13 Outubro 2019

Informe de entregas e prezos do leite en Galicia e España en agosto 2019

O prezo medio do leite en agosto de 2019 en Galicia situouse en 31,0 c/litro, un incremento de 0,1 c/litro (+0,32%) en relación ao mes anterior, o que supón un incremento dun 2,31% con respecto ao prezo medio pagado en agosto de 2018. Galicia lidera as entregas de leite en agosto, con 234.271 ton, representando un 39,31% das entregas en España (596.015 ton).

  • Galicia lidera as entregas de leite en agosto, con 234.271 ton, representando un 39,31% das entregas en España (596.015 ton). As entregas en Galicia aumentan con respecto ao mesmo mes do ano pasado (+4.345 ton, +1,89%), mentres que no resto de comunidades aumentan en +11.355 ton (+3,24%).
  • Se analizamos o período xaneiro-agosto 2019 fronte a xaneiro-agosto 2018, no conxunto de España as entregas aumentan en 31.620 ton (+0,66%). Por primeira vez no que vai de ano, o incremento estatal supera ao incremento das entregas galegas (21.406 ton, +1,16%), o que nos indica que no resto de comunidades tamén se está a producir un incremento da produción, entre as que destaca Castela e León con 10.406 ton (+1,69%).
  • As calidades do leite en España, tanto graxa como proteína, increméntanse con respecto ao mes anterior, seguindo o ciclo anual habitual, tras unha baixada dende a primavera, situándose nun 3,61% e 3,23%. É destacable o gran incremento interanual das calidades en Galicia, principalmente na graxa (3,75 vs. 3,65%), que fai que se incremente a media estatal, mentres que a proteína (3,24% vs. 3,20%), medrou a un ritmo similar ás outras comunidades autónomas. 
  • O prezo medio do leite en agosto de 2019 en Galicia situouse en 31,0 c/litro, un incremento de 0,1 c/litro (+0,32%) en relación ao mes anterior, o que supón un incremento dun 2,31% con respecto ao prezo medio pagado en agosto de 2018.
  • O prezo en agosto en España aumentou con respecto ao mes de xullo un 0,94%, situándose en 32,3 c/litro, un 2,87% superior ao de agosto de 2018. Se calculamos o prezo medio do leite en España sen ter en conta a Galicia, o prezo medio sería de 33,0 c/litro, sendo un +6,43% (2,0 c/litro) superior ao prezo medio pagado en Galicia.
  • A estandarización do leite en España (4,0% de graxa e 3,3% de proteína) reflicte aínda un prezo máis baixo en Galicia en comparación co resto de comunidades autónomas. A media estatal é de 34,1 c/litro, que aumenta ata 35,3 c/litro sen non se ten en conta a produción de Galicia, onde se sitúa o prezo en 32,1 c/litro. Este aumento da diferenza dos prezos está provocado polas maiores calidades do leite galego, citadas anteriormente.
  • Os prezos de agosto expresados en c/quilo (31,4 en España e 30,1 en Galicia) son un 6,75% e un 10,51% inferiores, respectivamente, ao prezo medio ponderado da UE-28 (sen estandarizar), que no mes de agosto de 2019 situouse en 33,63 c/quilo (+0,33% respecto a xullo de 2019 e +0,18% respecto a agosto de 2018).

Newsletter

A través da nosa newsletter manterémolo informado das novas publicacións e eventos.