15 Febreiro 2019

Informe de entregas e prezos do leite en Galicia e España en decembro 2018

As entregas de leite en decembro en España diminuíron en relación a decembro de 2017 en 4.184 ton (-0,71%) debido á diminución das entregas en todas as Comunidades Autónomas, agás en Galicia. O prezo medio do leite en Galicia en decembro de 2018 diminuíu en relación ao mes anterior, situándose nos 31,70 c/litro (-0,20 c/litro). O prezo tamén diminúe neste mes tanto en España como en Europa.

  • As entregas de leite en decembro en España diminuíron en relación a decembro de 2017 en 4.184 ton (-0,71%) debido á diminución das entregas en todas as Comunidades Autónomas, agás en Galicia, que aumentou as súas entregas nese período en 4.469 ton (+1,99%).
  • Se analizamos as entregas no período xaneiro-decembro de 2018 fronte a xaneiro-decembro do 2017, Galicia segue liderando o aumento das entregas no que vai de ano con 78.521 ton, seguida moi de lonxe por Castela León (15.256 ton), segunda comunidade en aumento de entregas nese período. O aumento das entregas no conxunto de España nese período foi de 90.011 ton, representando Galicia o 87,24 % do total do aumento.
  • O prezo medio do leite en Galicia en decembro de 2018 diminuíu en relación ao mes anterior, situándose nos 31,70 c/litro (-0,20 c/litro), sendo inferior tamén ao prezo acadado en decembro de 2017 que foi de 32,20 (-0,50 c/litro).
  • O prezo en Galicia neste mes é o máis baixo de España, moi lonxe do acadado en Asturias (34,80 c/litro) ou na Comunidade Valenciana que neste mes situouse nos 35,60 c/litro.
  • En España o prezo no mes de decembro tamén diminúe con respecto ao prezo do mes de novembro, pasando dos 33,30 c/litro a 33,00 c/litro (-0,91%), situándose tamén por debaixo do prezo do mesmo mes do ano anterior que acadara os 33,90 c/litro (-2,65%).
  • Os prezos de decembro expresados en c/quilo (32,04 en España e 30,78 en Galicia) son un 9,90% e un 13,44% inferiores, respectivamente, ao prezo medio ponderado da UE-28 que no mes de decembro de 2018 situouse en 35,56 c/quilo, rompendo así a tendencia alcista iniciada no mes de xullo, caendo un 1,39% con respecto ao mes de novembro.

Newsletter

A través da nosa newsletter manterémolo informado das novas publicacións e eventos.