Documento nº 3

Leiteiros: a necesidade de saíren da casa... De débiles a fortes e de atrasados a anovadores.

A aportación á reflexión colectiva e plural que temos entre mans quero facela coas armas críticas do historiador que atende ao longo prazo e olla así os problemas do presente e as necesidades do futuro, xunto coas angurias dos tres tempos: pasado, presente e futuro. Sen autocomplacencia, sen concesións políticas e superando as simpatías culturais, de clase e de nación -iso que hoxe chaman identidades- para poder render unha aproximación útil ao asunto que nos ocupa: que facer co sector leiteiro galego e como valorar as súas capacidades cara o futuro ¿Como garantir o futuro leiteiro galego?

De entrada, os puntos de partida: nada terá futuro se non é sustentable, tampouco se non permite situar as mulleres no mesmo nivel que os homes. Menos aínda nun asunto como a produción de leite que ten que ver coa natureza, coa xenética e co mundo doméstico das casas (que na literatura de formulario oficial chamamos explotacións). Falamos dunha actividade produtiva vinculada á transformación da natureza, situada nun longo túnel histórico no que a dependencia da traxectoria é extremadamente relevante e cun compoñente doméstico que non pode pasar desapercibido.

Para intentar avanzar de verdade neste asunto, tan estudado, coñecido e vivido, temos que dicir o que non se quere escoitar. Ser portadores de mala novas. Chamar a atención sobre o que todo o mundo sabe pero non quere dicir... aínda, e despois pode ser demasiado tarde. E temos fundamento e coñecemento colectivo para decilo.O coñecemento espido e un punto de vista crítico é esencial para colaborar nos obxectivos propostos. Por iso compre decir que neste momento o Sector leiteiro galego é o oposto á agricultura sustentabel. Supoñer que os actuais modos de hiperprodución son sustentables é enganármonos ou confundir inxenuamente desexos e realidades.

O sector tiña e ten aínda unha baza importantísima: unha grande simpatía social en Galiza, do campo á cidade, pero o tempo vaina ir esgotando se non aprende a mudar en dous sentidos: 1) no seu xeito de estar socialmente; 2) na súa forma de producir.

Ao comezo desta crise que non acaba publiquei un artigo ao que agora véxolle sentido nesta nova xeira de reflexión sobre os “Leiteiros” que encetamos felizmente en grupo, a xeito de think tank do leite galego. Non se trata esta dunha autocita inmodesta senón dun punto de partida dunha reflexión que non se pode improvisar e na que tampouco é doado atinar pero na que buscamos un camiño. Titulábase aquel artigo Leite e labregos (publicado en La Voz de Galicia o 27/05/09) a idea básica era que neste país temos os millores gandeiros e as millores condicións ambientais de Europa para producir leite, uns labregos que responderon aos estímulos do mercado e máis do estado e, por encima dos seus erros –do estado, do mercado e deles mesmos- agora seguen nas millores condicións para favorecer un importante sector produtivo da economía galaica (Edelmiro López Iglesias, estímao coa industria rondando o 1’5% do PIB galego) no contexto da Unión Europea e no medio dunha crise á que non se lle ve horizonte. Reproduzo literalmente daquel texto de hai xa cinco anos:

Leite e labregos

Dramática é a situación do noso sector leiteiro. Reducidas as explotacións, tecnificadas ata converter as casas de labranza en fábricas de leite, os labregos fixéronse gandeiros hiperprodutivos seguindo as orientacións das políticas de desenvolvemento rural dos últimos 60 anos. Responderon magnificamente a un modelo de modernización mundial, europeo e español, superando mesmo os retrasos da Ditadura e as dificultades da entrada na CEE, tan ben negociada para os produtos da triloxía mediterránea, sobre todo viño e oliveira, e tan mal para os da Iberia Atlántica. A crise do sector lácteo é europea, en Bruxelas e Francia tíranlle o leite aos gobernos. É unha crise de modelo que está tendo alternativas. Aquí non. A crise xeral pon en cuestión os sectores peor preparados. Non afecta por igual a todos. Urxe pensar na saída da crise con ideas novas en vez de aplicar receitas vellas. Primeiro pensar, logo xa virá o I+D. Recoñezamos que non son os nosos labregos os que están en crise, son todos. Recoñezamos ademais que os nosos fixérono ben.

En Galicia a natureza do problema non mudou substancialmente nos últimos dous séculos. O agro responde, como o ben facendo dende os nosos tátara-tátara-avós, cando convertiron o millo e a pataca na riqueza da Galicia campesiña, con muito traballo e capacidade de innovación: ninguén lles aprendeu a cultivar aquelas plantas americanas. Aquel éxito permitíu alimentar máis bocas e o incremento da poboación foi espectacular. Pero no século XIX, tanta man de obra non podía empregarse no agro e a industria non só non respondeu senón que esmoreceron as industrias tradicionais (textil, coiros) pola competencia dos novos sistemas fabrís cataláns ou ingleses. O balance foi coñecido: exportamos man de obra ao mercado mundial. Chamámoslle emigración.

No século XX as políticas públicas definiron o desenvolvemento leiteiro, os labregos responderon aos estímulos e por iso temos a produción que temos. Igual que noutros casos esta crise amosa que non se actuou a tempo para modificalas. Sobran ideas pero non se converteron en políticas. Aí van dúas tan coñecidas como inéditas. O sector produtor galego precisaba do transformador e o distribuidor. Puido actuarse no ámbito industrial, como fixeron Asturias ou Euskadi con apoio das caixas pero o grupo lácteo galego foi un falar ao que lle fallou a iniciativa privada e a pública. A segunda é a vía ecolóxica. Hai tempo que ven modificándose o produtivismo da posguerra mundial nun sentido sostibel. Hai tempo que o galego non é un agro atrasasdo pero a iniciativa a prol das producións ecolóxicas para as que o vello minifundio e as condicións físicas dotan extraordinariamente a este territorio seguen sendo ineficaces no paradiso do esterco (perdón, compost). Só o BANTEGAL ou as UXFOR do goberno anterior empezaron a corrixir por primeira vez a xestión do territorio nun sentido produtivo.

Temos os millores gandeiros de Europa e magníficas condicións naturais de produción. Pero son muito máis que gandeiros e a súa capacidade de innovación e adaptación está demostrada. Non necesitan subvencións senón políticas públicas intelixentes. Ata agora só escoitei falar dar cartos para reducir explotacións. Igual que nos últimos 60 anos.

Daquela a agora pasaron máis de catro anos de crise, un mandato enteiro da dereita na Xunta desentendida das políticas de longo prazo pero pendente e sempre atinada na recadación de votos con mestría, como puido comprobarse nas últimas eleccións nas que revalidou o actual presidente, un presidente capaz de asombrarse de que as vacas teñan nome e que ademais os seus nomes sexan de muller. Pero esas políticas -máis ben a ausencia delas- e esas ignorancias -ou máis ben desentendementos- foron validadas polo electorado galego. Son estes -crise e política sen políticas- dous datos a ter moi en conta para situarnos no momento actual, neste no que o leite galego ten que pensar no seu futuro. Por riba, a miña aproximación de historiador que é a do longo prazo: cando menos o dos dous últimos séculos e diso quero tratar brevemente

Galiza país de labregos

Galiza foi un país de labregos e labregas no século XX- Éo aínda hoxe e con muita forza pero xa só culturalmente. Sen remontarnos á explicación dun proceso de dominio das casas labregas no rural que é ben coñecido e está millor explicado (Villares, Balboa, Pegerto Saavedra, Artiaga...) que asumido, sí compre chamar a atención sobre cómo o proceso de propietarización dos nosos devanceiros domésticos deu cabo a unha mesocracia labrega na que predominaba o igualitarismo partillado cunha ansia enorme de progreso social. O empeño dos nosos avós, bisavós e tataravós, en facerense propietarios foi un éxito que converteu en donos da terra a 2/3 dos galegos e galegas de hoxe. Para triunfar, as casas labregas tiveron que millorar o máis posible a súa posición nos mercados e sobre todo innovar nas súas formas de produción, aproveitando todas as posibilidades tecnolóxicas disponibles para unha construción dos agroecosistemas ao seu favor, como temos explicado en Labregos (1992) ou Terra e Progreso (2000).

Ese dominio contemporáneo dos labregos está expresado na súa capacidade política dende a Restauración (Cabo Villaverde, Veiga Alonso), por muito que eles lograran expresar sempre a súa aparente submisión (Ana Cabana) e ausencia de poder, e renovouse claramente dende a Transición política (Lanero Táboas). Resumindo abruptamente o que sabemos: dende que existe o sufraxio, sen gañar o voto dos labregos ninguén puido gobernar Galiza. Un dominio que se aprecia millor aínda en termos simbólicos e iconográficos, a través da etnografía ou a publicidade turística: hórreo, cruceiro, muiñeiras e mulleriña cun traxe “tradicional” labrego (dengue, pano, mantelo..) que usarán tamén fidalgos e comerciantes dende finais do século XIX.

Muitas outras expresións deste poderío labrego poderían ser dadas pero quedareime cunha ben significativa: entre as tres encomendas que define Dona Juana de Vega para a súa Fundación (1872) unha delas é a de promover o progreso agrario de Galiza. Que unha muller liberal, urbana, instruída e ilustrada, coruñesa de salón e con experiencia internacional sinale ese obxectivo como prioritario paréceme dabondo elocuente desta centralidade dos labregos e do mundo rural. Os labregos –as casas labregas- tiveron un dominio político e cultural que hoxe segue sendo social e, dende logo, territorial.

Atraso é un atraso

Perdoen esta breve excursión histórica necesaria para recalcar que o dominio do sector leiteiro é un produto histórico mui complexo do que se benefician os seus produtores que foron labregos e hoxe son leiteiros.

Aos leiteiros necesitámolos hoxe económica e territorialmente, polo valor da súa produción e da súa cadea produtiva e tamén porque manexan o territorio alí onde o abandono ou as masas forestais -que son outra forma de abandono- non chegaron aínda. Pero os leiteiros non nos valen “choróns” e “atrasados” e compre ademais rematar de vez con esa impostura porque xa ninguén a cre e, o que pode aínda ser peor para o futuro –de todos- váiselles volver en contra. A queixa e o lamento foron unha intelixente e estratéxica arma do feble que forma parte do repertorio de loita de todos os campesiños do mundo en determinadas conxunturas (E.P. Thompson; J.C. Scott). A perfección á que chegaron os galegos nesta arte de pasar por pobres diante dos poderosos cando conviña aos seus intereses non ten parangón. Fomos mestres do disimulo... e aínda que non nos guste ben que o sabemos e ben que nolo din en castelán do dicionario da RAE para baixo: facer o galego, parecer galego, o galego na escaleira que non se sabe se sube ou baixa, o que responde sempre a unha pregunta con outra pregunta. En realidade ditos semellantes aínda en toda Europa e aínda en todo o mundo, referidos aos campesiños ou duns países máis industriais a outros máis agrarios. Pero nos concentrámolos todos. Ben está e ben foi. Pero xa non é. Compre non confundir a historia, a lingua e a antropoloxía coas demandas que nos pon o futuro.

Ao vello lamento, a esa antiga estratexia labrega de pasar por queixoso pero ao cabo submiso, sumóuselle un diagnóstico certeiro sobre o atraso, elaborado polas ciencias sociais dos anos sesenta do século XX que envolveu e foi o centro de muitas posicións diferentes (Beiras; Extensión Agraria; unha parte do nacionalismo; os tecnócratas tamén), no contexto de saída da autarquía e da fame da Ditadura, pero que encaixa perfectamente como argumento coas armas de resistencia dos débiles. Un diagnóstico que usado hoxe como desculpa –o atraso de hai cincuenta anos- é unha pexa que impede recoñecernos para avanzar.

Pero a desculpa do atraso e aquel lamento queixoso, que segue a empregarse por tradición, hábito ou inercia cómoda como método de protesta, estanse a converter case nunha burla cando son empregados na actualidade como mecanismo de defensa ou de presentación en sociedade por parte dun sector leiteiro tan moderno como sabemos e tan produtivo como demostran os datos. Un sector que realmente logrou chegar a ser hoxendia iso que apreciamos nos signos externos de riqueza dos donos das explotacións e que comprobamos na fasquía ordeada e ricaz das bisbarras leiteiras de Galiza.

Os leiteiros teñen que saír da casa

Os leiteiros para xustificar o su rol produtivo, económico e social teñen unha baza fundamental en Galiza que poden utilizar e da que de feito xa foron tirando ata o de agora: o peso do rural na cultura e na Historia pero para facelo visible hoxe compre que boten man das armas do forte e non das do débil. Terán que pensalas e deseñalas pero cómprelles. Tamén terán que botar man da arma da modernidade e da capacidade de innovación que tan ben representan eles, en troques de seguir a falarnos do atraso e da miseria. Ademais necesitan de outra baza no mundo de hoxe: deben xustificarse socialmente e iso require que cumpran un novo papel social que se lles descoñece case absolutamente alén da escala local, comunitaria, parroquial ou ao máximo comarcal. Na escala galega os leiteiros son aínda invisibles e apenas fixeron nada por deixaren de selo como grupo de intereses moderno, activo e con recursos.

¿Como actúan e participan social e politicamente? Votan co poder ao nivel que corresponde, negociando con el como fixeron sempre os labregos; pero tamén protestan coa oposición cando é preciso, seguindo a lóxica das tractoradas e da vella loita pola terra. Pero fora das negociacións electorais e das protestas ocasionais, o resto do tempo os leiteiros seguen domesticamente agochados, adicados ás súas epxlotacións cunha estratexia (acentuada durante a dictadura) de non significárense.

Para a súa salvación futura, os leiteiros galegos necesitan, alén dunha solución produtiva que non hai sitio aquí para explicar pero ten que ver coa sustentabilidade ambiental e non só económica senón tamén das súas explotacións. Necesitan, repito, dun novo rol socio-político. Necesitan presentarse en sociedade e deixar de estar agochados: non financian nada, non lideran nada, non propoñen nada, non organizan nada e polo tanto non definen nada, non mandan nada... fora das súas explotacións e das súas parroquias. Non poderán xustificarse no futuro sen saír dese tobo e adquirir unha presenza sólida, definida e permanente na vida pública, na vida social e no ámbito do coñecemento. Teñen que saír da casa.


Traballo realizado por:

Lourenzo Fernández Prieto

Newsletter

A través da nosa newsletter manterémolo informado das novas publicacións e eventos.