9 Xullo 2021

Informe de entregas e prezos do leite en Galicia e España en maio de 2021

Galicia lidera as entregas de leite en España no mes de maio con 262.276 t, representando un 39,9% das entregas en España (657.862 t). As entregas, tanto en Galicia como no conxunto do resto de comunidades, aumentan con respecto ao mesmo mes do ano pasado, pero de forma moito máis destacada na comunidade galega, representando o 92,7% do incremento estatal (8.568 t en Galicia e 677 t no resto de comunidades).

  • Galicia lidera as entregas de leite en España no mes de maio con 262.276 t, representando un 39,9% das entregas en España (657.862 t). En comparación a maio de 2020, as entregas continúan medrando en Galicia (8.568 t, +3,38%), de forma moito máis destacada que no resto de comunidades autónomas (677 t, +0,17%), sendo o aumento total de España de 9.244 t (+1,43%).
  • Se analizamos o período xaneiro-maio 2021 fronte a xaneiro-maio 2020, no conxunto de España as entregas aumentan en 9.630 t (+0,31%), grazas ao aumento de 29.434 t (+2,42%) rexistrado en Galicia, mentres que que na maioría das comunidades a produción diminúe, destacando Cataluña (-8.476 t, -2,52%), Castela e León (-4.879 t, -1,24%) e as comunidades Cantábricas (-5.348 t, -1,06%).
  • As calidades do leite en España descenden respecto a abril (-0,54% a graxa e -0,30% a proteína), pero son superiores respecto a maio de 2020 (1,37% a graxa e 1,23% a proteína). Por outra banda, as calidades do leite de Galicia seguen diferenciándose do resto de comunidades polo elevado valor da graxa (3,79% vs. 3,62%), sendo lixeiramente superiores na proteína (3,31% vs. 3,29%).
  • O prezo medio pagado polo leite en Galicia en maio de 2021 situouse en 32,7 c/L, un descenso de 0,1 c/L (-0,30%) en relación ao mes anterior, similar ao ocorrido a nivel nacional, onde o prezo medio rexistrado foi de 33,5 c/L. Respecto ao mesmo mes do ano pasado, o prezo medio pagado aos produtores aumentou en Galicia nun 1,87% (+0,6 c/L), tamén similar á media de España, 1,82% (+0,6 c/L). A diferenza entre o prezo medio pagado no Estado e en Galicia é de 0,8 c/L, cifra que ascendería a 1,3 c/L comparando o pagado en Galicia co prezo medio ponderado do resto de comunidades autónomas (34,0 c/L).
  • A estandarización do leite en España (4,0% de graxa e 3,3% de proteína) continúa amosando un diferencial de prezos máis grande entre Galicia e o resto de comunidades autónomas que o que se observa unicamente co prezo real. A media estatal estandarizada é de 34,8 c/L, que aumenta ata 35,7 c/L se non se ten en conta a produción de Galicia, onde se sitúa o prezo en 33,5 c/L.
  • Os prezos de maio expresados en c/kg (32,52 en España e 31,75 en Galicia) son un 9,01% e un 11,17% inferiores, respectivamente, ao prezo medio ponderado da UE-27 (todos sen estandarizar), que se situou en 35,74 c/quilo (+0,90% respecto a abril e +8,52% respecto a maio de 2020).
  • As entregas de leite ecolóxico en España ascenderon no mes de maio a 4.748 t (0,72% do total de entregas), cun prezo medio de 47,9 c/L.  Destas, 2.486 t foron de produtores galegos (52,4% sobre o total nacional), representando o 0,95% das entregas de Galicia. O prezo medio pagado en Galicia situouse en 47,6 c/L.

Newsletter

A través da nosa newsletter manterémolo informado das novas publicacións e eventos.