. Este aumento é similar ao de España (28,66%) e inferior ao da UE-27 (33,26%).

  • Galicia lidera as entregas de leite en España no mes de maio con 262.448 t, representando un 40,38% das entregas españolas (649.871 t). Como nos dous meses anteriores, as entregas son similares en Galicia respecto ás do mesmo mes de 2021, en maio +172 t (0,07%), mentres que na suma do resto de comunidades a produción cae en 8.163 t (-2,06%), o que provoca que a nivel nacional a baixada sexa de 7.992 t (-1,21%).
  • Se analizamos o período xaneiro-maio 2022 fronte a xaneiro-maio 2021, no conxunto de España as entregas diminúen en 15.629 t (-0,50%), con diferenzas importantes entre comunidades, xa que Galicia aumenta a produción en 17.867 t (1,43%) e Castela e León ten un incremento menor, 2.324 t (0,60%). Entre as comunidades nas que a produción cae destacan Asturias (-9.739 t, -4,06%), Cantabria (-9.470 t, -5,10%), Andalucía (-6.670 t, -2,66%) e Cataluña (-6.321 t, -1,93%).
  • As calidades do leite en España inician a baixada estacional que teñen no verán, situándose en 3,71% de graxa e 3,27% de proteína. O diferencial de Galicia co resto de comunidades no valor da graxa continúa a ser amplo (3,81% vs. 3,64%), con valores máis semellantes no dato da proteína (3,29% vs. 3,26%).
  • O prezo medio pagado polo leite en Galicia, en maio de 2022, situouse en 42,0 c/L, un incremento de 1,1 c/L (2,69%) en relación ao mes anterior, mesma subida que en España, chegando neste caso ata os 43,1 c/L. Respecto ao mesmo mes do ano pasado, o prezo medio pagado aos produtores subiu en Galicia un 28,44% (+9,3 c/L), mentres que en España fíxoo un 28,66% (+9,6 c/L). A diferenza entre o prezo medio pagado no Estado e en Galicia é de 1,1 c/L, cifra que ascendería a 1,8 c/L comparando o pagado en Galicia co prezo medio ponderado do resto de comunidades autónomas (43,8 c/L).
  • A estandarización do leite en España (4,0% de graxa e 3,3% de proteína) continúa amosando un diferencial de prezos máis grande entre Galicia e o resto de comunidades autónomas que o que se observa unicamente co prezo real. A media estatal estandarizada é de 44,8 c/L, que aumenta ata 46,1 c/L se non se ten en conta a produción de Galicia, onde se sitúa o prezo en 43,0 c/L.
  • Os prezos de maio expresados en c/kg (41,84 en España e 40,78 en Galicia) son un 12,10% e un 14,33% inferiores, respectivamente, ao prezo medio ponderado da UE-27 (todos sen estandarizar), que se situou en 47,60 c/kg (+3,57% respecto a abril e +33,26% respecto a maio de 2021).
  • As entregas de leite ecolóxico en España ascenderon no mes de maio a 4.458 t (0,69% das entregas totais), cun prezo medio de 51,8 c/L. Destas, 2.204 t foron de produtores galegos (49,4% sobre o total nacional), representando o 0,84% das entregas totais de Galicia. O prezo medio pagado en Galicia situouse en 47,6 c/L.

Newsletter

A través da nosa newsletter manterémolo informado das novas publicacións e eventos.