4 Outubro 2022

Informe de entregas e prezos do leite en Galicia e España en agosto de 2022

O prezo medio pagado polo leite en Galicia situouse en 46,2 c/L, mentres que en España chegou aos 47,6 c/L. Respecto ao mesmo mes do ano pasado, o prezo medio pagado aos produtores subiu en Galicia un 41,28% (+13,5 c/L), mentres que en España fíxoo un 40,83% (+13,8 c/L).

  • Galicia lidera as entregas de leite en España no mes de agosto con 248.593 t, representando un 41,58% das entregas españolas (597.875 t). Continúan as baixadas na produción xa rexistradas nos meses anteriores, en Galicia caeu a produción respecto a agosto de 2021 un 2,43% (-6.191 t) e no resto de comunidades un 4,54% (-16.623 t), sendo a baixada a nivel nacional do 3,68% (-22.815 t).
  • Se analizamos o período xaneiro-agosto 2022 fronte a xaneiro-agosto 2021, no conxunto de España as entregas diminúen en 81.829 t (-1,63%). Porén, aínda que semella que por último mes, en Galicia a produción acumulada aínda é superior á do 2021, con +1.823 t (0,09%). Das outras 5 grandes produtoras só Castela e León ten unha produción semellante á de 2021 (-1.991 t, -0,32%), mentres que en Cataluña (-12.296 t, -2,39%), Andalucía (-13.749 t, -3,52%), Asturias (-20.837 t, -5,40%) e Cantabria (-19.738 t, -6,64%) a caída na produción é máis pronunciada.
  • As calidades do leite en España comezan a subir, situándose en valores semellantes aos de agosto de 2021 (3,64% de graxa e 3,26% de proteína). O diferencial de Galicia co resto de comunidades no valor da graxa continúa a ser amplo (3,73% vs. 3,58%), con valores máis similares no dato da proteína (3,27% vs. 3,25%).
  • O prezo medio pagado polo leite en Galicia, en agosto de 2022, situouse en 46,2 c/L, un incremento de 1,5 c/L (3,36%) en relación ao mes anterior, mentres que en España chegou aos 47,6 c/L, grazas a unha subida de 1,3 c/L (2,81%). Respecto ao mesmo mes do ano pasado, o prezo medio pagado aos produtores subiu en Galicia un 41,28% (+13,5 c/L), mentres que en España fíxoo un 40,83% (+13,8 c/L). A diferenza entre o prezo medio pagado no Estado e en Galicia é de 1,4 c/L, cifra que ascendería a 2,3 c/L comparando o pagado en Galicia co prezo medio ponderado do resto de comunidades autónomas (48,5 c/L).
  • A estandarización do leite en España (4,0% de graxa e 3,3% de proteína) continúa amosando un diferencial de prezos máis grande entre Galicia e o resto de comunidades autónomas que o que se observa unicamente co prezo real. A media estatal estandarizada é de 50,0 c/L, que aumenta ata 51,4 c/L se non se ten en conta a produción de Galicia, onde se sitúa o prezo en 47,9 c/L.
  • Os prezos de agosto expresados en c/kg (46,21 en España e 44,85 en Galicia) son un 11,76% e un 14,35% inferiores, respectivamente, ao prezo medio ponderado da UE-27 (todos sen estandarizar), que se situou en 52,37 c/kg (+2,53% respecto a xullo e +43,83% respecto a agosto de 2021).
  • As entregas de leite ecolóxico en España ascenderon no mes de agosto a 3.829 t (0,64% das entregas totais), cun prezo medio de 52,9 c/L. Destas, 1.793 t foron de produtores galegos (46,8% sobre o total nacional), representando o 0,72% das entregas totais de Galicia. O prezo medio pagado en Galicia situouse en 49,9 c/L.

Newsletter

A través da nosa newsletter manterémolo informado das novas publicacións e eventos.