4 Febreiro 2021

Informe de entregas e prezos do leite en Galicia e España en decembro de 2020

As entregas de leite no ano 2020 medraron no conxunto de España en 152.188 ton, o que supón un incremento do 2,12% respecto ao ano 2019. Nese ano Galicia liderou unha vez máis as entregas cun crecemento do 3,57% (+99.514 ton). No canto do prezo medio pagado aos produtores no ano 2020, este aumentou de forma máis notable en Galicia (+2,22%, +0,70 c/L) que en España (1,32% +0,43 c/L) respecto aos prezos medios rexistrados no ano 2019.

  • Galicia lidera as entregas de leite en España no mes de decembro con 241.666 t, representando un 39,6% das entregas españolas (609.915 t). En Galicia aumentan en comparación ao mesmo mes do ano pasado un 2,67% (6.289 t), mentres que no resto de comunidades fano nun 0,59% (2.147 t), crecendo a produción nacional un 1,40% (8.436 t).
  • As entregas no ano 2020 medraron no conxunto de España en 152.188 ton, o que supón un incremento do 2,12% respecto ao ano 2019. Ao igual que nos catro anos anteriores, en Galicia seguen aumentando as entregas a un ritmo superior que a media nacional (+3,57%, +99.514 ton), o que fai que o represente o 39,4% da produción nacional. Nas outras catro comunidades españolas cunha maior produción, produciuse un incremento notable en Andalucía (+2,78%, +15.645 ton), Cataluña (+1,82%, +13.501 ton) e Asturias (+2,34%, +13.039 ton), mentres que Castela e León diminuíu as súas entregas (-0,58%, -5.420 ton).
  • As calidades do leite en España mantéñense estables con respecto ao mes pasado, cun lixeiro aumento na graxa (3,85 vs. 3,84%) e unha pequena caída na cantidade de proteína (3,38 vs. 3,40%). A variación anual con respecto ao 2019 é positiva a nivel nacional, tanto na graxa como na proteína (incremento de 0,01 puntos en cada unha, quedando as calidades medias nun 3,72% de graxa e 3,30% de proteína). Porén, en Galicia baixou lixeiramente a graxa (-0,01 puntos, quedando no 3,82%) e aumentou a proteína (0,01 puntos, quedando no 3,30%), o que provoca que a diferenza de Galicia co resto de comunidades baixa na graxa, aínda que Galicia segue mantendo un diferencial positivo (3,82% vs. 3,66%) e iguálase a proteína (3,30%).
  • O prezo medio pagado polo leite en Galicia, en decembro de 2020, situouse en 32,9 c/L, similar ao mes anterior, mentres que en España situouse en 33,9 c/L, unha diminución de -0,2 c/L (-0,59%) co mes anterior. O prezo medio pagado aos produtores no ano 2020 aumentou de forma máis notable en Galicia (+2,22%, +0,70 c/L) que en España (1,32% +0,43 c/L) respecto aos prezos medios rexistrados no ano 2019.
  • A estandarización do leite en España (4,0% de graxa e 3,3% de proteína) continúa amosando un diferencial de prezos máis grande entre Galicia e o resto de comunidades autónomas que o que se observa unicamente co prezo real. A media estatal é de 34,3 c/L, que aumenta ata 35,1 c/L se non se ten en conta a produción de Galicia, onde se sitúa o prezo en 33,0 c/L.
  • Os prezos de decembro expresados en c/kg (32,91 en España e 31,94 en Galicia) son un 6,87% e un 9,62% inferiores, respectivamente, ao prezo medio ponderado da UE-27 (todos sen estandarizar), que se situou en 35,34 c/quilo (1,08% respecto a novembro e -0,74% respecto a decembro de 2020).

Newsletter

A través da nosa newsletter manterémolo informado das novas publicacións e eventos.