Documento nº 5

A evolución do sector produtor de leite cara a unha europa sen cotas lácteas

1. Antecedentes. A dura adaptación da produción de leite de Galicia ao sistema de cotas

A situación do mercado europeo do leite e produtos lácteos no ano 1984 caracterizábase pola existencia de excedentes estruturais resultantes dun desequilibrio entre a oferta e a demanda, o que deu lugar ao establecemento dun réxime de cotas lácteas a partir do 1 de abril de 1984, para 8 campañas consecutivas,  co obxectivo de reducir eses excedentes estruturais. Nese novo réxime aplícase unha taxa ás cantidades de leite recollidas ou vendidas directamente cando superan un límite correspondente a unhas cantidades garantidas (cotas lácteas) para as entregas a compradores ou para as vendas directas  fixadas para cada Estado Membro.

A integración o 1 de xaneiro de 1986 de España e polo tanto de Galicia na Comunidade Económica Europea deu lugar a que os 112.000 produtores de leite galegos tiveran que asumir o réxime de cotas  lácteas dende aquela data en función  das vendas directas de leite ao consumidor e das entregas de leite á industria en 1985 que chegaban ás 1.150.937 toneladas equivalentes a unha produción por explotación de 10.276 quilos, o que pon de manifesto unha estrutura de produción moi débil á que seguía unha industria de transformación incipiente existindo un altísimo potencial de desenvolvemento que se veu así limitado pola imposibilidade de que unha explotación puidera medrar en produción sen ter cota adicional. A oposición do sector galego ao novo sistema das cotas foi xeral e a implantación lenta e traumática

A reforma MacSharry de 1992 prorrogou o sistema de cotas ata o 31 de marzo do ano 2000 e os gandeiros galegos que, en pleno proceso de reestruturación das explotacións, superaron a cota asignada para cada campaña, tiveron que facer fronte ao pago da taxa láctea correspondente en cinco campañas (1993/1994, 1995/1996, 1996/1997, 1998/1999 e 1999/2000). Neste período o número de explotacións descenderon practicamente un 50 %, pasando de 70.132 na campaña 1992-1993 ata 35.661 na campaña 1999-2000, á vez que se incrementou a cota total dispoñible en Galicia e a cota por explotación, en base a fortes investimentos das explotacións que permanecen no sector, tanto en estrutura produtiva como en compra de cota das explotacións que abandonan o sector pola insuficiencia de programas de abandono da produción de leite financiados pola administración para a posterior asignación gratuíta de cotas ás explotacións consideradas prioritarias.

Coa Axenda 2000 introdúcense as seguintes novidades:

Increméntase a cota asignada a España en 550.000 toneladas, entre as campañas 2000-2001 e 2001-2002

Prorrógase o sistema de cotas por outros oito períodos consecutivos de 12 meses a partir do 1 de abril de 2000, e dicir ata o 31 de marzo de 2008.

Diminúese considerablemente o nivel de apoio ao mercado mediante a redución dos prezos indicativos e de intervención da manteiga e do leite desnatado en po a partir do 1 de xullo de 2005

Establecese unha prima láctea anual cuio nivel vai variar en paralelo coa redución gradual de apoio ao mercado, a partir do ano 2005, cun importe unitario, crecente ata 2007,  por tonelada de cota subvencionable.

Coa prima láctea, a cota, ademais de ser un requisito necesario para comercializar o leite pasa a ter un valor engadido por ser a axuda a percibir proporcional á cota dispoñible. Isto supón un custo engadido da cota para as explotacións que se reestruturan comprando cota láctea ás explotacións que renuncian a permanecer no sector.

Neste marco as explotacións que pretenden continuar producindo seguen investindo e endebedándose  para incrementar a cota e iso dá lugar a que a cota total de Galicia na campaña 2004-2005 supere os dous millóns de toneladas, cunha cota media por explotación que supera os 100.000 quilos (Cadro 1), pero aínda así a produción supera a cota dispoñible en España e de novo, nesa campaña (como volverá suceder por última vez ata o de agora no seguinte periodo 2005-2006), os produtores que superaron a cota dispoñible tiveron que facer fronte ao pago da taxa láctea.

Cadro 1.

Evolución de explotacións e cota láctea en Galicia

Fonte: MAGRAMA, FOGGA e elaboración propia

Coa reforma Fischler de 2003, ou revisión intermedia da PAC, aplicable a partir de 2005, o marco é o seguinte:

Prorrógase o réxime de cotas ata o 31 de marzo de 2015..

A taxa láctea fíxase a niveis que resulten disuasorios para a produción de leite, variando de 33.27 €/100 Quilos en 2004/2005 ata 27.83 €/100 Quilos na campaña 2007/2008 e seguintes.

Adiántanse as reducións de prezos de intervención do ano  2005 ao ano 2004

Anticípase o pago da  prima láctea de 2005 a 2004.

Intégrase a prima láctea no pago único por explotación, desligado da produción de leite, a partir do ano 2006, cun importe aproximado para Galicia de 60 millons de euros equivalente a 30 €/ton de cota láctea..

Tamén se establecen pagos adicionais dependentes da actividade de produción de leite, para a mellora da calidade do leite.

Establécese que os agricultores que reciben estas axudas  teñen responsabilidades en materias de Sanidade Vexetal, Sanidade Animal, Saúde pública e Medio Ambiente a “CONDICIONALIDADE” correspondente aos requisitos legais de xestión e ás Boas condicións agrarias e medioambientais  con aplicación progresiva desde o ano 2005 ao 2007 e seguintes

Coñécese con esta reforma a data na que se prevé o remate do réxime de cotas, deslíganse a meirande parte das axudas directas da cota, e se fan depender do cumprimento das esixencias da condicionalidade, con maiores responsabilidades técnicas e administrativas dos produtores, o que xera custos adicionais de produción que non son compensados directamente polo mercado.

Coa finalidade de frear a alza nos prezos da cota e facilitar a reestruturación de explotacións a través da reserva nacional de cotas (Fondo Nacional e Banco Nacional Coordinado de cotas lácteas) conxeláronse as transferencias de cota desvinculadas da explotación a partir do 9 de abril de 2005. Os programas de abandono e reasignación de cotas a través da reserva, financiados fundamentalmente polo propio sector, se ben foron un freo á escalada de prezos da cota, tamén restaron axilidade á reestruturación das explotacións mais dinámicas no  por no poder xestionar directamente a compra de cota .

Ao final da campaña 2007-2008 a cota total dispoñible para as 14.592 explotacións que permanecen no sector era de 2.219.965 toneladas cunha cota media por explotación de 152.136 quilos.

Co “chequeo médico” da PAC do ano 2009:

Confírmase o final do réxime de taxa láctea para o  31 de marzo de  2015

Previndo un aterraxe suave do sistema de cotas, establecéronse uns incrementos anuais de cotas do 1 % por campaña, durante cinco anos, para todos os EE MM desde a campaña 2009/2010 ata a campaña 2013/2014. Incrementos que viñeron sumarse ao aumento extraordinario do 2% na cota de todos os EE MM aprobado para a campaña 2008/2009.

Aparte das axudas desligadas da produción aos agricultores, establécense en España (no marco das chamadas “axudas do artigo 68”):

Axudas aos produtores lácteos para compensar as desvantaxes específicas deste sector na súa adaptación á eliminación progresiva das cotas

Axudas aos produtores para a mellora da calidade do leite e dos produtos lácteos

Tamén no marco desta reforma e no do desenvolvemento rural prevese facer fronte coa modulación das axudas directas aos novos retos de cambio climático, de enerxía renovable, de biodiversidade, de xestión da auga, de innovación e medidas de acompañamento á reestruturación do sector lácteo.

Cadro Nº 2.

Evolución de explotacións e cota láctea en Galicia nos derradeiros cinco anos segundo tamaño das explotacións

FONTE: MAGRAMA e elaboración propia

Neste marco continúa a reestruturación do sector coa desaparición das explotacións menos viables e incrementando o tamaño das que permanecen no sector, cos resultados que se indican no Cadro Nº 2 sobre o cambio nos derradeiros cinco anos no número de explotacións e a cota dispoñible, segundo os distintos tramos de cota por explotación.

O ritmo medio de abandono anual de explotacións nestes últimos cinco anos foi de 586 produtores/ano, pero tamén a capacidade produtiva do sector lácteo galego incrementouse en 27.957 toneladas de leite/ano, aumentando o número de explotacións de mais de 300 toneladas de cota en 109 explotacións anuais.

Na campaña 2012-2013 a cota media das explotacións galegas superaba lixeiramente as 200 toneladas (202.345 quilos) sendo en España este valor superior a 300 toneladas (302.290 quilos). Aínda así a cota media por explotación de Galicia é a máis baixa de todas as CC AA seguida de Asturias con 227.085 quilos e a máis alta corresponde a Murcia con 1.938.400 quilos. Esta situación indica a posibilidade e necesidade de seguir incrementando o tamaño medio das explotación leiteiras galegas.

2. A aterraxe do sistema de cotas

Aínda dentro do sistema de cotas, en outubro de 2009, á vista da difícil situación que atravesaba o sector lácteo en relación coa diminución dos prezos do leite desde principios de 2008 ata abril de 2009, segundo se pode observar no Gráfico 1 (Evolución no tempo dos prezos do leite na UE de acordo coas comunicacións dos EE MM á Comisión e información da LTO de Holanda), a Comisión Europea, a instancia de varios EE MM, creou un Grupo de Expertos de Alto Nivel do sector lácteo co obxectivo de analizar o futuro a medio e a longo prazo.

Nas conclusións do informe recomendábase á Comisión a elaboración da lexislación necesaria para fomentar o uso de contratos no sector, como elemento de maior estabilidade e, á vista do desequilibrio existente na cadea de valor, recoméndaselle tamén dar os pasos necesarios para potenciar o papel das organizacións de produtores no sector e favorecer a posición negociadora dos gandeiros, así como reforzar o papel das interprofesionais. No ano 2012 publicouse a normativa europea denominada “paquete lácteo” que regula as relacións contractuais no sector lácteo.

Tamén en decembro de 2012 a Comisión publicou o segundo informe, sobre a aterraxe suave das cotas, para  o Parlamento Europeo e o Consello en relación coa evolución da situación do mercado do leite e as condicións correspondentes para a eliminación das cotas.

As conclusións do informe da Comisión Europea sobre a aterraxe foron as seguintes:

As perspectivas son favorables para o sector lácteo a medio e longo prazo: Crecemento da poboación e tendencia á dieta occidental en economías emerxentes.

Existirán fluctuacións de prezos a corto prazo, con tendencia á alza, con dificultades para produtores en determinadas áreas con prezos altos dos pensos.

A longo prazo o equilibrio entre oferta e demanda depende de moitos factores:

O “paquete lácteo” ofrece ferramentas para axustar a oferta ao mercado.

Gráfico 1

EVOLUCIÓN DOS PREZOS DO LEITE NA U E  (Ata outubro 2013)

Fonte: Comisión Europea. Informe sobre situación do mercado do leite. Decembro 2013

Gráfico 2

SUPERACIÓN/INFRAUTILACIÓN DA COTA POLAS ENTREGAS DE LEITE (En % da cota)

FONTE: Comisión Europea

A cota xa non é un factor limitante na meirande parte dos EE MM.

A Comisión opina que a “aterraxe suave” prevista en 2008 está funcionando correctamente.

Tamén recoñece que neste contexto existen áreas nas que a produción de leite xoga un papel importante recoñecido e:

Teñen a posibilidade de incluír o sector no concepto “novos retos” no 2º Piar da PAC, nos Programas de Desenvolvemento Rural

Tamén a nova reforma da PAC dispón de instrumentos para mitigar o impacto.

3. A evolución da produción e dos prezos do leite na UE, España e Galicia.

Indicouse anteriormente que a partir da campaña 2009-2010 e ata a campaña 2013-2014 inclusive se incrementou  a cota de cada E M nun 1 % anual para todos os EE MM coa finalidade de que as explotacións puidesen aumentar a súa produción cara a un sistema sen cotas a partir do 31 de marzo de 2015.

De acordo coa información da Comisión Europea de outubro de 2013 (Gráfico 2) sobre entregas de leite en relación coa cota de cada EM nas últimas campañas (2010-2011, 2011-2012 e 2012-2013) a superación das cotas asignadas polas entregas de leite dos diferentes EE MM foron mínimas. Na campaña 2012-2013, soamente cinco EE MM excederon a súa cota (Austria, Chipre, Polonia, Alemaña e Dinamarca)  e estaba a produción moi próxima á cota en Holanda e Italia, aínda que a produción total da EU foi un 5,7 % inferior á cota total.

Segundo información do FEGA, o sobrante de cota en España foi do 4,35 % na campaña 2010-2011, do 3,03 % na campaña 2011-2012 e do 2,77 % na campaña 2012-2013, que rematou en marzo de 2013.

A Comisión afirma, na análise da aterraxe de decembro de 2012, que despois dunha lixeira contracción das entregas de leite en 2009, a mellora nos prezos do leite na explotación e as mellores condicións climatolóxicas incrementaron os niveis de produción en 2010 e 2011. Cando a produción se incrementou (non soamente na UE se non en todas as rexións do mundo produtoras de leite) exerceuse unha presión  cara a abaixo sobre os prezos de leite na explotación e a produción de leite comezou a responder descendendo nos meses seguintes. Eses acontecementos mostran que a produción mundial do leite responde gradualmente seguindo aos sinais do mercado pero tamén que as condicións climatolóxicas teñen un papel importante no mercado do leite.

Nunha análise mais recente, a partir da campaña 2010-2011 ata setembro de 2013 e tendo en conta a diminución de prezos do ano 2012, dos datos da Comisión dos EE MM con maior cantidade de cota (Cadro 3) obsérvase que países grandes produtores como Alemaña, Países Baixos e Dinamarca están incrementando continuamente a súa produción sobre o mesmo período do ano anterior, mentres que o resto dos analizados a diminúen na campaña 2012-2013 respecto a 2011-2012, sendo as diminucións mais significativas as de Portugal – 6.1 %, Italia -5.1 % e Reino Unido - 4.9 % .

Cadro 3

VARIACIÓN RECENTE DAS ENTREGAS DE LEITE EN VARIOS ESTADOS MEMBROS DA UNION EUOPEA

Fonte: Elaboración propia a partir de informes da Comisión Europea sobre a situación do mercado do leite de Xuño 2012, Xuño 2013 e Decembro 2013, baseados en comunicacións dos EE MM a Eurostat

No período de abril a setembro de 2013, respecto de abril-setembro 2012 e como resultado do incremento dos prezos do leite, teñen crecemento positivo, ademais dos países que xa o tiñan no período anterior, Reino Unido (+0,4 %), Irlanda (+1,9 %) e España (+ 0,2 %).

No conxunto de España, segundo a información mensual de entregas de leite publicada polo FEGA (Cadro 4) nas campañas 2011-2012, 2012-2013 e de abril a novembro de 2013, obsérvase un incremento da produción do 2.45 %, 1.26 % e 0,02 %, respectivamente, en relación aos períodos inmediatamente anteriores. No caso de Galicia este valores son de 3.29 %, 1.39 % e 1,68 % , o que índica un maior crecemento da produción en Galicia que no resto das CC AA. A porcentaxe de entregas de leite en Galicia en relación co total do Estado, nestes períodos  foise incrementando continuamente do 37.59 % na campaña 2010-2011 ata o 38.73 % de abril a novembro de 2013.

Cadro 4

EVOLUCIÓN DE ENTREGAS DE LEITE EN ESPAÑA E GALICIA DENDE ABRIL 2010 A NOVEMBRO  2013 (Toneladas axustadas)

Fonte: FEGA. Información mensual de entregas de leite e elaboración propia

EVOLUCIÓN DE ENTREGAS DE LEITE EN ESPAÑA E GALICIA DENDE ABRIL 2010 A NOVEMBRO  2013

Fonte: FEGA. Información mensual de entregas de leite e elaboración propia

Unha análise mais polo miúdo da variación da produción como resposta á diminución dos prezos en Europa a principios de 2012 e ao incremento dos mesmos a principios de 2013 (Gráfico 1), en Galicia e no resto das CC AA amósase nos gráficos 3 e 4 que comparan a variación das entregas medias diarias de cada mes nos derradeiros catro anos.

Gráfico 3

FONTE: FEGA. Información mensual de entregas de leite e elaboración propia

Gráfico 4

Fonte: FEGA. Información mensual de entregas de leite e elaboración propia

Obsérvase unha variación estacional das entregas de leite, con mínimos diarios nos meses de setembro e outubro de cada ano e máximos en abril e maio. Ademais nótase un cambio de tendencia do incremento continuado de entregas dun mes en relación co mesmo mes do ano anterior a unha diminución en xaneiro de 2013 en Galicia e en novembro de 2012 no resto das CC AA. Este cambio é unha reacción á diminución relativa dos prezos que se produciu en abril 2012 en Galicia e maio 2012 no resto das CC AA (Gráficos 5 e 6).

Gráfico 5

Fonte: FONTE: FEGA. Información mensual de entregas de leite e elaboración propia.

Isto pon de manifesto que a reacción do sector á diminución de prezos é mais tardía en Galicia que no resto das CC AA. Por outra banda, cando se recuperaron os prezos en xaneiro de 2013 recuperouse o crecemento relativo da produción mais pronto en Galicia, xullo 2013, que no resto das CC AA de España, setembro 2013, o que parece poñer de manifesto un maior dinamismo dos produtores de leite galegos.

Gráfico 6

Fonte: FONTE: FEGA. Información mensual de entregas de leite e elaboración propia

Nesta evolución da produción poden influír tamén factores climatolóxicos e os prezos das materias primas, fundamentalmente pensos, pero ten unha repercusión especial o prezo do leite, unha de cuias características é a volatilidade.

En relación cos prezos na Unión Europea, nun escenario de volatilidade dos mesmos, de crecemento moderado da produción e de distribución estacional da mesma, nos primeiros meses de 2012  iniciouse unha diminución importante do prezo do leite  e en maio dese ano   rexistrouse un cambio de tendencia na que os prezos empezaron a remontar facéndoo con maior intensidade a partir de maio 2013, fundamentalmente pola influencia das exportacións de produtos lácteos a mercados asiáticos, situación que se mantén a finais do ano 2013 (Gráfico1).

No caso de Galicia (Gráfico 5), aparte da distribución estacional e dun crecemento moderado dos prezos desde a campaña 2010-2011, desde abril 2012 prodúcese un descenso persistente dos prezos medios mensuais ponderados do leite en relación co mesmo mes do ano anterior e que se mantén ata xaneiro de 2013 en que empezan a incrementar manténdose esa tendencia, pero, como xa se indicou, a diminución relativa das entregas medias diarias de leite por mes en relación coas entregas do mesmo mes do ano anterior non se manifestan claramente ata xaneiro 2013 e a recuperación destas entregas prodúcese de xullo de 2013 en diante.

No resto das CC AA (Gráfico 6) a diminución relativa do prezo do leite foi posterior (maio de 2012) e non se traduce nun descenso relativo da produción ata novembro de 2012 remontando os prezos en xaneiro de 2013 pero a recuperación non o fai, como xa se indicou, ata setembro 2013.

Outro feito constatado no sector lácteo de Galicia é que os prezos medios ponderados do leite nesta CA viñan sendo mais baixos que os prezos medios das outras CC AA de España. Segundo información do FEGA  (Gráfico 7) por termino medio, nas campañas 2010/2011, 2011/2012 e 2012/2013 o  prezo medio do leite en Galicia foi mais baixo en relación co resto das CC AA en 2,1 céntimos de euro/litro (6,6 %), 2,2 (6,7 %) e 2,6 (7,9 %) respectivamente en cada campaña, sendo o diferencial máximo de 3,3 cts./litro equivalente ao 10 % do prezo. 

Gráfico 7

FONTE: FEGA. Información mensual de entregas de leite e elaboración propia

Entre as causas destas diferencias poderían estar a menor dimensión media das explotacións en Galicia, a falta de suficiente industria transformadora na Comunidade Autónoma, ou a condición de rexión periférica e gran produtora situada lonxe dos grandes centros de consumo.

Posteriormente, en xaneiro 2013 coa demanda de produtos lácteos nos países asiáticos e o incremento xeral dos prezos do leite iniciouse tamén un descenso do diferencial entre  Galicia e outras CC AA de forma que en outubro de 2013 mudou a situación e o prezo en Galicia foi 0,8 cts./litro (2,1 %) superior á media das outras CC AA, polo que no que vai da campaña 2013-2014 (ata novembro 2013) o diferencial medio de prezo reduciuse a 0,04 cts./litro (1,2 %).

Por outra banda é necesario ter en conta que para unha mellor transparencia  na comparación dos prezos do leite en diferentes zonas e en distintas épocas do ano é necesario coñecer e ter en conta as porcentaxes de graxa e de proteína en cada caso, para poder utilizar un prezo  homoxéneo para, por exemplo, un leite corrixido en enerxía (ECM) do 4,0 % de graxa e 3,3 % de proteína e dende logo non caer no erro grave de comparar prezos por litro con prezos por quilo.

4.- Evolución da produción en Galicia e outras rexións da UE

A situación de Galicia no arco atlántico a coloca nunha posición moi favorable para a produción de leite xa que, en Europa, se está a desprazar esta produción das zonas do interior con explotacións mais intensivas ás zonas atlánticas mais aptas para pastos. No Mapa 1 indícase a produción de leite por cada rexión europea no ano 2011 segundo a información dispoñible en EUROSTAT e tendo en conta o leite comercializado e o leite consumido polas crías.

Mapa 1

MAPA DA DISTRIBUCIÓN DA PRODUCIÓN DE LEITE NAS REXIÓNS DA UE NO ANO 2011

Fonte: EUROSTAT e elaboración propia

No ano 2011, segundo a mesma información (Cadros 5 e 6), Galicia con 2,5 millóns de toneladas de leite producido, atopábase entre as 14 rexións europeas con produción anual de leite superior a 2 millóns de toneladas ao ano, a meirande parte delas situadas no arco atlántico e encabezadas por Bretaña cunha produción de 5,3 millóns de toneladas.

Cadro 5

DISTRIBUCIÓN DA PRODUCIÓN DE LEITE NAS REXIÓNS DA UNIÓN EUROPEA EN 2011

Fonte: EUROSTAT e elaboración propia . Datos de produción total, incluido leite subministrado ás crías. Datos de Galicia provisionais. n/d Dato non dispoñible

A información dispoñible desas rexións do período 2007-2011 indica que en todas elas estase a incrementar a produción a un ritmo anual variable do 5.96 % en Lüneburg (Alemaña) e 5.40 % en Podlaskie (Polonia) ao 0.74 % en  Oberbayern (Alemaña) e 1.27 % en  Lombardia (Italia), sendo o crecemento medio de Galicia do 2,0%.

Cadro 6

EVOLUCIÓN DA PRODUCIÓN ANUAL DE LEITE NAS REXIÓNS DA UE CON MAIOR PRODUCIÓN EN 2011

Fonte: EUROSTAT e elaboración propia. Datos de produción total, incluido leite subministrado ás crías. Datos de Galicia provisionais. n/d Dato non dispoñible.

Polo tanto pódese afirmar que a produción de Galicia está evolucionando do mesmo xeito que o están a facer o resto das rexións mais produtoras de Europa.

Outro parámetro a ter en conta nestas rexións é a poboación das mesmas, tanto en canto a indicador de posibles consumidores do leite producido, como no aspecto de xeración de postos de traballo directos ou inderectos polo sector leiteiro. Utilizando datos de 2011 a produción de leite por habitante nestas rexións mais produtoras de leite (Gráfico 8), os menores valores corresponden a rexións non atlánticas e con mellor acceso a mercados do leite e menor peso do sector na xeración de postos de traballo: as italianas de Lomabardía (425 quilos/hab) e Emilia Romagna (549), a alemana de Alta Baviera (545) incluíndo  Munich, e a polaca de  Mazowieckie (525) incluíndo Varsovia. No outro extremo están as  rexións atlánticas: a holandesa de Friesland (3.229), a polaca de Podlaskie (1.900) e as francesas de Basse-Normandie e Bretagne. A rexión de Galicia ten un valor intermedio (918 quilos/habitante) entre estes dous grupos.

Gráfico 8

Fonte: EUROSTAT e elaboración propia.

5 Superficie utilizada polas explotacións de leite en Galicia

O custo de produción do leite depende en boa medida do custo da alimentación e este do prezo dos pensos comprados e da dispoñibilidade de superficie para a produción de forraxes.

Unha das eivas das explotacións leiteiras galegas é a falta de superficie e a dificultade para  conseguir superficie adicional.

Sen embargo, (Cadro 7) analizando as superficies das explotacións que se manteñen no sector en 2011 e 2012 pódese afirmar que están conseguindo incrementar a superficie forraxeira nun 3,69 % anual (7.790 has),  pasando de 211.100  a 218.890 has.

Cadro 7

VARIACIÓN  DA SUPERFICIES FORRAXEIRAS EN EXPLOTACIÓNS LEITEIRAS DE GALICIA ENTRE 2011 E 2012

(*) 11.410 Explotacións con cota en 2011 e en 2012

FONTE: FOGGA e elaboración propia

Na distribución de cultivos estase a incrementar a superficie de millo en mais de 5.300 has (12,22 % anual) e a de praderías naturais en mais de 5.500 (33,5 % anual) e diminuíndo os pastos arbustivos e outras forraxes.

É necesario apoiar o incremento de superficie dispoñible para as explotacións de leite tanto desde a Administración como desde o resto dos axentes do sector ou da sociedade galega en xeral, como unha fonte de xerar riqueza e postos de traballo.

6. As explotacións de leite na nova reforma da PAC

Despois da primeira Comunicación da Comisión Europea de novembro de 2010 titulada: “A PAC no horizonte 2020: Responder aos retos futuros no ámbito territorial, dos recursos naturais e alimentario” e de tres anos de debates en Europa, en decembro de 2013, aprobáronse e publicáronse no DOUE os catro Regulamentos do Parlamento Europeo e do Consello que definen a PAC para o período 2014-2020. Estes regulamentos establecen a lexislación básica para os pagos directos a agricultores (Reg. (UE) 1307/2013), para a organización común de mercados de produtos agrarios (Reg. (UE) 1308/2013),  para a axuda ao desenvolvemento rural a través do FEADER (Reg. (UE) 1305/2013), e para o financiamento, xestión e seguimento da PAC (Reg. (UE) 1306/2013).

No relativo aos pagos directos e ao desenvolvemento rural existe unha amplia marxe de actuación para que os Estados membros poidan adaptalos ás peculiaridades das distintas rexións e sistemas produtivos. Neste sentido nas Conferencias Sectoriais de Agricultura e Desenvolvemento Rural de xullo 2013 e xaneiro de 2014 entre o Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente e as Comunidades Autónomas chegouse a acordos básicos para a aplicación da PAC en España no relativo aos pagos directos e ao desenvolvemento rural.

En todo caso a información dispoñible é escasa para facer unha mínima avaliación da repercusión que vai ter no sector lácteo de Galicia a aplicación da nova PAC neste novo marco que ratifica que o final do sistema de cotas o 31 de marzo de 2015, o que vai coincidir coa posta en marcha dos novos pagos directos a agricultores, que se implantarán o 1 de xaneiro de 2015 en tódolos EE MM.

6.1 O novo réxime de pagos directos

Os pagos directos aos produtores de leite, primeiro ligados totalmente á cota láctea e despois desligados e integrados na meirande parte no pago único, son actualmente un apoio importante á renda dos produtores de leite de Galicia (pódense estimar en mais de 90 millóns de €) e a súa continuidade é necesaria para a viabilidade das explotacións. 

No novo marco aprobado estes pagos, cun límite máximo nacional anual (LMN) por E M para todo o sector agrario (4.842,7 Millóns de euros para España  para 2015), distribúense en pagos obrigatorios para os EE MM (Réxime de pago básico, pago por prácticas agrícolas beneficiosas para o clima e o medio ambiente “pago verde” e pago para agricultores mozos) e outros pagos voluntarios para os EE MM (pago redistributivo, pago por limitacións naturais e axuda asociada á produción). Tamén prevé a reforma un réxime simplificado para pequenos agricultores (axudas inferiores a 1.250 €/ha) voluntario para os EE MM e para os agricultores.

O principal compoñente dos pagos directos é un Réxime de Pago Básico (entre o 48 e o 58 % do LMN do E M) en función da superficie agraria da explotación co mesmo importe unitario para todas as explotacións do mesmo Estado ou rexión. Inicialmente pode haber importes unitarios diferentes para as explotacións en función dos pagos recibidos no antigo réxime, pero no ano 2019 os importes por hectárea deben ser sensiblemente iguais.

Estas circunstancias poñen, inicialmente, en perigo o mantemento das actuais axudas ao sector lácteo galego debido á produción intensiva e á limitada superficie das explotacións en comparación coas grandes superficies de secaño de España, posto que  os importes que está recibindo actualmente este sector por hectárea de superficie en Galicia (próximos aos 400 €/ha) son case o dobre da media destes importes en ambas Castelas (algo superiores aos 200 €/ha).

Existen mecanismos na aplicación da PAC que poden diminuír este risco establecendo rexións que mesturen criterios administrativos e os relativos ao potencial agrícola e ás características agronómicas e económicas das mesmas, de forma que se definan territorios nos que os  importes de axuda actuais por hectárea sexan o mais homoxéneos posibles.

Os criterios adoptados en España son as comarcas agrarias definidas pola Administración Central (15 en Galicia e 316 en España) e catro grandes tipos de cultivo (cultivos de secaño, cultivos de regadío, cultivos permanentes e pastos). Isto podería permitir definir ata 1.264 rexións produtivas distintas en España e que se reducirán a un número de 22 a 24, agrupando varios importes de axuda por ha semellantes en función das axudas por ha recibidas en 2013 , evitando así a excesiva fragmentación do territorio. 

Os número de novos dereitos de 2015 asignaranse en función da superficie declarada en 2013 polos produtores, evitando así especulación de agricultores que puideran incrementar  desmesuradamente a súa superficie en 2015. No valor inicial dos dereitos de RPB 2015 teranse en conta os importes de axudas directas percibidas en 2014, pero en 2019 o valor dos dereitos deberán ser sensiblemente iguais en cada  rexión.

Neste modelo de rexionalización de España deberíase conseguir minimizar os efectos da converxencia interna das axudas e evitar transferencias de importes entre agricultores, gandeiros e territorios en relación cos importes de axuda percibidos no sistema actual.

A segunda axuda en importancia cuantitativa é a correspondente ao “pago verde” (30 % do LMN do E M ) para compensar aos gandeiros polas prácticas beneficiosas para o clima e medioambiente relacionadas coa diversificación de cultivos, mantemento de pastos permanentes e as superficies de interese ecolóxico. En xeral estes condicionantes poderían cumprilos sen problemas a meirande parte das explotacións leiteiras de Galicia que non baseen excesivamente a produción de forraxes no cultivo de millo. Terán mais facilidades as explotacións de menos de 30 has de terras de cultivo e tamén aquelas que dediquen  mais do 75 % da súa superficie agrícola admisible a gramíneas e outras forraxes temporais e pastos permanentes.

Tamén é relevante para o sector lácteo a axuda prevista na reforma como pagos asociados á produción (Ata un 15 % do LMN do E M) aos que se acollerán os produtores do sector lácteo por ser un sector que ten particular importancia por razóns económicas e sociais. Nesta asignación de importes ao sector lácteo deben terse en conta os resultados derivados da rexionalización do Réxime de Pago Básico para compensar a este sector pola previsible diferencia de importes derivada da insuficiencia de superficie das explotacións. Nos acordos da conferencia sectorial estableceuse que os sectores gandeiros, en particular, deberían ter unha consideración prioritaria dentro destes pagos, e na distribución feita en xaneiro por sectores dos 584,919 Millóns de euros (12,08 do LMN) do total desta axuda correspóndenlle ao sector do vacún de leite un total anual de 93,579 millóns, que se revisarán a mais tardar o 1 de xullo de 2016.

Dende o punto de vista cuantitativo, pero non de relevancia, é de menor importancia o pago en beneficio dos agricultores mozos (Ata o 2 % do LMN do EM) que percibirán anualmente os produtores menores de 40 anos nos cinco anos seguinte á súa instalación na explotación.

Así mesmo existirá un pago simplificado para pequenos agricultores que percibirían menos de 1.250 €, con menos obrigas e non suxeitos á converxencia de importes en 2019.

Na reforma se prevé un pago redistributivo que permite apoiar cunha axuda mais alta as primeiras 30 has de cada explotación pero que a Conferencia Sectorial non considerou oportuno aplicar en España. Podería ser positivo para Galicia polo reducido tamaño medio das explotacións pero tamén primaría a agricultura a tempo parcial en detrimento dos profesionais, como son todos os do sector lácteo.

Tampouco se apoiará con pagos directos ás zonas con limitacións naturais, aínda que se prevé na reforma ata un 5 % do LMN, pero terán o apoio pola vía do desenvolvemento rural.

6.2 O novo Desenvolvemento Rural

No novo marco establecido na normativa comunitaria existe marxe para a actuación dos EE MM. Na Conferencia sectorial se ten decidido a existencia dun Programa Nacional dotado con 238 millóns de euros e ademais Programas de Desenvolvemento Rural (PDR) a nivel Autonómico para o período 2014-2020, cunha dotación total de 8.053 millóns de euros de FEADER dos que á Comunidade Autónoma de Galicia correspóndenlle 889,8 equivalentes a un 11 % do total de España e 1 millón superior ao correspondente ao período 2007-2013.

Non obstante, ese mantemento do volume de fondos europeos vaise acompañar dunha forte redución da cofinanciación aportada pola Comunidade Autónoma e sobre todo pola Administración Central do Estado. Concretamente, se no período 2007-2013 entre a Administración Central e a CA case aportaban, a partes iguais, un euro por cada euro de fondos do FEADER, no período 2014-2020 só van aportar 1 euro por cada 3 de FEADER (a taxa de cofinanciación conxunta será a mínima esixida pola normativa europea, 25%). Na Conferencia Sectorial de xaneiro 2014 estableceuse que a Administración Central do Estado comprométese a aportar o 30 % do gasto nacional (7,5% dos fondos totais do Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia), polo que a Comunidade Autónoma deberá aportar o 70 % do mesmo, establecéndose unha diferencia importante co período de programación anterior (2007-2013) no que o financiamento do gasto nacional realizábase en partes iguais entre a Administración Central e a Comunidade Autónoma.

O resultado final é que o volume total de fondos públicos (da UE, do Estado e da CA) co que vai contar o Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia baixará de 1.493,9 millóns de euros (dotación inicial) no período 2007-2013 a 1.186,4 millóns no período 2014-2020; o que supón unha redución superior aos 300 millóns de euros, un 20,6% menos en termos relativos. Iso débese principalmente ao forte descenso dos fondos aportados pola Administración Central (que van baixar de 318,7 a 89,0 millóns de euros); aínda que tamén a cofinanciación da Xunta de Galicia vai diminuir (de 318,7 millóns no período 2007-2013 a 207,6 no período 2014-2020).

Aínda sen coñecer o contido do PDR de Galicia para o período 2014-2020 estímase que do mesmo vai depender unha parte importante da mellora da viabilidade do sector lácteo galego en aspectos como a modernización das explotacións, a incorporación de agricultores xoves, o apoio a explotacións en zonas con limitacións naturais nas que está instalada mais do 75 % da produción do leite de Galicia, o mantemento de sistemas de produción de leite mais respectuosos co medio ambiente e o aumento do valor engadido do leite a través de eficientes procesos de transformación e comercialización. Aparte do contido do PDR existe neste período maior responsabilidade da C A na cofinanciación do mesmo (70 %) para a utilización do FEADER asignado na mellora da competitividade do sector.

6.3 A nova Organización Común de Mercado Única (OCMU)

No novo Regulamento, con escasa marxe de actuación para o E M, mantense  unha “Rede de seguridade” para facer fronte aos desequilibrios do mercado no sector lácteo a través de compras pola  intervención pública e almacenamento privado.

Nas compras de intervención de manteiga e leite desnatado en po establécense uns prezos soleira ou límites  de 246,39  e 169,80 euros/100 quilos, respectivamente, moi por debaixo dos prezos medios de mercado na UE en xaneiro de 2014 de 408 e 318 euros/100 quilos, tamén respectivamente. A Comisión efectuará un seguimento dos prezos soleira establecidos atendendo a criterios obxectivos, atendendo á evolución da produción, dos custos (en concreto dos insumos) e das tendencias do mercado.

Aínda que o período de intervención amplíase nun mes, sendo agora do 1 de marzo ao 30 de setembro, non se fixan, a diferencia do regulamento anterior, nin prezos de compra para os produtos nin limitacións cuantitativas para as compras a prezo fixo, e as decisións sobre ambos temas as adoptará o Consello cando se abra o réxime de intervención. Todo isto ven a confirmar que realmente as medidas de intervención son unha rede de seguridade para momentos de graves crises no sector.

No caso de almacenamento privado establécese axuda  para, ademais do almacenamento de manteiga, como novidade, para leite desnatado en po e  para queixos de Denominación de Orixe Protexida e Indicación Xeográfica Protexida nos que o período de maduración teña finalizado. Na actualidade únicamente existe axuda para a manteiga.

Nun sistema sen cotas, considérase necesaria a realización dun seguimento dos prezos percibidos polos produtores, dos volumes de produción e tamén dos custos das materias primas e das marxes das explotacións, aspectos que se terán en conta no establecemento dos prezos soleira.

Contémplase tamén o desenvolvemento das medidas establecidas  no “paquete lácteo”: 

Recoñecemento de Organizacións de Produtores, Asociacións de Organizacións de Produtores e Organizacións Interprofesionais con un amplío marco de posibilidades de actuación

Posibilidade de que as OP recoñecidas negocien en común os termos dun contrato pola totalidade ou parte da produción dos seus membros

Dar transparencia e mellorar o equilibrio das relacións contractuais.

Exención en materia de competencia para os acordos e prácticas concertadas para a Organización Interprofesional do sector lácteo

Incorporar ao sector á xestión do mercado a través de actuacións que leven a cabo as Organizacións de produtores lácteos e a Interprofesional.

A Comisión Europea debe presentar informes a máis tardar o 30 de xuño de 2014 e o 31 de decembro de 2018, sobre a evolución do mercado do leite, contratos lácteos e negociación, OPL e organizacións interprofesionais. Tamén se incluirá información sobre as consecuencias para os produtores de leite e a produción de leite nas zonas desfavorecidas no marco do obxectivo xeral de manter a produción nas ditas rexións, e que inclúan os posibles incentivos para fomentar que os agricultores celebren acordos de produción conxunta, acompañados, se procede, das propostas axeitadas.

Neste marco as Organizacións de Produtores de Leite (OPL), a Interprofesional do Sector (INLAC no caso de España), e o sistema de contratos lácteos están chamados a xogar un papel decisivo no sector nun sistema sen cotas.

En relación coa implantación das Organización de Produtores de Leite (OPL), existen en xaneiro 2014 dúas OPL constituídas oficialmente en Galicia e agrupan a 3.472 gandeiros cun total de leite a comercializar anualmente de 824.272 toneladas, que supoñen un 29,77 % dos gandeiros e un 34,93 % da cota total da Comunidade Autónoma. Estas OPL,  potencialmente, estarían en disposición de negociación conxunta cos compradores das condición da venda do leite para formalizar posteriormente os contratos obrigatorios entre produtores e compradores. As porcentaxes de gandeiros e leite integrados en OPL no resto das CC AA son do 11,8 % e do 25,58 % , inferiores ás de Galicia.

Segundo o informe do MAGRAMA sobre a situación da implantación dos contratos no sector lácteo (SECOLE) de xaneiro de 2014, relativa a contratos en vigor a 30 de novembro de 2013, o número de contratos obrigatorios en España era de 13.263 equivalentes ao 65.15 % dos produtores con cota láctea e o leite con contrato nese mes era de 468.241 toneladas que signifícaa o 91.86 % das entregas mensuais medias de leite declaradas ao FEGA.

Aínda que se está avanzando na posta en marcha destas ferramentas para a negociación e formalización de contratos no sector, queda moito camiño por recorrer para acadar unha mínima eficacia do sistema en España e Galicia.

7. Resumo

Co establecemento da sistema de cotas lácteas en Europa en 1984 e a integración de Galicia na CEE en 1986 en función da produción de leite de 1985 (112.000 produtores de leite cunha produción media por explotación de  10.276 quilos), un sector lácteo galego incipiente e cun gran potencial produtivo tivo que desenvolverse dentro das murallas dun sistema que suponse que  mantivo os prezos nos valores menos malos posibles.

As diferentes reformas da PAC, con sucesivos e insuficientes incrementos de cota para España, non evitaron que Galicia tivera que facer fronte ao pago da taxa en seis campañas e que os gandeiros galegos se viran obrigados a facer investimentos millonarios na compra de cota ademais dos correspondentes á reestruturación de explotacións. Aínda así, Galicia, dende unha cota  de 1,52 millóns de toneladas distribuída en mais de 70.000 explotación de 21,6 toneladas de cota media por produtor na campaña 1992-93,  pasou a unha cota de 2,36 millóns de t. e  11.662 produtores con cota media de 202,3 t. na campaña 2012-13 o que supón un incremento total de cota do 55,2 % en 20 anos.

Aínda dentro do sistema de cotas, en Europa tivo lugar unha crise de prezos do leite que acadaron o seu valor mais baixo na primavera de 2009. Dende a administración europea déronse os pasos necesarios para establecer en 2012 a normativa denominada “paquete lácteo” que regula as relacións contractuais no sector, considerando o uso de contratos como un elemento de maior estabilidade,  potenciando o papel das organizacións de produtores lácteos (OPL) e reforzando o papel das interprofesionais.

A comisión Europea, nun informe de decembro de 2012 considera que a aterraxe do sistema de cotas previsto en 2008 está funcionando correctamente, que a cota xa non é un factor limítante na meirande parte dos países e que existen perspectivas favorables para o sector a medio e longo prazo, pero admite que existirán  dificultades para produtores en determinadas áreas con prezos altos de pensos e advirte da necesidade de apoiar con axudas ás rexións nas que a produción de leite xoga un papel importante.

En Galicia e no resto das CC AA, despois dun incremento continuado da produción mensual   en relación co mesmo mes do ano anterior, a derradeira crise de prezos tivo lugar a principios de 2012 e a posterior recuperación a partir de xaneiro 2013. Galicia amosou unha baixada mais tardía da produción como reacción á diminución de prezos que o resto de CC AA e tamén unha recuperación mais rápida da produción nesta CA que no resto cando os prezos aumentaron

Os prezos medios do leite ao produtor en Galicia foron, sistematicamente,  inferiores aos de España  chegando a ser a diferencia de ata o 6.5 % (2.1 cts. €/litro) en setembro de 2012, pero en xaneiro 2013, co incremento da demanda de produtos lácteos nos países asiáticos e incremento xeral dos prezos  do leite, iniciouse tamén un descenso deste diferencial de forma que en outubro de 2013 mudou a situación  o prezo en Galicia foi 0,8 cts./litro (2,1 %) superior á media das outras CC AA.

Pódese afirmar que en Galicia cunha situación privilexiada no arco atlántico e polo tanto na zona de Europa na que se está a concentrar a produción de leite en base á produción de forraxes,  a produción de leite está evolucionando, cun crecemento medio anual do 2 %, dunha maneira semellante ao que está a suceder no resto das rexións mais produtoras de Europa. 

As explotacións leiteiras galegas que se mantiñan no sector nos anos 2011 e 2012 , aínda coas dificultades propias da estrutura da propiedade da terra en Galicia con que se atopan, conseguiron incrementar a súa superficie forraxeira nun 3,7 % anual.

Na reforma da PAC aprobada en decembro de 2013, as axudas directas aos produtores de leite, que se porán en marcha en 2015 nas mesmas datas nas que desaparecerá o réxime de cotas, deberán manterse. No novo marco aprobado as decisións a tomar en relación cos pagos directos, coa superficie agraria da explotación, co método de rexionalización do pago básico a adoptar en España, cos pagos por prácticas beneficiosas para o clima e o medio ambiente e cos pagos asociados á produción de leite terán unha relevancia especial  para o sector.

No relativo ao desenvolvemento rural o PDR de Galicia 2014-2020, que vai contar cun volume global de fondos significativamente menor que no período 2007-2013,,  deberá contemplar medidas moi importantes para o sector lácteo, entre outras, de fomento do investimentos produtivos en explotacións, de axuda á incorporación de agricultores xoves, de apoio ao incremento do valor engadido do leite na transformación e na comercialización e de apoio ás explotacións en zonas con limitacións naturais nas que está implantada mais do 75 % da produción de leite de Galicia.

A nova reforma da OCM Única prevé  desenvolver  o “paquete lácteo”, que deberá de demostrar a súa eficacia, e tamén mantén medidas de intervención como “rede de seguridade” para facer fronte aos desequilibrios do mercado no sector lácteo.


Traballo realizado por:

José Luis Díez Díez

Newsletter

A través da nosa newsletter manterémolo informado das novas publicacións e eventos.