16 Febreiro 2024

Informe de entregas e prezos do leite en Galicia e España en decembro de 2023

En España a produción de leite estancouse en torno aos 7 millóns de litros. No contexto galego, nos primeiros meses de 2023 comezaron a rexistrarse leves subidas que levaron a que a produción total galega alcanzase os 3 millóns de toneladas. O prezo medio do leite descendeu durante a primeira metade do ano, estancándose nos últimos meses en torno os 52 c/L no caso de España e nos 49 c/L no caso de Galicia.

  • Galicia, no mes de decembro, continúa liderando a produción de leite de España cunhas entregas totais de 249.241 t, que representan o 41,24% do total de entregas de España nese mes.
  • No ano 2023 en España producíronse 7.281.862 toneladas de leite, o que supuxo un incremento con respecto ao ano 2022 do 0,10%. En Galicia, as entregas alcanzaron no 2023 as 3.001.683 t, despois de incrementárense con respecto ao 2022 nun 1,02%. Representan o 41,22% do total das entregas a nivel español.
  • As calidades do leite en España e Galicia apenas sofren variacións con respecto ao mes anterior, non sufrindo tampouco grandes variacións as medias anuais do 2023 con respecto ás cifras do 2022. No ano 2023 a media estatal da graxa situouse no 3,78% e a da proteína no 3,37%, mentres que en Galicia, como vén sendo habitual, estes parámetros situáronse lixeiramente por riba, alcanzando para a graxa a cifra media do 3,87% e para a proteína o 3,38%.
  • Os prezos medios do leite en Galicia, despois da senda alcista que experimentaron ao longo do ano 2022, alcanzaron o seu valor máximo no mes de febreiro do 2023 (58,90 c/L), para a partir dese mes comezar a descender ata o mes de agosto. A partires deste mes, os prezos estabilizáronse ao redor dos 49 c/L, coincidindo co momento no que os prezos en Europa comezan a aumentar, pechando o mes de decembro nos 49,50 c/L.
  • O prezo medio ponderado do leite pagado os produtores en España no ano 2023 foi de 54,69 c/L, o que o sitúa un 17,79% por riba dos 46,43 c/L do ano 2022. No caso de Galicia o prezo medio ponderado do leite no ano 2023 foi de 52,54 c/L, un 16,03% superior aos 45,28 c/L do ano 2022. Isto fai que as gandarías galegas facturasen no 2023 pola venda de leite 1.531 millóns de euros, fronte aos 1.306 millóns de euros do ano 2022 (225 millóns de euros máis).
  • O prezo medio ponderado de Galicia sitúase 2,15 c/L por debaixo do prezo medio ponderado do conxunto do España (-3,93%).
  • O prezo medio do leite en Europa (UE-27) expresado en c/Kg, iniciou un pronunciado descenso desde xaneiro do ano 2023 ata acadar o mínimo no mes de agosto (43,41 c/kg). Desde esa data os prezos recuperáronse con certa intensidade ata alcanzar no mes de decembro os 46,61 c/kg. Este prezo é un 3% inferior ao de Galicia (-1,45 c/kg), e un 8% inferior ao prezo medio de España (-4,7 c/Kg).
  • As entregas de leite ecolóxico en España ascenderon no mes de decembro a 3.151 toneladas (0,52% das entregas totais), cun prezo medio de 64,8 c/L. Destas, 1.681 toneladas foron de produtores galegos (53,35% sobre o total das entregas de leite ecolóxico a nivel nacional), representando o 0,67% das entregas totais de leite en Galicia no mes de decembro. O prezo medio pagado en Galicia polo leite ecolóxico situouse en 64 c/L.

Newsletter

A través da nosa newsletter manterémolo informado das novas publicacións e eventos.