23 Febreiro 2025

Informe de entregas e prezos do leite en Galicia e España en decembro 2024

O incremento da produción en España con respecto ao ano 2023 foi de 86 mil toneladas. Galicia destaca como a rexión cun maior crecemento absoluto, rexistrando un incremento nas entregas de leite de 61,77 mil toneladas, sendo responsable de preto do 71,26% do crecemento total en España. É dicir, de cada 10 litros que aumentan as entregas en España, 7 proceden das gandarías de Galicia.

  • En decembro de 2024, Galicia mantivo a súa posición como principal produtora de leite en España cunha produción total de 249.241 toneladas, o que representa o 41,24 % das entregas nacionais. As entregas a nivel estatal acadaron as 604.988 toneladas, cun incremento do 0,37 % respecto ao mesmo mes do ano anterior.
  • O incremento da produción en España con respecto ao ano 2023 foi de 86 mil toneladas. Galicia destaca como a rexión cun maior crecemento absoluto, rexistrando un incremento nas entregas de leite de 61,77 mil toneladas, sendo responsable de preto do 71,26% do crecemento total en España. É dicir, de cada 10 litros que aumentan as entregas en España, 7 proceden das gandarías de Galicia.
  • As calidades do leite permaneceron estables en relación co mes anterior. En decembro, a graxa media en España situouse no 3,78 % e a proteína no 3,37 %. Pola súa parte, Galicia acadou niveis lixeiramente superiores, cun 3,87 % de graxa e 3,38 % de proteína.
  • O prezo medio do leite en Galicia no mes de decembro foi de 49,50 c/L, mantendo a estabilidade rexistrada nos últimos meses, aínda que supuxo unha baixada do 5,28 % en comparación co mes de decembro do ano anterior. A nivel estatal, o prezo medio situouse en 52,20 c/L, cunha diminución interanual do 5,75 %.
  • O prezo medio estandarizado do leite en España, considerando un contido de 4,0 % de graxa e 3,3 % de proteína, foi de 52,30 c/L, mentres que en Galicia foi de 49,20 c/L, reflectindo un diferencial de 3,1 c/L entre a comunidade galega e a media nacional.
  • En decembro de 2024, o prezo medio do leite na Unión Europea (UE-27) alcanzou os 52,33 c/kg. Galicia presentou un prezo medio de 45,24 c/kg, o que supón unha diferenza negativa do 13,54 % con respecto á media europea, mentres que España rexistrou un prezo de 47,77 c/kg, un 8,82 % inferior ao da UE.
  • No ámbito da produción ecolóxica, as entregas de leite en España durante decembro foron de 3.801 toneladas, das cales 2.043 toneladas procederon de Galicia, representando máis da metade da produción estatal neste segmento. O prezo medio do leite ecolóxico en Galicia situouse en 61,50 c/L, 1,0 c/L por debaixo da media nacional.

Newsletter

A través da nosa newsletter manterémolo informado das novas publicacións e eventos.