10 Febreiro 2020

Informe de entregas e prezos do leite en Galicia e España en decembro 2019

O prezo medio pagado polo leite en Galicia, en decembro de 2019, situouse en 32,7 c/L, un incremento de +0,1 c/L (+0,31%) en relación ao mes anterior, mentres que en España situouse en 33,8 c/L, unha diminución de -0,2 c/L (-0,59%) co mes anterior. En canto ás entregas, Galicia lidera as entregas de leite en España no mes de decembro, con 235.377 ton, representando un 39,13% das entregas en España (601.479 ton)

  • Galicia lidera as entregas de leite en España no mes de decembro, con 235.377 ton, representando un 39,13% das entregas en España (601.479 ton). As entregas, tanto en Galicia como no conxunto do resto de comunidades, aumentan por terceiro mes consecutivo a un ritmo próximo ao 3% con respecto aos mesmos meses do ano pasado (neste mes, +6.809 ton en Galicia e +12.164 ton no resto de comunidades).
  • As entregas no ano 2019 medraron no conxunto de España en 109.952 ton, o que supón un incremento do 1,55% respecto do ano 2018. Ao igual que nos tres anos anteriores, en Galicia seguen aumentando as entregas a un ritmo superior que a media nacional (+1,78%, +48.656 ton), o que fai que o represente o 38,84% da produción nacional. Nas outras catro comunidades españolas cunha maior produción, produciuse un incremento notable en Castela e León (+2,30%, +20.898 ton) e Andalucía (+2,76%, +15.130 ton), mentres que Cataluña mantense estable (+0,03%, 226 ton) e Asturias diminúe as entregas (-0,73%, -4.083 ton). 
  • As calidades do leite en España mantéñense estables con respecto ao mes pasado, cunha lixeira caída na cantidade de proteína. A variación con respecto ao ano pasado é positiva, tanto na graxa como na proteína, cun incremento maior en Galicia que no resto de comunidades (no caso da graxa +1,03 vs. +0,51% e na proteína +0,40 vs. +0,28%), o que provoca que o diferencial de Galicia co resto de comunidades se eleve na graxa (3,83% vs. 3,63%) e se manteña na proteína (3,29% vs. 3,28%).
  • O prezo medio pagado polo leite en Galicia, en decembro de 2019, situouse en 32,7 c/L, un incremento de +0,1 c/L (+0,31%) en relación ao mes anterior, mentres que en España situouse en 33,8 c/L, unha diminución de -0,2 c/L (-0,59%) co mes anterior. Con todo, o prezo medio pagado aos produtores aumentou de forma máis notable en España (+2,73%, +0,87 c/L) que en Galicia (1,72% +0,53 c/L) respecto ao ano 2018.
  • A estandarización do leite en España (4,0% de graxa e 3,3% de proteína) reflicte aínda un diferencial de prezos máis grande entre Galicia e o resto de comunidades autónomas no mes de decembro. A media estatal é de 34,3 c/L, que aumenta ata 35,1 c/L se non se ten en conta a produción de Galicia, onde se sitúa o prezo en 32,8 c/L. Este aumento da diferenza dos prezos está influenciado pola maior cantidade de graxa do leite galego.
  • Os prezos de decembro expresados en c/kg (32,82 en España e 31,75 en Galicia) son un 7,31% e un 10,34% inferiores, respectivamente, do prezo medio ponderado da UE-28 (sen estandarizar), que no mes de decembro de 2019 se situou en 35,41 c/quilo (-0,06% respecto a novembro de 2019 e -0,37% respecto a decembro de 2018).

Newsletter

A través da nosa newsletter manterémolo informado das novas publicacións e eventos.