Documento nº 10

Algunhas características das explotacións leiteiras galegas. Aproximación a súa posición económico financeira

O obxectivo do presente traballo é a realizacións dunhas reflexións acerca da situación actual da estructura económico - financeira das explotacións de vacún de leite na Comunidade Autónoma de Galicia dende a perspectiva que me permite a miña posición como observador dende un dos principais financiadores diste sector, a Caixa Rural Galega.

A situación actual.

Sen ánimo de pecar de falso optimismo podemos asegurar que, termos xerais, a situación ten mellorado nestes últimos anos. Danse alomenos tres circunstancias que xeraron esta melloría:

  • O vencemento na práctica totalidade das explotacións das financiacións contraídas para adquisición de cotas lácteas sen necesidade de repoñer ditas financiacións, feito este que non ocorre no caso de outras operacións de maquinaría, sistemas de muxido, etc,... que por unha cuestión de esgotamento da súa vida útil ou ben por melloras tecnolóxicas si necesitan de reposición
  • As iniciativas, primeiro do Ministerio e despois da Consellería, que permitiron, a aquelas explotacións que o necesitasen, adiar durante un ou dous anos os seus vencementos das financiacións de Plans de Mellora. Cómpre sinalar ademais que ditos adiamentos non tiveron custe para o gandeiro pois os intereses foron subvencionados polo Organismo Público correspondente a través de Convenios de Colaboración coas Entidades Financieiras que participaron.
  • Por último, e se cadra o mais importante, foi a recuperación dos prezos do leite acompañado coa baixada xeneralizada nos prezos da maioría das materias primas usadas na fabricación de concentrados.

Outra característica da situación actual ven dada polo feito de que a pesares das restriccións orzamentarias das diferentes administracións semella manterse unha atención preferente ó sector a través dos fondos FEADER e dos Plans de Mellora. É importante sinalar aquí que os Convenios de Colaboración firmados pola Consellería teñen permitido financiarse ás explotacións a uns tipos moi competitivos (2,5 puntos porcentuais sobre o Euribor en prazos ata cinco anos e 2,75 puntos en prazos superiores con comisións únicamente do 1% de apertura). Durante o 2012 e boa parte do 2013 ningunha empresa ou institución pública do Estado español foi quen de conseguir eses prezos nos mercados de capitais. Todo isto sen ter en conta as xenerosas subvencións que levan consigo ditos Plans de Mellora

Con datos a peche do 2014 case o 50% que todo o crédito facilitado pola Caixa Rural Galega ó sector agrogandeiro estaba acollido a este tipo de Convenios de Colaboración. Esta porcentaxe se incrementaría ata preto do 60% se incluísemos os anticipos que otorga a Caixa ou ben o propio préstamo en si mentres no chega a autorización administrativa para a formalización,  ou ben os anticipos concedidos para a percepción  das subvencións asociadas a ditos préstamos unha vez que se procede a certificación das inversións.

Con estes porcentaxes que entendemos poden ser extrapolables ó conxunto do sector podemos concluír que as explotacións gandeiras teñen instrumentos financeiros a súa  disposición para atende-la inmensa maioría das súas necesidades de financiamento dos seus activos fixos a custes mais que razoables.

A práctica totalidade das explotacións leiteiras clientas de Caixa Rural son alomenos titulares dun préstamo acollido a Plan de mellora. É importante sinalar tamén que na maioría dos casos este tipo de préstamos son formalizados na modalidade de oito anos con dous de carencia polo que, dadas as características dos bens que se financian, a duración do inmobilizado financiado (naves, fosas de purín, silos e establos fundamentalmente) es sustancialmente superior o plazo o que están contratadas as operacións crediticias que as financian. Esto fai que, en termos xerais, co simple paso do tempo as explotacións vaian rebaixando as súas necesidades de fluxos de caixa para amortización das súas financiacións.

A situación actual con tipos de interese en mínimos históricos ten permitido unhas condicións financieiras nos préstamos que dificilmente se van poder reproducir no tempo.

A evolución do crédito efectivamente disposto para o sector agrogandeiro nestes  últimos anos na Caixa Rural Galega evolucionou do seguinte xeito:

Ano

2009

2010

2011

2012

2013

2014 (Abril)

Millóns de €

66

67

73

74

72

78

Como se pode ver no gráfico a pesares da forte diminución de explotacións gandeiras en Galicia a Caixa Rural foi quen de aumentar o seu volume de crédito neste últimos anos.

Outra das circunstancias que se poden observar nestes últimos anos é o feito que trala crise financeira existe unha maior atención e desexo por incrementar a súa cota de mercado no sector primario por parte das entidades financieiras de maior volume do Estado. Deste xeito a maioría das Entidades crearon equipos específicos para atender ó sector primario é incluso se dan situacións curiosas como a aparición en varias ocasións de granxas de vacún de leite dentro dun mesmo spot de televisión do banco de maior volume de negocio do Estado, o propio Banco de Santander, como se pode ver no siguiente link:

    https://www.youtube.com/watch?v=MMWbJMxlluo

Nin que dicir ten que hai uns anos resultaría completamente impensable o concebir que unha das principais entidades financeiras do país incluíse como “target” das súas campañas en “prime time” na televisión a este sector.

Polo comentado anteriormente resulta de especial interese que este tipo de financiamento a través de Plans de Mellora se manteñan na reforma da PAC polos efectos que teñen no entorno; fixación de poboación no medio rural, mellora da calidade de vida e xeración de emprego inducido polas inversións realizadas, ademais de reflectir investimentos dirixidos a mellorala productividade e competitividade do noso sector agrogandeiro.

No tocante a rendibilidade das explotacións o panorama é bastante peor. Atopámonos a finais do ano 2012 cunha situación verdadeiramente complicada e difícil; a suba dos concentrados e o prezo do leite fixeron diminuir a rendibilidade das explotacións a un mínimo histórico. Segundo o Informe de xestión de Explotacións da Cooperativa Os Irmandiños correspondente a dito ano a marxe neta situouse en - 0,01 euros por litro de leite producido, se ben incorpora amortizacións de bens por case 0,04 euros por litro e unha razoable retribución da man de obra propia empregada. Tratase de datos medios dunha grande mostra de explotacións polo que é razoable supoñer que unha boa parte das explotacións galegas tiveron perdas ese ano e incluso unha boa porcentaxe non xeraron fluxo de caixa positivo no período. A este efecto sumóuselle nalgunhas zonas o impacto que tivo a crise de Alimentos Lácteos, S.A. cos seus impagos no leite de varios meses, co cal a situación volveuse bastante complicada.

Parece que nos últimos meses do 2013 e o transcorrido do 2014 a situación estase reconvertendo favorablemente pola suba do prezo do leite e pola baixada do prezo das materias primas retomando uns niveis de rendibilidade moi razoables. En termos de prezos medios, hai que remontarse bastantes anos atrás para atopar prezos medios coma os disfrutados no pasado 2013.

De tódolos xeitos ollando a problemática do sector leiteiro dende un punto de vista obxectivo vemos que é un dos sectores que mellor está aguantando a crise actual. Na Caixa Rural a morosidade diste segmento e menos da terceira parte do global da Entidade e en termos comparativos do global do Estado español a referencia é aínda máis favorable. Con datos a decembro de 2013 a morosidade era lixeiramente superior ó 2,5 % na Caixa Rural Galega. Por poñer un exemplo a morosidade global do sistema financeiro español superaba o 13% a finais do exercicio 2013. Cómpre sinalar aquí que, a pesares de toda a problemática comentada, trátase dun sector bastante estable, cun consumo bastante sostido, con poucos productos substitutivos e con prezos moito mais estables no tempo que outros productos agrícolas ou gandeiros.

Outro dato a ter en conta é a importancia das subvencións da PAC, fundamentalmente Pago Único, na conta de explotación das nosas granxas, a media vense situando entre 0,03  e 0,05 euros por litro producido. Esta subvención, que tradicionalmente se solicita na primavera e que vense percibindo a finais do ano ven funcionando coma unha sorte de recurso de última instancia para afrontar problemas puntuais de liquidez ou gastos ou inversións necesarios ou non planificados que se lle plantexan as explotacións. As entidades financeiras soen establecer  mecanismos cáseque automáticos de anticipo de ditas subvencións normalmente a prezos moi axustados. Ademáis este ingreso que pode chegar a supoñer preto dun 10% dos ingresos dunha explotación tipo está absolutamente descorrelacionado das outras variables explicativas da renda das explotacións como poden ser os prezos do leite e das materias primas ou as variables climatolóxicas ou outros factores. Haberá pois que estar moi atento ós últimos regulamentos e normativas do Estado e das Comunidades Autónomas na reforma da PAC para ver de que xeito pode afectar o novo réxime xa que na actualidade o Pago Único configúrase coma un ingreso fundamental nas explotacións.

No tocante a competitividade das explotacións vemos que a base territorial configúrase coma unha das variables mais determinantes; observamos que as explotacións cun dimensionamento axeitado na relación superficie forraxeira / producción soen ser as mais rendibles e claramente as que mostran unha mellor resistencia nas épocas con prezos mais axustados. Levamos xa moito tempo observando que esta característica non muda no tempo. A base territorial é clave, especialmente en tempos de crise. Polo tanto botamos en falla no eido das Institucións unha maior sensibilidade a este aspecto  e así llo temos feito saber á Consellería.

A nosa experiencia dinos que existe unha alta correlación entre a carga gandeira da explotación (tendo en conta a superficie efectivamente adicada a forraxe) e o nivel de rendibilidade da explotación.

 Dende a Caixa Rural pensamos que os orzamentos adicados a subvencionar os tipos de xuros de aprazamentos (inclusións de novos períodos de carencia nos Plans de Mellora) ou ben establecementos de préstamos subvencionados para anticipo de Axudas de Pago Único non son o mellor xeito de axudar o sector porque establecen unha sorte de selección negativa pois axudan máis as explotacións peor xestionadas. Eses recursos podíanse adicar a programas de aumento de base territorial de explotacións ou a máis concentracións parcelarias que nos parecen máis prioritarias.

Parécenos lóxico xa que logo que son moi necesarias máis medidas tendentes a mobilización das terras de cultivo. Entendemos que estes temas son delicados para as Institucións pola idiosincrasia das nosas xentes e da estructura da propiedade no rural pero gustaríanos ver accións máis contundentes por parte das Administracións neste eido. O Banco de Terras e, sen dúbida, un bo instrumento mais consideramos que non ten acadado a potencialidade que se lle supuña. Cómpre, polo tanto, seguir traballando para conquerir que, dentro ou fora  do marco de dito Banco haxa mais operacións que supoñan mobilidade de terras de cultivo.

Un proceso que tamén vemos que se esta a  dar no sector é un progresivo traslado das inversións necesarias para a actividade de producción de leite dende as explotación ata outro tipo de intervintes no sector como as cooperativas, empresas de servizos etc... Cada vez resulta máis común ollar como algunhas partes do proceso productivo, mesmo algunhas de importancia capital,  son realizadas vía subcontratación. Exemplos como o Centro de Recría da Cooperativa Agroganadera de Sarria, ou o Centro de Alimentación de Vacún Irmandiños (CAVI) fan que as explotacións reduzan as necesidades de inmobilizado material e polo tanto de financiación a longo prazo. Esta reducción das necesidades a longo prazo ten a súa contrapartida nun incremento, lixeiro na maioría dos casos, dos custes de producción.

Existe, ademais, outro efecto favorable no eido económico – financiero, diste proceso de subcontratación que se substancia dunha variabilización de moitos custes que antes eran fixos, fundamentalmente amortizacións de maquinaria e doutros inmobilizados materiais como silos, naves, etc...

Outro aspecto que nos gustaría salientar, aínda que sen unha influenza directa no eido económico – financeiro, e un progresivo avance na dignificación do traballo do gandeiro. Aínda que esteamos lonxe doutras actividades consideradas pola sociedade con moito mais “glamour” como por exemplo a producción de viño, si se teñen producido cambios moi importantes fundamentalmente derivados dunha menor penosidade no traballo e de fórmulas de asociacionismo ou axudas en forma de equipos de substitución que limitan a suxección dos gandeiros ó seu traballo. Hoxe, quen coñece o traballo dos gandeiros, ve nel un traballo que xa non é eminente físico, que ten unha compoñente moi importante de xestión, e dun nivel tecnolóxico relativamente avanzado (robots de muxudo, detectores de celo, alimentación hipercontrolada, ....) ó mesmo tempo, en moitas ocasións trátase dun traballo a turnos ou con días de libranza ó mesmo xeito que moitos outros traballadores asalariados.  Sería moi desexable dar a coñecer á sociedade estes cambios que se teñen producido no sector.

No aspecto da xestión tamén se ten avanzado moito nestes últimos tempos; de tódolos modos vemos que moitos dos nosos gandeiros están moito mais pendentes daqueles aspectos no que non poden influir (prezo do leite, prezo das mateiras primas, ....) que aqueles están mais na súa orbita de xestión (mellora da eficiencia, subcontratacións, manexo, ....)                                             

Razóns para un moderado optimismo cara o futuro

De tódolos aspectos citados con anterioridade podemos extraer certas conclusións que nos fan ser moderadamente optimistas cara o futuro. Pensamos que, en xeral, as explotacións galegas, en especial aquelas que foron acadando unha dimensión axeitada nestes últimos anos e que nós situamos a partir dos 400-500.000 kgs en termos xerais están suficientemente preparadas para seren competitivas e, o mesmo tempo, e, sen dúbida non menos importante, proporcionar os seus propietarios un modo de vida digno e xerador dunha renda razoable.

O mesmo tempo van subsistir algunhas pequenas explotacións con instalacións amortizadas e estructuras de custes baixos que sexan complementarias doutras actividades dos seus propietarios. De tódolos xeitos pensamos que a “reconversión continua” que ven sufrindo o sector vai continuar e que, irremediablemente, vai continuar o peche de explotacións especialmente nos estratos de tamaños mais baixos. Tamén pensamos, que, o igual que ten ocorrido ate o de agora, estes novos peches non teñen porque significar mermas na producción total xa que é de agardar que as explotacións mais grandes sigan medrando.

 En primeiro lugar as explotacións teñen feito un tremendo esforzo inversor (instalacions, cota, animais, etc....) a piques de ser completamente amortizado na maioría dos casos.  É moi razoable pensar que o endebedamento medio das explotacións baixou considerablemente nestes últimos anos. Neste punto sería importante contar con información da Consellería acerca dos saldos vivos dos diferentes Plans de Mellora e o seus calendarios de vencementos.

Outro aspecto que nos fai ser moderadamente optimistas é a preparación do sector fronte a un horizonte sen cotas. As explotacións teñen acadado niveis de competitividade e eficiencia que lles teñen que permitir subsistir no novo escenario. Ademais mellorouse moito a profesionalización e formación dos xestores das explotacións, dándose cambios de índole social descoñecidos ate o de agora como por exemplo nos casos de relevos xeneracionais nos que o elexido para continuar a explotación é supostamente o mais capacitado mentres que antes ocorría xustamente o contrario. Estase dando polo tanto unha selección positiva en troques da selección adversa que se producía con anterioridade cando quedaba na casa aquel quen non podía (por cuestións de capacidade ou económicas) estudar ou emigrar.

As dinámicas demográficas presentes na maioría das zonas de Galicia con implantación de granxas adicadas a producción láctea caracterizadas por un avellentamento e incluso reducción da poboación,  deberían aumentar a oferta de terras de cultivo de modo que as explotacións deberían mellorala accesibilidade á base territorial, non só en  termos de cantidade senón tamén de prezo, o cal, como temos comentado con anterioridade, debería ter influencia directa na marxe neta obtida polas explotacións. 

Tamén é moi salientable de cara a competitividade futura do sector o feito de terse establecido unha sorte de tecido comercial e de servizos o redor do sector agrogandeiro que necesariamente ten que facilitar vantaxes competitivas. Dentro da comunidade autónoma temos establecidas actividades satélite das explotacións que son comparables as mais avanzadas de toda Europa. Fábricas de concentrado especializadas en vacún como a de Aira  en Taboada, centros de testaxe e mellora como Xenética Fontao  (Lugo) e centros de alimentación coma o CAVI de Os irmadiños ou o futuro Centro de Recría da Deputación na Granxa Gaioso Castro, entre outras moitas iniciativas, se xon ben xestionados, teñen que ofrecer unha gran vantaxe ás explotacións do nos territorio xa que van competir con outras explotacións que non contan con ditas infraestructuras na súa contorna.  Ben é certo que no ámbito da industria transformadora non podemos dicir o mesmo, mais ese xa non é obxectivo desta serie de reflexións.

Polo tanto, e a modo de reflexión final podemos concluir que os moitos esforzos realizados polas explotacións galegas neste últimos anos non foron baldíos e que, de forma xeralizada, están convenientemente preparados para a novo escenario sen cotas lácteas, con un endebedamento asumible e con niveis de competitividade suficientes para o novo entorno.


Traballo realizado por:

Jesús Méndez Álvarez-Cedrón

Newsletter

A través da nosa newsletter manterémolo informado das novas publicacións e eventos.