INFORME DE ENTREGAS E PREZOS DO LEITE EN GALICIA E ESPAÑA EN AGOSTO 2024
Continúa o contexto de baixada de prezos pagados aos produtores en España e Galicia. Neste mes de agosto sobrepasouse a cifra de 5 millóns de toneladas de leite producidas en España e de dous millóns de toneladas en Galicia.
Neste mes de agosto en Galicia producíronse 254.798 t de leite, que representan o 42,91% do total do leite producido no estado no mesmo mes, que suma 593.813 t. Se comparamos esta cantidade coa producida en agosto do ano anterior observamos que a nivel estatal se produciu un 0,63% menos, mentres que en Galicia se produciu un 1,19% máis.
A suma da produción total acumulada desde xaneiro superou neste mes de agosto as cinco millóns de toneladas no conxunto de España e os dous millóns de toneladas en Galicia. Se comparamos esta produción coa acumulada no mesmo período do ano 2023, apréciase un incremento do 1,30% en España e un 2,09% en Galicia.
Nesta comparación da produción acumulada, Galicia lidera o aumento da produción con 42 mil t máis de leite producido. Pola contra, as comunidades da cornixa cantábrica destacan polo descendo da súa produción, reducíndose en 9 mil toneladas no caso de Cantabria e en 4 mil t no caso de Asturias.
As calidades do leite en España continúan en niveis baixos propios da época estival, situándose en 3,66% de graxa e 3,29% de proteína. O diferencial de Galicia co resto de comunidades no valor da graxa continúa a ser amplo (3,71% vs. 3,62%), con valores non tan alonxados no caso da proteína (3,31% vs. 3,27%).
O prezo medio pagado polo leite continúa coa tendencia a baixa que, pese a seren baixas, veñen sendo sucesivas dende o máximo rexistrado en febreiro de 2023. Neste mes de agosto o prezo medio pagado polo leite situouse en España nos 47,3 c/L, cifra similar á rexistrada en agosto de 2022 e un 8,5% inferior ao prezo rexistrado no comezo deste ano.
En Galicia, o prezo medio pagado polo leite segue a mesma tendencia que a nivel estatal, e situouse neste mes de agosto nos 44,8 c/L. Este prezo é inferior ao rexistrado nos meses de agosto dos anos 23 e 22 e viuse reducido nun 9,5% se o comparamos co comezo deste ano.
Galicia, pese a ser a principal produtora de leite do estado rexistra o prezo máis baixo. Os 44,8c/L pagados as produtores en Galicia son 2,5 c/L menos que o pagado na media do estado, ascendendo notablemente este diferencial se o comparamos con outras principais rexións produtoras como Castela e León (+3,7 c/L), Cataluña (+5c/L) ou Asturias (+5,7 c/L).
A estandarización do leite en España (4,0% de graxa e 3,3% de proteína) continúa amosando un diferencial de prezos máis grande entre Galicia e o resto de comunidades autónomas que o que se observa unicamente co prezo real. A media estatal estandarizada é de 49,40 c/L, que aumenta ata 51,4 c/L se non se ten en conta a produción de Galicia, onde se sitúa o prezo en 46,42c/L.
A baixada do prezo medio pagado polo leite en Galicia e España contrasta coa situación de estabilidade que se aprecia no contexto europeo, onde o prezo medio de agosto se situou nos 46,82 c/Kg, moi preto dos 46,45 c/Kg que rexistrou en xaneiro. Como consecuencia, revértese situación que se rexistraba en xaneiro, onde o prezo medio español e galego eran 3,46 e 1,33 c/kg superiores, respectivamente, ao prezo medio ponderado da UE-27. Neste mes de xuño, o prezo medio da UE-27 (46,82c/Kg) é 0,31 c/Kg maior que o de España (45,92 c/Kg) e 1,83 c/Kg superior ao de Galicia (43,50 c/Kg).
As entregas de leite ecolóxico en España ascenderon no mes de xuño a 3.270t, destas, 1.812 t foron de produtores galegos (57%). O Leite ecolóxico so representa un 0,55% da produción nacional e un 0,71% da produción galega.
Ao igual que sucede coa produción convencional, tamén se rexistran baixadas consecutivas do prezo medio do leite ecolóxico. No contexto Español o prezo medio sitiouse en 59,8 c/L, baixando ata os 58,9 c/L en Galicia.