7 Abril 2022

Informe de entregas e prezos do leite en Galicia e España en febreiro de 2022

Nos dous primeiros meses do ano 2022 as entregas de leite aumentaron en Galicia en 17.719 t (3,75%) en comparación ao mesmo período de 2021. O prezo medio pagado polo leite en Galicia situouse en 36,6 c/L, un 11,93% máis que en febreiro de 2021, mentres que en España foi de 37,8 c/L, cunha subida similar respecto ao ano pasado.

  • Galicia lidera as entregas de leite en España no mes de febreiro con 234.130 t, representando un 40,27% das entregas españolas (581.432 t). En Galicia aumentan con respecto ao mesmo mes do ano pasado un 2,64% (6.012 t), mentres que no resto de comunidades diminúen (-1,02%, -3.595 t), subindo a produción nacional un 0,42% (2.419 t).
  • Analizando o período xaneiro-febreiro 2022 fronte a xaneiro- febreiro 2021, no conxunto de España as entregas aumentan en 15.635 t (1,31%). Este incremento está sostido na subida das entregas das explotacións lácteas galegas (17.719 t, +3,75%), mentres que destaca a baixada de produción nas comunidades cantábricas (Asturias -2,22%, Cantabria -2,95% e País Vasco -1,11%).
  • As calidades do leite en España baixan con respecto ao mes pasado, tanto a graxa (3,84 vs. 3,86%) como a proteína (3,34 vs. 3,35%), pero son superiores ás rexistradas en febreiro de 2021 (3,77% graxa e 3,32% proteína). O diferencial de Galicia co resto de comunidades no valor da graxa continúa a ser amplo (3,91% vs. 3,79%), con valores semellantes no dato da proteína (3,36% vs. 3,33%).
  • O prezo medio pagado polo leite en Galicia, en febreiro de 2022, situouse en 36,6 c/L, un incremento de 0,7 c/L (1,95%) en relación ao mes anterior, mentres que en España tamén aumentou en 0,7 c/L (1,89%), ata os 37,8 c/L. Respecto ao mesmo mes do ano pasado, o prezo medio pagado aos produtores subiu en Galicia un 11,93% (+3,9 c/L), mentres que en España fíxoo un 11,83% (+4,0 c/L). A diferenza entre o prezo medio pagado no Estado e en Galicia é de 1,2 c/L, cifra que ascendería a 2,0 c/L comparando o pagado en Galicia co prezo medio ponderado do resto de comunidades autónomas (38,6 c/L).
  • A estandarización do leite en España (4,0% de graxa e 3,3% de proteína) continúa amosando un diferencial de prezos máis grande entre Galicia e o resto de comunidades autónomas que o que se observa unicamente co prezo real. A media estatal estandarizada é de 38,4 c/L, que aumenta ata 39,5 c/L se non se ten en conta a produción de Galicia, onde se sitúa o prezo en 36,8 c/L.
  • Os prezos de febreiro expresados en c/kg (36,70 en España e 35,53 en Galicia) son un 13,83% e un 16,57% inferiores, respectivamente, ao prezo medio ponderado da UE-27 (todos sen estandarizar), que se situou en 42,59 c/kg (+1,40% respecto a xaneiro e +21,79% respecto a febreiro de 2021).
  • As entregas de leite ecolóxico en España ascenderon no mes de febreiro a 3.721 t (0,64% das entregas totais), cun prezo medio de 48,3 c/L. Destas, 1.772 t foron de produtores galegos (47,6% sobre o total nacional), representando o 0,75% das entregas totais de Galicia. O prezo medio pagado en Galicia situouse en 46,2 c/L.

Newsletter

A través da nosa newsletter manterémolo informado das novas publicacións e eventos.